III maratón ornitolóxica na Coruña - CORUÑAVES 2012

O vindeiro domingo 8 de xaneiro terá lugar a III maratón ornitolóxica no concello da Coruña - CORUÑAVES 2012.

Esta actividade lúdica consiste en ver por equipos o maior número de especies de aves posible dentro do municipio da Coruña, utilizando material óptico (prismáticos/telescopio) e medios de transporte respectuosos co entorno (bus urbano, bicicleta ou a pé).

Quedarase no local do Grupo, na rúa Camariñas 8, baixo (a 150 m da Domus) ás 9 da mañá. O prazo para ver aves será ata as 13.30 h, momento no que haberá que presentarse no local para facer o reconto de especies e declarar o equipo gañador, que levará un pequeno agasallo.

É moi importante chegar puntual, xa que un retraso supón a descalificación.

A continuación detállanse as bases, que podes descargar en formato PDF AQUÍ.

III maratón ornitolóxica no concello da Coruña
CORUÑAVES 2012

Bases

1. Participantes: poderán participar na maratón Coruñaves 2012 todas aquelas persoas que o desexen. Formaranse equipos de 2 ou 3 participantes, segundo o número de inscritos.

2. Inscrición: a inscrición é gratuíta e o prazo estará aberto ata o día anterior á celebración da maratón. Realizarase por teléfono (981 135 014) ou correo electrónico (gnhabitat@yahoo.es), indicando nome completo e datos de contacto (e-mail e teléfono).

3. Localización: só se permitirá ver aves dentro dos límites do municipio da Coruña. Para a zona marítima, considérase a metade occidental da ría da Coruña e metade oeste da zona externa da ría do Burgo. Serán válidos os avistamentos mar afora da costa norte do municipio, sen límite de distancia. O punto de saída e de chegada será o local do Grupo Naturalista Hábitat, situado na rúa Camariñas nº 8 (baixo) da Coruña (a 150 m da Domus).

4. Horario: os participantes deberán presentarse no local do Grupo ás 9.00 h, para organizar os grupos, repartir o material e lembrar as normas. A saída será ás 9.30 h. O prazo para ver aves estenderase ata as 13.30 h, momento no que deberán presentarse de novo no local do Grupo. É moi importante chegar puntual, xa que un retraso (incluso duns poucos minutos) supón a descualificación do equipo.

5. Material: permitirase o uso de prismáticos e/ou telescopio, así como cámaras fotográficas. Cada participante achegará o seu material, agás a ficha para anotar as observacións, que será facilitada por Hábitat.

6. Medios de transporte e comportamento: será obrigatorio o uso de medios de transporte ambientalmente sostibles (isto é, bus urbano, bicicleta ou a pé). Os participantes deberán ser respectuosos co contorno e non molestar á fauna nin prexudicar á flora.

7. Especies válidas e sistema de puntuación: terán validez só as especies vistas e/ou escoitadas por todos os membros do equipo dentro do municipio da Coruña. Todas as especies deben ser anotadas na lista impresa facilitada por Hábitat. Ao finalizar a maratón, contabilizaranse todas as especies detectadas, que puntuarán do seguinte xeito:
  • 3 puntos por cada especie vista só por un dos equipos participantes.
  • 2 puntos por cada especie vista só por dous dos equipos participantes.
  • 1 punto por cada especie vista por tres ou máis equipos.
Non se terán en conta as especies domésticas, exóticas e/ou escapadas.

8. Reconto de especies e puntos: ás 13.30 h no local do Grupo terá lugar o reconto de especies detectadas por cada equipo, a asignación de puntos e a declaración do equipo gañador. No caso de empate no número de puntos, valorarase a cantidade de especies vistas exclusivamente por cada equipo empatado para resolver o empate.

9. Premio: o equipo gañador será agasallado cunha cesta de produtos “Hábitat”.

10. A participación neste certame supón a aceptación das presentes bases. Calquera dúbida ou cuestión que aconteza e non estea recollida nas mesmas será aclarada pola Xunta Directiva do Grupo Naturalista Hábitat (gnhabitat@yahoo.es - 981 135 014).

No hay comentarios: