Censo de Carpobrotus sp. desde Caión (A Laracha) a Praia de Alba (Arteixo)

A unlla de gato (Carpobrotus edulis e C. acinaciformis) é unha planta surafricana de gran potencial invasor, pola súa adaptabilidade a novos hábitats e capacidade de rebrote unha vez cortada, entre outras características. Supón unha ameaza para a flora autóctona xa que provoca a extinción de especies nativas ou o empobrecemento da biodiversidade por competencia.

Dende o Grupo Naturalista Hábitat, aínda sabedores de que hai outras ameazas dos ecosistemas costeiros se cadra máis graves, decidimos abordar o problema que supón esta planta invasora por axustarse a un obxectivo ambiental asequible por medio do voluntariado.

No 2008 e 2009 censamos as poboacións de unlla de gato do LIC Costa da Morte e do litoral do Concello de Arteixo, e mesmo eliminamos algunhas desas poboacións, coa colaboración de socios e voluntarios. Coma continuación deses traballos organizamos un novo censo de Carpobrotus sp. que cubrirá o tramo comprendido entre Caión (A Laracha) e a Praia de Alba (Arteixo), conectando así as zonas traballadas en anos anteriores.

O censo consiste en percorrer a pé tramos de costa, rexistrando as matas de unlla de gato existentes, e tomando para cada unha delas unha serie de datos sinxelos (posición xeográfica, tamaño da mata, zona onde crece, etc.).

Convidámosvos a participar nesta actividade que terá lugar o vindeiro domingo 26 de xuño pola mañá. Para facilitar a organización, prégase confirmación previa no correo gnhabitat@yahoo.es ou no teléfono 981135014. O material necesario para o desenvolvemento da actividade será aportado polo Grupo Naturalista Hábitat.

Gracias pola vosa colaboración!

1 comentario:

becacin dijo...

Saludos y felicidades por vuestra labor.Siempre es un placer ver como hay gente que se implica y trabaja por la naturaleza..........ojala fuesemos todos asi!!
Saludos camperos!