CoruñAves 2014


Xa está aquí CoruñAves 2014, a V edición da maratón ornitolóxica no Concello da Coruña organizada polo Grupo Naturalista Hábitat, que terá lugar o sábado 11 de xaneiro.

Esta actividade lúdica consiste en ver por equipos o maior número de especies de aves posible dentro do municipio da Coruña, utilizando material óptico (prismáticos/telescopio) e medios de transporte respectuosos co entorno (bus urbano, bicicleta ou a pé).

Quedarase no local do Grupo, na rúa Camariñas 8, baixo (a 150 m da Domus) ás 9 da mañá. O prazo para ver aves será ata as 13.30 h, momento no que haberá que presentarse no local para facer o reconto de especies e declarar o equipo gañador, que levará un pequeno agasallo. É moi importante chegar puntual, xa que un retraso supón a descalificación. 


As bases completas poden consultarse en formato PDF AQUÍ. O prazo de inscrición remata o 10 de xaneiro.
Segue lendo...

"Cuándo ver aves en Galicia"

Sempre é unha boa nova a publicación dun libro de calidade sobre natureza, e máis aínda cando está escrita por socios do G. N. Hábitat e da SGO: Antonio Sandoval e Damián Romay, dúas das grandes figuras da ornitoloxía galega.
"Cuándo ver aves en Galicia" reúne destinos e propostas de actividades para a observación de aves en Galicia en función da época del ano, agrupadas mes a mes e orientadas a observadores de aves en xeral, familias con nenos, ornitólogos curiosos e buscadores de rarezas, e observadores con espírito científico.

Tamén inclúe unha lista de recursos sobre aves e ornitoloxía galega, a lista actualizada das aves de Galicia, e coordenadas de máis de 290 localidades. De especial interese para observadores de aves e afeccionados á Natureza en xeral, así como para educadores e axentes sociais e turísticos, que atoparán información útil para organizar e promover excursións e actividades relacionadas coas aves.

O libro pode mercarse na páxina web da Editorial Tundra, ou a través do Grupo Naturalista Hábitat, que é punto de venta dos seguintes títulos desta editorial:
  • Para qué sirven las aves?. Antonio Sandoval.
  • Cuándo ver aves en Galicia. Antonio Sandoval & Damián Romay.
  • Un safari en el jardín. Guía del naturalista aficionado, inexperto y sin medios. Jesús Allo Hernández.
  • Introducción a la conservación de las especies. José Luis Tellería
  • Cómo escribir artículos científicos. Marcos Méndez Iglesias
  • Cómo diseñar estudios de campo. Marcos Méndez Iglesias
  • Introducción a la Ecología Comportamental. Un manual para el estudio del comportamiento animal.
Esta iniciativa ademais contribuirá ao financiamento do grupo, xa que parte do importe do libro será doado por Tundra a Hábitat. Se estás interesado, contacta connosco.

Segue lendo...

Aves Galicia 2014


Neste 2014, o Grupo Naturalista Hábitat e a SGO propoñen a todos os afeccionados á ornitoloxía a compilación de "listas diarias" de aves ordeadas por localidade ou UTM en Galicia. Esta iniciativa, coordinada polo noso socio Cosme Damián Romay, levará por nome "AvesGalicia 2014", sendo o período de actividade todo ese ano, ata o 31 de decembro de 2014.

Cada participante faría unha lista das aves vistas e/ou oídas durante un día (aínda que sexa unha visita duns minutos) en cada localidade ou UTM de 10x10 km, indicando o tempo empregado de observación e as estimas semicuantitativas ("decenas", "centos" ou "miles") para cada especie. Por exemplo: "Hoxe, 14.01.2014 vin na UTM NJ50 nos concellos de Sada e Oleiros, durante 1 h de observación: Anas platyrhynchos (centos), A. strepera (decenas), Phalacrocorax aristotelis, Ardea cinerea, (...) e Emberiza cirlus. Saúdos, X".

