Resultados de Coruñaves 2012 (III maratón ornitolóxica no municipio da Coruña)

O pasado domingo día 8 de xaneiro de 2012 celebrouse a terceira edición da maratón ornitolóxica do municipio da Coruña, organizada polo Grupo Naturalista Hábitat co apoio de Foto Artús. Esta maratón, bautizada este ano como Coruñaves 2012, tivo como principal obxectivo observar o maior número de especies de aves dentro do concello herculino ao longo dunha mañá en grupos de 2 ou 3 observadores.

Os tres equipos participantes foron:
Equipo A: Óscar Vázquez, Santi Vázquez e Luis Corral.
Equipo B: Alberto Monteagudo, Antía e Belén Lorenzo
Equipo C: Óscar Llama e Damián Romay

Ás 9:30 h partiron desde o local de Hábitat na rúa Camariñas, regresando a este ás 13:30 h, tras percorrer varios lugares do municipio a pé ou empregando as liñas de autobús público, garantindo así a absoluta sustentabilidade ecolóxica da iniciativa.

Os resultados finais foron moi notables, con 55 especies de aves vistas en total polos tres equipos, destacando as observacións de mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis), gaivota arxéntea (Larus argentatus), arao (Uria aalge) e pardal montés (Passer montanus), todas elas especies escasas ou raras na Coruña. 22 especies foron vistas por un só dos grupos, conseguindo por elo 3 puntos. Outras 10 foron observadas por dous equipos (obtendo por isto 2 puntos) e 23 serían vistas polos tres equipos participantes (1 punto).

O equipo gañador, formado por Óscar Llama Palacios e Cosme Damián Romay Cousido, logrou observar 46 especies de aves, acumulando 84 puntos, en boa parte grazas a ver 15 especies non detectadas polos outros grupos. O premio foi unha cesta de produtos Hábitat, que incluía, entre outros agasallos, os derradeiros números de Chioglossa e A Mobella e un forro polar de Hábitat.

A continuación poder ver os resultados das especies avistadas por equipos e por zonas:

No hay comentarios: