6-1-2012 Día dos Prismáticos na ría do Burgo. Achégate ás aves!


Como os Reis Magos, o Apalpador e o Pai Nadal soen portarse moi ben, hai moitos nenos e adultos que o 6 de xaneiro reciben uns prismáticos ou un telescopio, e achéganse á ría do Burgo para estrenalos.

Por iso, Hábitat organiza por primeira vez o Día dos Prismáticos, unha xornada divulgativa para achegar a observación de aves (e por que non, outra fauna) ao público xeral.

Terá lugar o venres 6 de xaneiro, día de Reis, no paseo marítimo da ría do Burgo (xunto ao xardín botánico) de 12 a 14 h e de 16 a 18 h. Ademáis de informar aos paseantes sobre como empregar o material óptico e as especies máis comúns que se poden ver na ria, poñeremos á súa disposición unhas cantas guías de campo, así como un pequeno mercadillo con material do Grupo (A Mobella, Chioglossa, calendarios, forros polares...) e outros produtos.
Segue lendo...

III maratón ornitolóxica na Coruña - CORUÑAVES 2012

O vindeiro domingo 8 de xaneiro terá lugar a III maratón ornitolóxica no concello da Coruña - CORUÑAVES 2012.

Esta actividade lúdica consiste en ver por equipos o maior número de especies de aves posible dentro do municipio da Coruña, utilizando material óptico (prismáticos/telescopio) e medios de transporte respectuosos co entorno (bus urbano, bicicleta ou a pé).

Quedarase no local do Grupo, na rúa Camariñas 8, baixo (a 150 m da Domus) ás 9 da mañá. O prazo para ver aves será ata as 13.30 h, momento no que haberá que presentarse no local para facer o reconto de especies e declarar o equipo gañador, que levará un pequeno agasallo.

É moi importante chegar puntual, xa que un retraso supón a descalificación.

A continuación detállanse as bases, que podes descargar en formato PDF AQUÍ.

III maratón ornitolóxica no concello da Coruña
CORUÑAVES 2012

Bases

1. Participantes: poderán participar na maratón Coruñaves 2012 todas aquelas persoas que o desexen. Formaranse equipos de 2 ou 3 participantes, segundo o número de inscritos.

2. Inscrición: a inscrición é gratuíta e o prazo estará aberto ata o día anterior á celebración da maratón. Realizarase por teléfono (981 135 014) ou correo electrónico (gnhabitat@yahoo.es), indicando nome completo e datos de contacto (e-mail e teléfono).

3. Localización: só se permitirá ver aves dentro dos límites do municipio da Coruña. Para a zona marítima, considérase a metade occidental da ría da Coruña e metade oeste da zona externa da ría do Burgo. Serán válidos os avistamentos mar afora da costa norte do municipio, sen límite de distancia. O punto de saída e de chegada será o local do Grupo Naturalista Hábitat, situado na rúa Camariñas nº 8 (baixo) da Coruña (a 150 m da Domus).

4. Horario: os participantes deberán presentarse no local do Grupo ás 9.00 h, para organizar os grupos, repartir o material e lembrar as normas. A saída será ás 9.30 h. O prazo para ver aves estenderase ata as 13.30 h, momento no que deberán presentarse de novo no local do Grupo. É moi importante chegar puntual, xa que un retraso (incluso duns poucos minutos) supón a descualificación do equipo.

5. Material: permitirase o uso de prismáticos e/ou telescopio, así como cámaras fotográficas. Cada participante achegará o seu material, agás a ficha para anotar as observacións, que será facilitada por Hábitat.

6. Medios de transporte e comportamento: será obrigatorio o uso de medios de transporte ambientalmente sostibles (isto é, bus urbano, bicicleta ou a pé). Os participantes deberán ser respectuosos co contorno e non molestar á fauna nin prexudicar á flora.

7. Especies válidas e sistema de puntuación: terán validez só as especies vistas e/ou escoitadas por todos os membros do equipo dentro do municipio da Coruña. Todas as especies deben ser anotadas na lista impresa facilitada por Hábitat. Ao finalizar a maratón, contabilizaranse todas as especies detectadas, que puntuarán do seguinte xeito:
  • 3 puntos por cada especie vista só por un dos equipos participantes.
  • 2 puntos por cada especie vista só por dous dos equipos participantes.
  • 1 punto por cada especie vista por tres ou máis equipos.
Non se terán en conta as especies domésticas, exóticas e/ou escapadas.

