RARO 2011: aberta a primeira rolda de votacións


  • A quinta edición dos premios RARO recoñecerá a observación ornitolóxica máis singular entre quince nomeadas.
  • A primeira rolda de votacións está aberta a todos os interesados até o vindeiro venres 10 de febreiro ás 22 h.

Cada ano chegan a Galicia moitas especies de aves escasas ou que non son propias da nosa rexión, e coñécense como rarezas dentro do mundo da ornitoloxía. Pode tratarse tanto de aves de orixe americana, asiática ou africana, como propias doutras partes de España que resultan moi difíciles de ver no Noroeste peninsular. Estas observacións levantan unha expectación extraordinaria entre os ornitólogos, xa que supoñen unha oportunidade única de ver estas especies.

Este ano terá lugar a quinta edición dos premios RARO, dirixidos a destacar a observación ornitolóxica máis singular do ano, e a segunda do VAIA FOTO!, que premia a mellor fotografía dunha rareza en Galicia. Estes galardóns pretenden animar a todo o mundo a afeccionarse á observación de aves, unha actividade altamente satisfactoria e comprometida coa conservación do medio natural.

A primeira rolda de votacións está aberta a todos os interesados até o vindeiro venres 10 de febreiro ás 22 h, e hai que elixir a 5 dos 15 finalistas de cada categoría publicados no blog www.travellingbirds.blogspot.com. Na segunda rolda, que rematará o domingo 19 de febreiro ás 22 h, haberá que escoller un entre eses cinco. Para votar só hai que enviar un correo electrónico a Pablo Gutiérrez (pabletevarga(@)yahoo.es), membro do comité de rarezas da SEO e co-organizador dos premios RARO.

A entrega de premios terá lugar o domingo 26 de febreiro en Ortigueira (A Coruña) durante un xantar de confraternización aberto a todos os afeccionados á ornitoloxía e o bo comer, previo aviso á organización.

Na pasada edición dos premios RARO e VAIA FOTO! máis de 100 persoas votaron para elixir a observación máis excepcional e envexable, e a mellor foto do 2010, e case 40 asistentes participaron no xantar e a entrega de premios.

Os gañadores de anteriores edicións foron:

  • RARO07: Charadrius leschenaultii, 1 exemplar en Ponteceso (A Coruña) o 31 de xullo de 2007 (Marcos Otero e María Vidal). Esta limícola cría desde Turquía ata o leste de Asia, e inverna nas costas do océano Índico e as Australianas. Primeira cita para Galicia e terceira para España.
  • RARO08: Xenus cinereus, 1 exemplar en Baldaio (A Coruña) o 25 de xullo de 2008 (Xabi Varela Varela). Primeira cita para Galicia.
  • RARO09: Hippolais caligata, 1 exemplar en Cobas, Ferrol (A Coruña) o 8 de outubro de 2009 (Pablo Gutiérrez). Primeira cita para Galicia desta especie asiática.
  • RARO10: Phaeton aethereus, 1 exemplar pasando fronte a Estaca de Bares (A Coruña) o 18 de outubro de 2010 (Antonio Sandoval, Ricardo Hevia e Álvaro Barros). Primeira cita para Galicia, e primeira cita desde terra para península Ibérica e Europa continental.
  • VAIA FOTO!10: Empate entre Antonio Gutierrez (foto de Stercorarius longicaudus, págalo rabero) e José Luis Salaverri (foto de Anthus cervinus, bisbita gorgirrojo).

No hay comentarios: