Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

A finais de setembro vai ter lugar a Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo coa programación de diversas actividades (conferencias, encontros e saídas ao campo). Organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e por Fragas do Mandeo, o obxectivo deste evento é divulgar e fomentar a protección da natureza a través de actuacións de custodia do territorio, dentro do marco da semana europea de custodia LandLife Week.

Xoves 27 de setembro, 20:00 h. Salón Azul do Liceo, Praza Irmáns García Naveira, Betanzos.
Conferencia: As necesidades de conservación do río Mandeo. Fernando Cobo Gradín, director da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, da Universidade de Santiago de Compostela.

Venres 28 de setembro, 9:00 - 14:30 h. Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (km 8 da estrada AC-542, Abegondo).
II Encontro Galego de Custodia do Territorio.

Sábado 29 de setembro, 9:00 – 19:00 h.
Visita ao bosque de Ridimoas no Ribeiro de Avia (Ourense).

Domingo 30 de setembro, 9:00 - 13:00 h. Observatorio ornitolóxico de Souto (Paderne).
Observación de aves na ría de Betanzos.

Para ver o programa completo en PDF, preme AQUÍ.
Segue lendo...

A Fundación Fragas do Mandeo xa ten fincas propias

O 5 de setembro foron asinadas as escrituras de compra-venda de dous montes na ribeira do río Mandeo, cunha superficie de 2.892 m2. Estas fincas forman parte do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo, e teñen unhas características ecolóxicas similares ás cedidas en Flores (Coirós, A Coruña), polo que se estenderán a elas as actuacións de mellora ambiental xa programadas.

A finalidade da cesión e adquisición de fincas é conservar a paisaxe e a biodiversidade da comarca de As Mariñas mediante mecanismos de custodia do territorio.

O importe destinado á adquisición foi achegado por varias persoas e asociacións que veñen colaborando con Fragas do Mandeo dende a súa fundación, ás que expresamos o noso agradecemento.

Anímate a sumarte a elas e formar parte activa na conservación da natureza da nosa bisbarra colaborando connosco.

Máis información en www.fragasdomandeo.org
Segue lendo...

A Fundación Fragas do Mandeo xestiona unha finca en Flores (Coirós, A Coruña)

Comprácenos anunciar que a Fundación Fragas do Mandeo (FFM), da que Hábitat é patrón, recibiu a principios de agosto a cesión por 20 anos dun monte situado na ribeira do Mandeo, preto do lugar de Flores (Coirós, A Coruña), grazas ao altruísmo de D. Ángel Gayoso, veciño de Ois.

A finca ten unha superficie catastral de 2.715 m2 e forma parte do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo. Ao estar situada na ladeira do val ten unha elevada pendente, e a vexetación vai cambiando coa altura: a parte superior esta poboada por un eucaliptal, a media ladeira medra un queirogal e na zona máis baixa, lindando co río, atópase un denso bosque de ribeira.

O obxectivo desta cesión é que a FFM a xestione o espazo para a conservación da biodiversidade e da paisaxe. O primeiro paso será a eliminación do eucaliptal e posterior rexeneración da cuberta vexetal con especies autóctonas, mellorando a calidade do hábitat e diminuíndo o risco de lumes.

Fragas do Mandeo e o Grupo Naturalista Hábitat agradecen a D. Ángel Gayoso a súa xenerosidade, ao seu fillo Miguel as xestións na zona en favor da fundación, e á asociación Fillos de Ois a oportunidade de dar a coñecer os nosos proxectos.

Para máis información www.fragasdomandeo.org
Segue lendo...