8. Reconto de especies e puntos: ás 13.30 h no local do Grupo terá lugar o reconto de especies detectadas por cada equipo, a asignación de puntos e a declaración do equipo gañador. No caso de empate no número de puntos, valorarase a cantidade de especies vistas exclusivamente por cada equipo empatado para resolver o empate.

9. Premio: o equipo gañador será agasallado cunha cesta de produtos “Hábitat”.

10. A participación neste certame supón a aceptación das presentes bases. Calquera dúbida ou cuestión que aconteza e non estea recollida nas mesmas será aclarada pola Xunta Directiva do Grupo Naturalista Hábitat (gnhabitat@yahoo.es - 981 135 014). Segue lendo...

Encontros Naturalistas 23-12: xestión cinexética sostible


O vindeiro venres 23 de decembro contaremos de novo cun interesante relatorio do Dr. Carlos Nores, Profesor da Universidade de Oviedo, Subdirector da fundación Oso Pardo e do INDUROT (Instituto de Recursos Naturales y Ordenación del Territorio) e especialista na bioloxía, distribución e conservación de mamíferos.

A charla terá lugar no local do Grupo Naturalista Hábitat, Rúa Camariñas, 8-baixo (xunto á praza de Monte Alto) A Coruña, o venres 23 de decembro ás 20:30 h, e leva como título "Bases metodolóxicas do seguimento das especies cinexéticas e a súa xestión sostible".

Dado que o aforo é limitado, pregamos confirmedes a vosa asistencia cun día de antelación no e-mail do grupo (gnhabitat@yahoo.es) co asunto "ASISTENCIA".

Graciñas!.
Segue lendo...

Áreas prioritarias para avifauna

DOG 21/12/2011
Consellería do Medio Rural
RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se delimitan as áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

Ver resolución completa en PDF.

Segue lendo...

Calendario 2012 e Chioglossa III

Comprácenos anunciar que xa temos impreso o volume III da Chioglossa, tamén dispoñible en formato dixital na web www.chioglossa.com.

Tamén dispoñemos en papel do calendario de 2012, que desta vez trata sobre o Espazo Natural de Interese Local illas do Portiño.

Os socios do Grupo recibirán en breve por correo postal estas dúas publicacións, xunto coa convocatoria de asemblea de xaneiro. Se non es socio e queres facerte con elas, contacta connosco! Segue lendo...

RD 1628/2011. Catálogo español de especies exóticas invasoras

Real Decreto 1628/2011, de 14 de noviembre, por el que se regula el listado y catálogo español de especies exóticas invasoras.

Ver PDF (BOE 12/12/2011)

Segue lendo...

Entrevista a Hábitat en Radiofusión

O pasado 7 de decembro de 2011, o programa O Viraventos de Radiofusión, a programación conxunta das Emisoras Municipais Galegas, contou coa participación do Grupo Naturalista Hábitat, grazas á FEG.

A entrevista, ofrecida por Damián Romay, tratou principalmente sobre o proxecto FAME no que estamos a colaborar, e sobre o que podes informarte AQUÍ.

Podes ver a nova en prensa ou escoitar/descargar o arquivo MP3 da entrevista.
Segue lendo...

RD 1599/2011. Red de Áreas Marinas Protegidas de España

Real Decreto 1599/2011, de 4 de noviembre, por el que se establecen los criterios de integración de los espacios marinos protegidos en la Red de Áreas Marinas Protegidas de España.

Ver PDF (BOE 07/12/2011)

Segue lendo...

Encontros Naturalistas 4-12: censo de aves invernantes na ria de Betanzos


O domingo 4 de decembro tivo lugar o censo coordinado de aves invernantes na ria de Betanzos.

O obxectivo era coñecer coa maior precisión posible as especies que pasan o inverno nesta área, e o seu número aproximado de individuos. Para isto, é imprescindible que varias persoas censen á vez a ria dende distintos puntos de observación, para evitar pasar por alto algunhas aves e contar outras por duplicado.
Segue lendo...

Hábitat colabora co proxecto FAME para a conservación das aves mariñas no Atlántico europeo

FAME (Future of the Atlantic Marine Environment) é un proxecto Interreg que se está a desenvolver na área Atlántica Europea e no que participan o cinco países a través dos seus respectivos socios de BirdLife: Reino Unido (RSPB, líder do proxecto), Irlanda (BirdWatch Ireland), Francia (LPO), España (SEO/BirdLife) e Portugal (SPEA).