O método de envío sería simple: son válidas as listas como a do exemplo enviadas ao foro gnhabitat, a galiciaves, ou ao email c.d.romay@udc.es. Tamén serán válidas fotografías das notas de campo que conteñan a información solicitada, e que se envíen a ese email ou por Whatsapp ao teléfono 627 026 911.

Os datos remitidos cédense a Hábitat e á SGO, e serán xestionados polo coordinador do proxecto. O obxectivo deste proxecto é elaborar uns mapas de distribución e abundancias completos de especies ao longo do ciclo anual.

Para coñecer máis detalles deste proxecto, consulta este PDF ou visita a web do proxecto, e se tes dúbidas, contacta co coordinador.
Segue lendo...

Saúde e natureza!
Segue lendo...

Encontros Naturalistas 27/12: Lince, con Carlos Nores



O vindeiro venres 27 de decembro contaremos de novo cun interesante relatorio do Dr. Carlos Nores, Profesor da Universidade de Oviedo, Subdirector da fundación Oso Pardo e do INDUROT (Instituto de Recursos Naturales y Ordenación del Territorio) e especialista na bioloxía, distribución e conservación de mamíferos.

Nesta ocasión virá a falarnos do lince ibérico e da súa presenza histórica na cornixa cantábrica. A charla terá lugar no local do Grupo Naturalista Hábitat, Rúa Camariñas, 8-baixo (xunto á praza de Monte Alto) A Coruña, o venres 27 de decembro ás 20:30 h, e para despedir o ano, ao remate teremos uns pinchos de Nadal.

Dado o interese do tema e a relevancia do poñente participante é imprescindible que confirmedes a asistencia ao evento coa maior antelación posible enviando un correo electrónico co asunto ASISTENCIA a esta mesma dirección electrónica
Segue lendo...

Entrega de premios de debuxo "Vida silvestre do encoro de Cecebre"

 
Este luns 16 de decembro ás 20:30h, na sala de exposicións da Casa da Auga (A Coruña), terá lugar o acto de entrega de premios do I Certame de Debuxo "Vida silvestre do encoro de Cecebre", organizado polo G. N. Hábitat en colaboración con Emalcsa.
 
Neste acto participarán:
  • D. Jose Antonio Santiso, alcalde de Abegondo, presidente do comité executivo da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.
  • D. Enrique Luis de Salvador, concelleiro de medio ambiente do Concello da Coruña.
  • D. Ricardo Vázquez, director do Departamento de Investigación e Desenvolvemento de EMALCSA e membro do xurado do certame.
  • D. Jorge Blanco, xestor do Grupo de Desenvolvemento Rural “As Mariñas-Betanzos” e xestor da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.
  • D. Calros Rodríguez Silvar, ilustrador de natureza e membro do xurado do certame.
  • D. Santiago Vázquez, Presidente do G.N. Hábitat e membro do xurado do certame.
Agardamos contar coa presenza dos participantes nesta I edición do Certame de Debuxo.

Consulta o listado de gañadores
Consulta as obras premiadas

 

Segue lendo...

II Xornada de Iniciación á Ornitoloxía

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e o CEIDA, en colaboración co G. N. Hábitat, organizan a II xornada de iniciación á ornitoloxía, dirixida ao público xeral interesado en iniciarse no mundo da ornitoloxía. Terá lugar o venres 13 e sábado 14 de decembro no Castelo de Santa Cruz (Oleiros, A Coruña), e farase especial fincapé nas aves mariñas da Costa de Oleiros.
Programa:
Venres 13 decembro
16.00 h. As aves da ría do Burgo: observar, fotografiar, divertirse e pensar. Antonio Sandoval Rey, escritor e comunicador ambiental, autor do libro ¿Para qué sirven las aves?, SGO.
17.00 h. Introducción á observación de gaivotas. As gaivotas na contorna da cidade da Coruña. Xabier Varela Varela. Técnico ambiental, SGO/GN Hábitat.
18.00 h. Descanso
18.30 h. O mundo do birding. Cosme Damián Romai Cousido. Biólogo, SGO/GN Hábitat.
19.15 h. Coñecer e conservar. Cómo participar na defensa das nosas aves. Sergio París Gómez. Técnico ambiental, SGO.
20.00 h. Presentación do libro ¿Para qué sirven las aves?. Antonio Sandoval Rey, escritor, comunicador ambiental e autor do libro.
Sábado 14 decembro
10:00 h. Saída ornitolóxica pola Ría do Burgo.

Matrícula 10 € (Prazas limitadas)
Máis información: formacion@ceida.org - 981 630 618

Segue lendo...

Ampliado o prazo de inscrición na Escola de Naturalistas ata o 7-12-13

Amplíase o prazo de inscrición na Escola de Naturalistas ata o 7 de decembro de 2013, inclusive.

Se estás interesado envía a túa solicitude ao correo electrónico "escoladenaturalistas@yahoo.esxunto coa folla de inscrición debidamente cuberta antes do 07/12/2013. O importe do curso é de 55 € nunha única cota, en concepto de gastos para o material empregado nas actividades (telescopios, redes de captura, etc.), material didáctico, e gastos administrativos (solicitude de permisos de manipulación de fauna, expedición de certificados, etc.). Os socios do Grupo Naturalista Hábitat gozarán dunha cota de inscrición reducida (20 €).

Se aínda non sabes de que vai isto da Escola de Naturalistas, tes toda a información aquí:
Información na web
Información sobre o curso en PDF
Cartaz en PDF
Ficha de inscrición en PDF ou word

Segue lendo...

Exposición das obras participantes no certame de debuxo


Comprácenos anunciar que xa se pode visitar a exposición de todas as obras presentadas ao I Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre", organizado polo G. N. Hábitat en colaboración con Emalcsa.


A exposición está ubicada na planta baixa da Casa da Auga (rúa Manuel Murguía s/n, A Coruña), e o horario de visitas é: luns a venres de 7:30 a 23 h; sábados de 9:30 a 22 h; e domingos e festivos 9:30 a 21 h. Permanecerá aberta ao público ata o luns 16 de decembro, inclusive, data na que terá lugar a entrega de premios ás 20 h.

En total, participaron 88 artistas (54 menores de idade e 34 adultos) cun total de 165 debuxos (88 de menores de idade e 77 de adultos). Para coñecer máis detalles sobre os participantes, preme AQUÍ.

En canto aos premiados, elixiuse un debuxo como gañador en cada unha das categorías de especies (17 en total). Deles, os 12 mellores foron escollidos para ilustrar o calendario 2014 do G.N. Hábitat, e os tres mellores levarán premios en metálico de 150, 100 e 50 euros respectivamente. Ademais, o xurado decidiu outorgar dúas mencións especiais e un recoñecemento á calidade artística. Todos os datos dos premios e premiados están dispoñibles AQUÍ.




Segue lendo...

II promoción Escola de Naturalistas 2013-2014. NATURALÍSTATE



Se tes curiosidade pola natureza e ganas de aprender un pouco máis sobre ela, esta é a túa oportunidade. A Escola de Naturalistas é unha actividade realizada polo Grupo Naturalista Hábitat dende o ano 2009, única no ámbito da formación ambiental en Galicia, e resúmese en aprender a escoitar, ver e identificar os elementos que compoñen a biodiversidade galega.

A través de diversas actividades trataremos de afondar, de xeito teórico-práctico, no estudo das diferentes áreas do naturalismo (botánica, zooloxía, etc.). O calendario de actividades comezará en decembro de 2013 e terá unha duración de 10 meses. Cada un deles estará dedicado a un tema, primeiro cunha charla teórica que se impartirá no noso local (rúa Camariñas nº8 baixo, na Coruña) e logo cunha saída de campo.

Temario previsto:
  • Introdución ao naturalismo
  • Introdución á Ornitoloxía - saída de campo
  • Anelamento Científico de aves - xornada de anelamento
  • Introdución ao estudo dos mamíferos - saída de campo
  • Iniciación á fotografía da natureza - saída de campo
  • Introdución á herpetoloxía - saída de campo
  • Introdución á entomoloxía - saída de campo
  • Introdución ao coñecemento dos odonatos - saída de campo
  • Introdución ao coñecemento dos lepidópteros
  • Actividade de fin de curso: mesa redonda con naturalistas de referencia e BIOBLITZ
TOTAL: mínimo 15 h teóricas e 36 h prácticas. Os formadores participantes nestas actividades son naturalistas de ampla experiencia en cada unha das diferentes áreas tratadas no curso.

As datas das actividades confirmaranse ao inicio do curso, pero as charlas serán preferiblemente os xoves ou venres a partir das 20:30 h cunha duración aproximada de 1:30 h, e as saídas de campo terán lugar en fins de semana cunha duración de 3-4 h. A duración aproximada do curso será dun mínimo de 15 h teóricas e 36 h prácticas. O temario e datas estarán suxeitas a modificacións en función da dispoñibilidade dos poñentes e das condicións meteorolóxicas.

Os gastos de desprazamento e manutención non están incluídos na cota de inscrición, e correrán a cargo dos inscritos, pero tratarase de optimizar a forma de transporte nas saídas de campo, e intentarase levalas a cabo no entorno da Coruña e da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Se estás interesado envía a túa solicitude ao correo electrónico “escoladenaturalistas@yahoo.es” xunto coa folla de inscrición debidamente cuberta antes do 30/11/2013. O importe do curso é de 55 € nunha única cota, en concepto de gastos para o material empregado nas actividades (telescopios, redes de captura, etc.), material didáctico, e gastos administrativos (solicitude de permisos de manipulación de fauna, expedición de certificados, etc.). Os socios do Grupo Naturalista Hábitat gozarán dunha cota de inscrición reducida (20 €).

Os participantes na Escola de Naturalistas adquirirán a condición de membros do Grupo Naturalista Hábitat durante 1 ano, tendo dereito a participar de forma gratuíta en todas as demais actividades organizadas polo grupo, así como a recibir o material editado neste período.

Unha vez rematado o curso entregarase un certificado acreditativo de participación co número de horas teórico-prácticas recibidas. Para a obtención do certificado será obrigatorio asistir a un mínimo do 80% desas horas.
As prazas son limitadas (máximo 15 persoas), e no caso de que as solicitude superen o número de prazas, seleccionarase aos participantes en función dos criterios da Xunta Directiva. Aqueles inscritos non seleccionados pasarán a formar parte dunha lista de espera. Unha rematado o prazo de selección, notificarase vía e-mail/teléfono aos interesados, non máis tarde do 10 de decembro.
Se tes algunha dúbida, podes contactar connosco no e-mail escoladenaturalistas@yahoo.es ou no teléfono 981 135 014 (preferiblemente en horario de mañá).
Naturalístate xa!!

Ficha de inscrición en PDF ou word
Información sobre o curso en PDF
Cartaz en PDF

Segue lendo...

EN 28-nov: as gaivotas das Mariñas Coruñesas


Nos Encontros Naturalistas de novembro contaremos coa inestimable experiencia do ornitólogo Xabi Varela en identificación de gaivotas e diferenciación de idades polas plumaxes.

Haberá unha charla no local do grupo o xoves 28 de novembro ás 20:30 h, e unha saída práctica polos arredores de Coruña posiblemente o sábado 30 de novembro (a saída concretarase o día da charla).

Xa que o aforo do local é limitado, agradecemos que confirmedes a vosa asistencia por teléfono ou mail.
Segue lendo...

Gañadores do I Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre"

Primeiro Premio (150 euros)
Autora: Encarnación González Rodiño
Título da obra: Aguia Pescadora

                       Segundo Premio (100 euros)                                                                           Terceiro Premio (50 euros)
                                Autora: María Yolanda Martínez Balado                                        Autora: Rebeca Losada Blanco
                                                     Título da obra: Otoño                                                                         Título da obra: Picapeixe

                                                    



Aquí tedes as 3 ilustracións gañadoras no I Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre". As 9 restantes escollidas polo xurado, e que tamén aparecerán no vindeiro Calendario 2014 do G.N. Hábitat, foron as seguintes:



- Xoaniña de sete puntos (Coccinella septempunctata): María Yolanda Martínez Balado
- Crista de galo (Serapias lingua): María Yolanda Martínez Balado
- Lagarto das silvas (Lacerta Schreiberi): Rebeca Losada Blanco
- Rela (Hyla arbórea): Lorena Guinea Trigo
- Teixugo (Meles meles): Mónica Fernández López
- Ícaro (Polyommatus icarus): Susana Gómez Ríos
- Choupin (Macrolepiota procera): Andrea Rodríguez López
- Garza real (Ardea cinerea): Diana Sobrado Esporas
- Anguía (Anguilla anguilla): Irene Lema Suárez

Noraboa a todos os gañadores! 


Do mesmo xeito, o xurado decidiu conceder tamén dúas mencións especiais:

- Mención especial do xurado pola súa orixinalidade a Marta González Vila, pola súa obra titulada "Garza presumida".



- Mención especial do xurado ao esforzo e implicación nas actividades do G.N. Hábitat a Manuel Díaz Castro, quen achegou ilustracións das 17 categorías existentes neste certame.

Finalmente, ademáis dos agasallos previstos nas bases reguladoras, outorgaranse tamén diplomas acreditativos da súa participación no certame a todos os autores anteriormente nomeados, así como tamén a aqueles que resultaron gañadores nas restantes categorías que foron excluídas polo xurado para a súa aparición no calendario, e que corresponden a:

- Píntega común (Salamandra salamandra): Irene Lema Suárez
- Lontra (Lutra lutra): Carmen Mejuto Gayoso
- Corzo (Capreolus capreolus): María Isabel Baña Roibas
- Lirio amarelo (Iris pseudacorus): Nuria Bouzas Loureiro
- Amieiro (Alnus glutinosa): Andrea Rodríguez López

Recordámosvos que todas as obras (165 ilustracións), premiadas ou non, serán expostas na sala de exposicións da sede da empresa Emalcsa, C/ Manuel Murguía, s/n -Edificio Casa del Agua, planta baixa- 15011 (A Coruña), e poderán ser visitadas, previsiblemente, dende o día 26 de novembro ata o día 16 de decembro de 2013. O horario da sala é de luns a venres (7:30 a 23), sábados (9:30-22); domingos e festivos (9:30 a 21).

O acto de entrega de premios terá lugar, previsiblemente, ás 20:30 h. do luns día 16 de decembro de 2013, en acto público, que será celebrado na sala de exposicións da sede de Emalcsa, e no que agradeceremos a presenza de todos os participantes no certame.

Calquera modificación nas datas da exposición das obras ou do acto de entrega de premios será publicado no blog e redes sociais do G.N. Hábitat, así que estade atentos!

Moitas grazas a todos!



Segue lendo...

13-11-2002

O 13 de novembro de 2002, hai hoxe 11 anos, a raíz dunha vía de auga, o petroleiro de casco simple Prestige comezou a perder fuel fronte ás costas de Galicia, á altura de Cabo Fisterra. Seis días despois, afundiuse a 150 millas da costa, ao suroeste de dito cabo, e a 3.800 m de profundidade.

En total, vertéronse 64.000 das 77.000 toneladas de fuel-oil pesado que transportaba, que se esparexeron polo Atlántico nororiental, afectando en diferente medida á costa comprendida entre o norte de Portugal e o sur de Francia.

De toda a costa afectada polo verquido do Prestige, o litoral galego sufriu o maior impacto, especialmente a zona noroccidental (provincia da Coruña), que recibiu catro mareas negras importantes entre mediados de novembro e principios de xaneiro, aínda que a presenza de fuel nas costas prolongouse ata mediados de 2003.

Hoxe lerase a sentenza do xuízo por este accidente, mais de pouco servirá, xa que os barcos seguirán navegando con bandeiras de conveniencia, os controis seguirán sendo papel mollado e os políticos e xestores seguirán tomando decisións a para salvar o seu posto e mirando polo seu propio ben, antes que facer as cousas polo ben común.

O que podemos facer é fornecer información do que aconteceu, para, polo menos, aprender do ocorrido, e agardar que, no caso de se repetir un desastre similar, se fagan as cousas mellor.

  • Ano de construción do buque: 1976
  • País do propietario e do fletador: Liberia
  • Pabellón: Bahamas
  • Cantidade verquida : 64.000 toneladas de fuel oil pesado
  • Aves recollidas nas costas de Portugal a Francia: 17.061 mortas e 6.120 vivas
  • Estima de mortandade de aves: 115.000 - 300.000 aves
Documentos:

Segue lendo...

Éxito de participación no I Certame de Debuxo da Natureza do G.N.Hábitat



Un total de 88 artistas (51 nenos e 37 adultos) animáronse a participar enviando as súas obras para o I Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre" que o G.N. Hábitat, da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa), ven de organizar recentemente.

O total de obras achegadas ascende a 165 ilustracións! (84 de nenos e 81 de adultos), abranguendo diferentes estilos e técnicas, e estando representadas con creces o total das 17 especies contempladas nas bases do certame.

Dende o G.N. Hábitat queremos mostrar o noso máis sincero agradecemento a todos os participantes pola súa colaboración nesta actividade, e polo tempo e dedicación na elaboración das obras. Sen vós, esta iniciativa non sairía adiante!

Agora toca agardar á decisión do xurado...Moita sorte a todos!
Segue lendo...

Cuándo ver aves en Galicia

Comprácenos comunicarvos a publicación dun novo libro sobre ornitoloxía de Galicia, pero cun enfoque diferente: “Cuándo ver aves en Galicia”.

Escrito por dous grandes ornitólogos galegos e membros de Hábitat, Antonio Sandoval e Damián Romay, recolle propostas para ver paxaros en Galicia segundo a época do ano, dirixidas a observadores de aves en xeral, familias con nenos, ornitólogos curiosos que buscan aves escasas, e observadores cun enfoque máis científico.

Tedes máis información sobre esta obra na web de Tundra Ediciones, onde xa se poden facer pedidos. A partir do 20 de novembro distribuirase tamén en librerías, manterémosvos informados daquelas onde se poña á venda.
Segue lendo...

Lotería de Nadal 2013 xa á venda!


Xa están á venda as participacións para lotería de Nadal do Grupo Naturalista Hábitat. Este ano probaremos sorte con dous números, un deles o ano de fundación do grupo. Para facerte con elas, contacta connosco!

Ao mercar estas participacións, xogarás 2€ a cada número e contribuirás con 1€ ao sostemento das actividades que organizamos.
Segue lendo...

I Certame de Debuxo da Natureza

O Grupo Naturalista Hábitat, da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa), comprácese en organizar o I CERTAME DE DEBUXO DA NATUREZA "Vida silvestre do encoro de Cecebre", co gallo de seleccionar aquelas ilustracións que pasarán a formar parte do Calendario 2014 do G.N. Hábitat.

A participación no certame é aberta e de balde. De entre todos os debuxos achegados, o xurado escollerá aquelas 12 ilustracións máis destacables, as cales ademais de pasar a formar parte do vindeiro calendario, gozarán dunha serie de agasallos por parte dos organizadores e patrocinadores. Desas 12, as consideradas como as tres mellores obras polo xurado, terán tamén unha dotación económica.

O prazo de peche de inscricións e entrega dos debuxos remata o 31 de outubro de 2013.
Sexades ilustradores expertos, afeccionados ao debuxo ou simples amantes da natureza, ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!.

Descarga aquí as bases da convocatoria, folla de inscrición (PDF ou DOC) e o cartaz.
NOTAS:

  • As bases foron actualizadas con data 27/08/2013, modificando o punto 8 e engadindo un novo punto 14.
  • A ficha de inscrición, tanto PDF como DOC, foi actualizada con data 06/09/2013.

