Hábitat colabora nos actos do aniversario da Fundación Fragas do Mandeo

Fragas do Mandeo, o fondo de conservación da natureza de As Mariñas, ven de cumplir un ano dende a sinatura da escritura pública de constitución. Para celebrar o aniversario, organizáronse unha serie de actos nos que o Grupo Naturalista Hábitat participou activamente:

Acto de presentación
O venres 1 de xullo no Liceo de Betanzos fíxose unha presentación da fundación, a custodia do territorio e do traballo feito neste primeiro ano de vida. A charla estivo acompañada de dúas proxeccións fotográficas de especialistas en retratar a natureza:
  • Noroeste, imaxes de aves acuáticas de Álvaro Fernández Polo e Antonio Ramos Souto, da Asociación Ornitolóxica Calidris, que nos permitirá coñecer mellor a avifauna da ría de Betanzos e de Galicia.
  • Tesouros Mariñáns, fotografías da fauna e flora do río Mandeo, tomadas por Manuel Cañás.

Pasando á acción
O domingo 3 de xullo levouse a cabo a retirada de lixo e eliminación de especies alóctonas invasoras na praia da Alameda en Ponte do Porco (Miño).
As especies diana foron a uña de gato (Carpobrotus edulis) e os plumeiros (Cortaderia selloana). A mata de uña de gato (Carpobrotus edulis), que cubría unha extensión de 30 metros cadrados, foi totalmente arrincada de raíz. Tamén se arrincaron os 61 pes de plumeiros (Cortaderia selloana), pero neste caso non foi tan doado. Aparentemente aínda eran pequenos e o chan areoso debería facilitar o arranque, pero o certo foi que as extensas e fortes raíces obrigaron a traballar duro, e incluso o mango dalgunha pala rompeu. A calor do día non axudou, e traballar con manga corta supuxo que algúns acabaran cos brazos lacerados (as follas teñen un borde serrado e cortante).
Mentres uns arrincaban as invasoras, outros voluntarios recollían lixo. Na praia da Alameda está citado un escaravello ameazado, a Eurynebria complanata, cuxa poboación mundial está en franca regresión, polo que hai que tomar medidas precautorias. A recollida manual do lixo evita o uso de maquinaria pesada que pode afectar gravemente á poboación presente.
Esta actividade contou cos correspondentes permisos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Xunta de Galicia) e de Demarcación de Costas de Galicia (Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino), colaborando o Concello de Miño no transporte e eliminación dos residuos.

Sociedade solidaria
Tamén o domingo 3 de xullo instalouse un rastrillo solidario na praza do Campo (Betanzos), para recoller fondos destinados á custodia do territorio en As Mariñas.
Ademais de ofrecer información sobre os obxectivos de Fragas do Mandeo, nos case 20 metros de posto puxéronse á venda produtos de todo tipo: libros, cristalería, louza, obxectos de regalo, discos, complementos, etc. As gangas estimularon as ventas e os obxectos atoparon un novo destino, facendo realidade a segunda acción do principio das tres erres: «reduce, reutiliza, recicla». Os fondos recollidos serán destinados á adquisición de fincas de interese ambiental na bisbarra.

Agradecementos
Temos que agradecer ao Concello de Miño e aos membros de Protección Civil a colaboración no transporte do lixo e dos residuos das plantas invasoras para o seu posterior tratamento; ao Concello de Betanzos por cedernos o salón azul e as mesas para o rastrillo; ás persoas e entidades que nos axudaron dunha ou outra maneira e que doaron os produtos en venta, entre eles a Biblioteca Central Rialeda, as asociacións Eira Vella, Lar de Unta e O Rabo do Galo, Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Ornitolóxico Calidris e ó fotógrafo Manuel Cañás.
Pero sobre todo, agradecer ós 23 voluntarios que traballaron activamente nos preparativos e nas dúas xornadas do evento.
Segue lendo...