Encontros Naturalistas 8 de abril: o programa SACRE en Galicia


Coincidindo co inicio dunha nova tempada do programa SACRE (Seguimento de Aves Comúns Reprodutoras de España) que desenvolve SEO/Birdlife, a comezos de abril celebraranse xornadas formativas nas catro provincias galegas.

O Grupo Naturalista Hábitat colabora coa organización e acollerá unha charla formativa dentro da actividade ENCONTROS NATURALISTAS o vindeiro 8 de abril de 2011 ás 20.30 h no local do grupo.

O relator será Alexandre Justo Álvarez, licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente traballa como técnico de avifauna no "Parque Natural de los Alcornocales" na provincia de Cádiz, é vogal da SGO e coordina o programa SACRE en Galicia. Falará dos obxectivos deste programa de seguimento de aves, da metodoloxía de traballo e dos resultados de cobertura acadados ata o momento.

A xornada está aberta a todas as persoas interesadas nas aves e nela falarase sobre os obxectivos do programa, os fundamentos da metodoloxía de traballo, a cobertura de mostraxe actual e as dúbidas e
problemas do traballo de campo.

O programa SACRE consiste en efectuar censos anuais nos mesmos puntos en primavera e inverno. Comezou a funcionar no 1996 co obxectivo de coñecer a tendencia a longo prazo da poboación das especies máis comúns, aquelas que non son obxecto de censos ou seguimentos específicos. Os resultados que se vaian obtendo serán máis fiables canto maior sexa o número de participantes e o número de anos de traballo continuado.
Segue lendo...