6-1-2012 Día dos Prismáticos na ría do Burgo. Achégate ás aves!


Como os Reis Magos, o Apalpador e o Pai Nadal soen portarse moi ben, hai moitos nenos e adultos que o 6 de xaneiro reciben uns prismáticos ou un telescopio, e achéganse á ría do Burgo para estrenalos.

Por iso, Hábitat organiza por primeira vez o Día dos Prismáticos, unha xornada divulgativa para achegar a observación de aves (e por que non, outra fauna) ao público xeral.

Terá lugar o venres 6 de xaneiro, día de Reis, no paseo marítimo da ría do Burgo (xunto ao xardín botánico) de 12 a 14 h e de 16 a 18 h. Ademáis de informar aos paseantes sobre como empregar o material óptico e as especies máis comúns que se poden ver na ria, poñeremos á súa disposición unhas cantas guías de campo, así como un pequeno mercadillo con material do Grupo (A Mobella, Chioglossa, calendarios, forros polares...) e outros produtos.
Segue lendo...

III maratón ornitolóxica na Coruña - CORUÑAVES 2012

O vindeiro domingo 8 de xaneiro terá lugar a III maratón ornitolóxica no concello da Coruña - CORUÑAVES 2012.

Esta actividade lúdica consiste en ver por equipos o maior número de especies de aves posible dentro do municipio da Coruña, utilizando material óptico (prismáticos/telescopio) e medios de transporte respectuosos co entorno (bus urbano, bicicleta ou a pé).

Quedarase no local do Grupo, na rúa Camariñas 8, baixo (a 150 m da Domus) ás 9 da mañá. O prazo para ver aves será ata as 13.30 h, momento no que haberá que presentarse no local para facer o reconto de especies e declarar o equipo gañador, que levará un pequeno agasallo.

É moi importante chegar puntual, xa que un retraso supón a descalificación.

A continuación detállanse as bases, que podes descargar en formato PDF AQUÍ.

III maratón ornitolóxica no concello da Coruña
CORUÑAVES 2012

Bases

1. Participantes: poderán participar na maratón Coruñaves 2012 todas aquelas persoas que o desexen. Formaranse equipos de 2 ou 3 participantes, segundo o número de inscritos.

2. Inscrición: a inscrición é gratuíta e o prazo estará aberto ata o día anterior á celebración da maratón. Realizarase por teléfono (981 135 014) ou correo electrónico (gnhabitat@yahoo.es), indicando nome completo e datos de contacto (e-mail e teléfono).

3. Localización: só se permitirá ver aves dentro dos límites do municipio da Coruña. Para a zona marítima, considérase a metade occidental da ría da Coruña e metade oeste da zona externa da ría do Burgo. Serán válidos os avistamentos mar afora da costa norte do municipio, sen límite de distancia. O punto de saída e de chegada será o local do Grupo Naturalista Hábitat, situado na rúa Camariñas nº 8 (baixo) da Coruña (a 150 m da Domus).

4. Horario: os participantes deberán presentarse no local do Grupo ás 9.00 h, para organizar os grupos, repartir o material e lembrar as normas. A saída será ás 9.30 h. O prazo para ver aves estenderase ata as 13.30 h, momento no que deberán presentarse de novo no local do Grupo. É moi importante chegar puntual, xa que un retraso (incluso duns poucos minutos) supón a descualificación do equipo.

5. Material: permitirase o uso de prismáticos e/ou telescopio, así como cámaras fotográficas. Cada participante achegará o seu material, agás a ficha para anotar as observacións, que será facilitada por Hábitat.

6. Medios de transporte e comportamento: será obrigatorio o uso de medios de transporte ambientalmente sostibles (isto é, bus urbano, bicicleta ou a pé). Os participantes deberán ser respectuosos co contorno e non molestar á fauna nin prexudicar á flora.

7. Especies válidas e sistema de puntuación: terán validez só as especies vistas e/ou escoitadas por todos os membros do equipo dentro do municipio da Coruña. Todas as especies deben ser anotadas na lista impresa facilitada por Hábitat. Ao finalizar a maratón, contabilizaranse todas as especies detectadas, que puntuarán do seguinte xeito:
  • 3 puntos por cada especie vista só por un dos equipos participantes.
  • 2 puntos por cada especie vista só por dous dos equipos participantes.
  • 1 punto por cada especie vista por tres ou máis equipos.
Non se terán en conta as especies domésticas, exóticas e/ou escapadas.

8. Reconto de especies e puntos: ás 13.30 h no local do Grupo terá lugar o reconto de especies detectadas por cada equipo, a asignación de puntos e a declaración do equipo gañador. No caso de empate no número de puntos, valorarase a cantidade de especies vistas exclusivamente por cada equipo empatado para resolver o empate.

9. Premio: o equipo gañador será agasallado cunha cesta de produtos “Hábitat”.

10. A participación neste certame supón a aceptación das presentes bases. Calquera dúbida ou cuestión que aconteza e non estea recollida nas mesmas será aclarada pola Xunta Directiva do Grupo Naturalista Hábitat (gnhabitat@yahoo.es - 981 135 014). Segue lendo...

Encontros Naturalistas 23-12: xestión cinexética sostible


O vindeiro venres 23 de decembro contaremos de novo cun interesante relatorio do Dr. Carlos Nores, Profesor da Universidade de Oviedo, Subdirector da fundación Oso Pardo e do INDUROT (Instituto de Recursos Naturales y Ordenación del Territorio) e especialista na bioloxía, distribución e conservación de mamíferos.

A charla terá lugar no local do Grupo Naturalista Hábitat, Rúa Camariñas, 8-baixo (xunto á praza de Monte Alto) A Coruña, o venres 23 de decembro ás 20:30 h, e leva como título "Bases metodolóxicas do seguimento das especies cinexéticas e a súa xestión sostible".

Dado que o aforo é limitado, pregamos confirmedes a vosa asistencia cun día de antelación no e-mail do grupo (gnhabitat@yahoo.es) co asunto "ASISTENCIA".

Graciñas!.
Segue lendo...

Áreas prioritarias para avifauna

DOG 21/12/2011
Consellería do Medio Rural
RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se delimitan as áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

Ver resolución completa en PDF.

Segue lendo...

Calendario 2012 e Chioglossa III

Comprácenos anunciar que xa temos impreso o volume III da Chioglossa, tamén dispoñible en formato dixital na web www.chioglossa.com.

Tamén dispoñemos en papel do calendario de 2012, que desta vez trata sobre o Espazo Natural de Interese Local illas do Portiño.

Os socios do Grupo recibirán en breve por correo postal estas dúas publicacións, xunto coa convocatoria de asemblea de xaneiro. Se non es socio e queres facerte con elas, contacta connosco! Segue lendo...

RD 1628/2011. Catálogo español de especies exóticas invasoras

Real Decreto 1628/2011, de 14 de noviembre, por el que se regula el listado y catálogo español de especies exóticas invasoras.

Ver PDF (BOE 12/12/2011)

Segue lendo...

Entrevista a Hábitat en Radiofusión

O pasado 7 de decembro de 2011, o programa O Viraventos de Radiofusión, a programación conxunta das Emisoras Municipais Galegas, contou coa participación do Grupo Naturalista Hábitat, grazas á FEG.

A entrevista, ofrecida por Damián Romay, tratou principalmente sobre o proxecto FAME no que estamos a colaborar, e sobre o que podes informarte AQUÍ.

Podes ver a nova en prensa ou escoitar/descargar o arquivo MP3 da entrevista.
Segue lendo...

RD 1599/2011. Red de Áreas Marinas Protegidas de España

Real Decreto 1599/2011, de 4 de noviembre, por el que se establecen los criterios de integración de los espacios marinos protegidos en la Red de Áreas Marinas Protegidas de España.

Ver PDF (BOE 07/12/2011)

Segue lendo...