Censo de Carpobrotus sp. desde Caión (A Laracha) a Praia de Alba (Arteixo)

A unlla de gato (Carpobrotus edulis e C. acinaciformis) é unha planta surafricana de gran potencial invasor, pola súa adaptabilidade a novos hábitats e capacidade de rebrote unha vez cortada, entre outras características. Supón unha ameaza para a flora autóctona xa que provoca a extinción de especies nativas ou o empobrecemento da biodiversidade por competencia.

Dende o Grupo Naturalista Hábitat, aínda sabedores de que hai outras ameazas dos ecosistemas costeiros se cadra máis graves, decidimos abordar o problema que supón esta planta invasora por axustarse a un obxectivo ambiental asequible por medio do voluntariado.

No 2008 e 2009 censamos as poboacións de unlla de gato do LIC Costa da Morte e do litoral do Concello de Arteixo, e mesmo eliminamos algunhas desas poboacións, coa colaboración de socios e voluntarios. Coma continuación deses traballos organizamos un novo censo de Carpobrotus sp. que cubrirá o tramo comprendido entre Caión (A Laracha) e a Praia de Alba (Arteixo), conectando así as zonas traballadas en anos anteriores.

O censo consiste en percorrer a pé tramos de costa, rexistrando as matas de unlla de gato existentes, e tomando para cada unha delas unha serie de datos sinxelos (posición xeográfica, tamaño da mata, zona onde crece, etc.).

Convidámosvos a participar nesta actividade que terá lugar o vindeiro domingo 26 de xuño pola mañá. Para facilitar a organización, prégase confirmación previa no correo gnhabitat@yahoo.es ou no teléfono 981135014. O material necesario para o desenvolvemento da actividade será aportado polo Grupo Naturalista Hábitat.

Gracias pola vosa colaboración!
Segue lendo...

Training Day. 25 de xuño: odonatos en Monforte (Lugo)

O vindeiro 25 de xuño, o grupo Naturalista Hábitat en colaboración coas asociacións Saramaganta, Drosera, Numenius e Asociación Galega de Custodia do Territorio, no marco das actividades realizadas dentro do Centro de Conservación e Estudo da Natureza “Casa das Ínsuas”, organizan un novo Training Day para o desfrute e mellora do noso coñecemento sobre a comunidade de odonatos do val de Lemos (Monforte e arredores).

Para a realización desta actividade contaremos cos amplos coñecementos do catedrático en ecoloxía Adolfo Cordero, profesor da EEF da Universidade de Vigo.

Este Training Day realizarase o 25 de xuño (sábado) ás 11:00 h na localidade de Ribasaltas, ó norte de Monforte de Lemos (ver MAPA).

Realizaremos unha visita ás principais zonas húmidas do val, prestando atención ás diferentes especies de odonatos presentes neste sector do val do río Cabe. Para abrir boca, a zona foi visitada brevemente este fin de semana por Martiño Cabana e Anxos Romeo, e puideron detectarse as seguintes especies nos puntos que visitaremos (21 especies):
Calopteryx virgo
Calopteryx xanthostoma
Lestes barbarus
Lestes dryas
Sympecma fusca
Ceriagrion tenellum
Coenagrion mercuriale
Coenagrion puella
Coenagrion scitulum
Enallagma cyathigerum
Ischnura graellsii
Pyrrhosoma nymphula
Platycnemis acutipennis
Aeshna mixta
Anax imperator
Gomphus pulchellus
Crocothemis erythraea
Libellula depressa
Libellula quadrimaculata
Orthetrum cancellatum
Sympetrum fonscolombei
Na zona de Monforte coinciden 3 das especies máis ameazadas de Galicia que poderían ser observadas: Macromia splendens, Oxygastra curtisii e Gomphus graslinii.

LEMBRAR, coma sempre:

Os Training Days son gratuítos pero non se cubre ningún gasto. É obrigatorio solicitar reserva de prazas debido a que hai prazas limitadas. Enviádeme un correo co voso nome e un teléfono móbil (necesario por seguridade e para quedar no punto de encontro).

Os desprazamentos levaranse a cabo en vehículos propios. Como a orixe de cada persoa é dun lugar diferente de Galicia é imposible o aluguer dun autobús. Indicádeme o lugar de orixe, se dispoñedes de vehículo propio e se este ten prazas libres para agrupar ós participantes no menor número posible de coches. Recordade que debemos minimizar o gasto de combustibles fósiles e a emisión de CO2 á atmosfera.

Para a comida recomendamos levar bocata ou similar para non gastar moito tempo. Non pararemos en ningún lugar para facer compra polo que a comida debe traerse de casa. Non vos esquezades da bebida. Recordade que Enciña da Lastra está situada nunha zona mediterránea de moita calor polo que pode ser necesario moita cantidade de auga, gafas de sol e protección solar.

Para calquera dúbida, podedes poñervos en contacto con nós en calquera momento.
Segue lendo...

Xornada técnica: Estratexias de Conservación e Posta en Valor de Espazos Naturais nas Mariñas–Betanzos

O Grupo Naturalista Hábitat é o coordinador das Xornadas Técnicas para a elaboración dunha Estratexia Medioambiental nos Grupos de Desenvolvemento Rural “EuroEume”, “As Mariñas-Betanzos” e “Comarca de Ordes”.

O GN Hábitat encargouse, en cooperación coa xerencia dos GDR, da elaboración dos obxectivos específicos das xornadas, da selección das áreas de coñecemento e da proposta do panel de expertos que desenvolveron os informes para cada unha destas áreas.

Froito disto, Hábitat colabora agora na coordinación da xornada técnica "Estratexias de Conservación e Posta en Valor de Espazos Naturais no Territorio Mariñas –Betanzos", que terá lugar o vindeiro venres 17 de xuño na sede do CEIDA (Castelo de Santa Cruz, Liáns, Oleiros). Alí terá lugar a exposición pública dos resultados acadados en ditas xornadas. Para máis información, consulta o tríptico informativo e o cartel.

O GN Hábitat convida a tódolos seus socios a dita presentación e agradece a máxima difusión deste acto. A asistencia será gratuita, sendo necesario cubrir o impreso incluido no tríptico e remitilo ao correo info@marinasbetanzos.org ou por fax ó 981 673 574.
Segue lendo...