Consulta o listado de gañadores
Consulta as obras premiadas
Segue lendo...

Nace a CANLE YOUTUBE do G.N. Hábitat

Con esta nova ferramenta teredes acceso aos vídeos das nosas actividades, que iremos publicando regularmente nesta sección. Para visítalo só tedes que picar no novo banner que está no menú dereito do blog.

A nosa intención tamén é que todos aqueles que teñades vídeos das nosas actividades, e que queirades facernos chegar... Adiante!, queremos facervos partícipes e veremos de difundilos na canle.

Confiamos en que vos guste!

Segue lendo...

A Revista Oink dedícalle a súa contraportada ao G.N. Hábitat




A Revista Oink, revista do Xabarín Club, ven de dedicarlle a contraportada do seu recentemente publicado nº2 (outubro 2013) ao G.N. Hábitat. Esta revista, dirixida a un público infantil e pensada especialmente para os nenos e nenas galegos, mostra, entre moitos outros contidos, cuestións relacionadas co medio ambiente, facendo gala dunha liña didáctica sinxela, axeitada e fácilmente comprensible por todos os mozos e mozas galegos.

Deste xeito, a Revista Oink pon o seu grano de area no despertar dun interese polo coñecemento e a concienciación sobre o patrimonio natural galego nas xeracións máis novas, aquelas mesmas que terán nas súas mans a conservación da natureza no futuro.

A revista poderédela atopar nos quioscos galegos ou subscribiros dende a súa web.

Animádevos a botarlle un ollo!
Segue lendo...

Os máis pequenos de Paderne descubren as aves





O pasado día 9 de outubro de 2013, baixo o marco da proposta “Dinamización dos observatorios ornitolóxicos do Proxecto Mandeo promovidos pola deputación da Coruña” elaborada polo G.N. Hábitat, coa que se pretende mostrar aos nenos das escolas a riqueza ornitolóxica presente no seu contorno máis próximo, aproveitando para poñer en valor uns recursos materiais xa existentes para o goce da natureza, o persoal do G.N.Hábitat, da man do seu Grupo de Anelamento Píllara, levamos a cabo unha actividade de campo cos nenos dos centros escolares do Concello de Paderne.

Á xornada, dirixida aos alumnos das escolas infantís de Souto, Areas e A Viña, acudiron 25 nenos destes centros, que gozaron do campo e das aves dende unha perspectiva totalmente nova para eles. Á mesma, acudiron tamén os representantes do Concello e docentes dos devanditos centros, que gozaron igualmente das actividades desenvolvidas.

Ao longo de toda a mañá foron moitas as cuestións que se puideron abordar: mostrar aos asistentes o procedemento de recollida de aves mediante redes de captura, explicar o proceso, importancia e características do anelamento científico de aves, achegar a riqueza e diversidade de especies presentes na ría de Betanzos e ensinar o manexo dos prismáticos e telescopios para gozar da natureza. Todas elas foron seguidas con grande expectación, sobre todo polos rapaces! que malia súa pequena idade (duns 6 anos de media), fixeron gala dun enorme interese en coñecer todas aquelas especies de aves que viñan aparecendo ante os seus ollos.

Como resume da xornada, e grazas aos esforzos aplicados, puidéronse anelar un total de 33 exemplares de aves pertencentes a 10 especies diferentes, que fixeron as delicias de adultos e nenos.

As especies aneladas foron:
- Azulenta común (Prunella modularis)
- Paporrubio común (Erithacus rubecula)
- Carrizo común (Troglodytes troglodytes)
- Ferreiriño subeliño (Aegithalos caudatus)
- Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla)
- Papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala)
- Merlo común (Turdus merula)
- Picaxuncos común (Cisticola juncidis)
- Reiseñor da auga (Cettia cetti)
- Ferreiriño común (Parus ater)

Dende o G.N. Hábitat queremos agradecer os esforzos invertidos por todos os implicados na organización (persoal do Concello de Paderne e docentes dos centros), e moi especialmente aos verdadeiros protagonistas da xornada: os nenos e nenas que viñeron a gozar connosco da natureza! A todos eles, moitas grazas!
Segue lendo...

Resultados do Día das Aves 2013



O pasado domingo día 6 de outubro de 2013, con motivo da celebración do Día das Aves 2013, os integrantes do Grupo Naturalista Hábitat, da man do seu Grupo de Anelamento Píllara, levamos a cabo unha xornada de anelamento e observación de aves no encoro de Cecebre.

Á cita acudiron máis de 100 curiosos!, entre expertos e afeccionados ao campo e as aves, adultos e nenos con ganas de aproveitar o bo tempo, e na que todos gozamos dunha mañá neste entorno natural. Ata alí achegouse tamén a Televisión de Galicia, quen elaborou unha pequena reportaxe da actividade que foi emitida no noticiario, e que poderedes ver nesta ligazón: Reportaxe TVG_Día das Aves 2013.

En resume, puidéronse anelar un total de 12 especies diferentes de aves, as cales fixeron as delicias de cativos e adultos, xa que puideron ser fotografadas a pracer, aproveitando tamén para coñecer o procedemento, utilidade e importancia do anelamento científico. Do mesmo xeito, e grazas ao material óptico posto a disposición dos visitantes, puidemos comprobar in situ a variedade de especies de aves que visitan e repousan neste encoro. Así, un total de 22 especies distintas foron localizadas polo contorno a través dos prismáticos e telescopios, e coa axuda dos expertos.

En definitiva, unha moi boa experiencia para todos!

Especies observadas:
- Garza real (Ardea cinerea)
- Garza branca (Egretta alba)
- Cullereiro común (Platalea leucorodia)
- Mazarico rabinegro (Limosa limosa)
- Lavanco real (Anas platyrhynchos)
- Mergullón cristado (Podiceps cristatus)
- Cerceta real (Anas crecca)
- Azor común (Accipiter gentilis)
- Gabián común (Accipiter nisus)
- Tartaraña arpella (Circus aeruginosus)
- Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo)
- Gaivota patiamarela (Larus michahellis)
- Gaivota chorona (Larus ridibundus)
- Picaxuncos común (Cisticola juncidis)
- Lavandeira branca (Motacilla alba)
- Miñato común (Buteo buteo)
- Carrizo común (Troglodytes troglodytes)
- Pardal común (Passer domesticus)
- Corvo viaraz (Corvus corone)
- Pega marza (Garrulus glandarius)
- Pega rabilonga (Pica pica)
- Mergullón pequeño (Tachybaptus ruficollis)

Especies aneladas:
- Píllara real (Charadrius hiaticula)
- Liorteiro común (Philomachus pugnax)
- Bilurico bailón (Actitis hypoleucos)
- Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla)
- Papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala)
- Paporrubio común (Erithacus rubecula)
- Verderolo común (Carduelis chloris)
- Ferreiriño subeliño (Aegithalos caudatus)
- Martiño peixeiro (Alcedo atthis)
- Picafollas cantor (Phylloscopus trochilus)
- Merlo común (Turdus merula)
- Azulenta común (Prunella modularis)
- Ferreiriño negro (Parus ater)
- Reiseñor da auga (Cettia cetti)
- Lavandeira branca (Motacilla alba)
- Pimpín (Firngilla coelebs)
Segue lendo...

Anelamento e observación de aves en Cecebre

Con motivo do Día Mundial das Aves, o domingo 6 de outubro pola mañá gozaremos cunha nova xornada de observación e anelamento a cargo do grupo de Anelamento Píllara. Terá lugar nos arredores do observatorio ornitolóxico de Crendes, Abegondo (ver mapa), no encoro de Cecebre.

Ademais de poder observar os paxaros na man, e descubrir detalles asombrosos, os aneladores ensinarannos cómo se anelan as aves, que caractéres se estudan, e para que sirven.



Informe sobre a xornada
Segue lendo...