O obxectivo principal do proxecto é contribuír á conservación das aves mariñas e do seu hábitat. Para iso, téntanse detectar as ameazas presentes no medio mariño atlántico, tales como a degradación do entorno e a perda da biodiversidade, e achegar resultados tanxibles para mellorar a calidade de datos disponibles e porén, o coñecemento do medio mariño. Actualmente, Reino Unido, Irlanda e Francia dedican un especial esforzo á identificación de zonas importantes para as aves mariñas (IBAs). España e Portugal xa teñen os deberes feitos, e o seu traballo céntrase máis en estudar as ameazas que as aves atopan no medio mariño e en buscar medidas de xestión que minimicen o seu impacto, tratando de conseguir a participación dos sectores implicados.


Unha das actividades que SEO/Birdlife organiza para avaliar o impacto de actividades como a pesca ou os parques eólicos mariños nas aves é a prospección de praias para a recollida e posterior análise de aves abeiradas.


O Grupo Naturalista Hábitat encargarase dende outubro de 2011 a decembro de 2012 do tramo Costa da Morte, que inclúe as praias de Seiruga e Malpica en Malpica, Traba e Laxe en Laxe, e a Barra en Ponteceso. Segue lendo...

Lotería de Nadal de Hábitat 39296


Xa podes facerte cunha participación da lotería de Hábitat. Pasa polo local para mercala os mércores entre 20.30 e 22.30 ou os días con Encontros Naturalistas.
Se non podes, contacta connosco e buscaremos a forma de arranxalo. Segue lendo...

Biodiversidad virtual

Unha das webs máis útiles e interesantes para os amantes do medio natural é Biodiversidad Virtual, unha plataforma cidadá financiada e xestionada pola asociación sen ánimo de lucro Fotografía y Biodiversidad.

A través dela recompílanse datos da biodiversidade mediante fotografías dixitais xeoreferenciadas co obxecto de favorecer o coñecemento da biodiversidade, divulgar a súa importancia e conservar o noso patrimonio natural.

Ademáis de ofrecer unha base de datos moi interesante, de carácter público, e con fotografías, axudan ao coñecemento da biodiversidade identificando as especies fotografiadas polos membros. Segue lendo...

Encontros Naturalistas 27-10-11. Cogomelos da comarca da Coruña

Este xoves, 27 de outubro, contaremos no local do grupo coa presencia do micólogo José Manuel Traba quen nos dará unha moi interesante charla sobre os cogomelos. Unha introducción sobre estas peculiares formas de vida, achegándonos, en concreto, ás formas máis fácilmente observables do noso entorno.


Para facilitar a organización, agradecemos que confirmedes a asistencia ao evento enviando un correo electónico co asunto ASISTENCIA ao enderezo do grupo. Segue lendo...

Proposta de novas ZEPA mariñas

O 18 de outubro publicouse o Borrador de Orde Ministerial pola que se declaran as Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Mariñas de España.

Dito borrador atópase en período de información pública ata o 8 de novembro, e en función das alegacións recibidas neste prazo, poderá axustarse os límites xeográficos das ZEPA Mariñas.

As ZEPA propostas en Galicia son cinco:
ES0000495 Punta de Candelaria-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares
Ficha   Mapa
ES0000496 Costa de Ferrolterra-Valdoviño
Ficha    Mapa
ES0000497 Costa da Morte
Ficha    Mapa
ES0000498 Banco de Galicia
Ficha    Mapa
ES0000499 Entorno marino de las Rías Baixas
Ficha    Mapa

Outros documentos de interese:

Máis información: MMARM Segue lendo...

Chega o outono

O outono xa está aquí, e por iso estamos a organizar un magosto para o vindeiro domingo 23 de outubro. Faremos unha pequena excursión de mañá na zona da ría de Betanzos no concello de Miño, seguida dun xantar no que non faltarán as castañas.

Se queres participar nesta xornada de lecer e natureza, envía un email a gnhabitat@yahoo.es ou chama ao 981 135 014 antes deste venres 21 de outubro ás 20 h. Segue lendo...

Novos contidos na web

Xa está dispoñible en formato PDF o número 18 da revista A Mobella, correspondente ao ano 2011. Os socios xa deben tela na casa a estas alturas, posto que se lles enviou por correo postal.

Outra das novidades é a sección Tenda, na cal están expostos os produtos que o Grupo Naturalista Hábitat pon á venda para o público xeral.

Lembra que os socios de Hábitat reciben de balde un exemplar de A Mobella, Chioglossa e o calendario. Segue lendo...

Asemblea Xeral Ordinaria 29-9-2011


Orde do día:

1º/ Aprobación da Acta da Asemblea anterior.
2º/ Estado actual das contas. Balance do último semestre.
3º/ Altas e baixas de socios.
4º/ Balance de actividades do último semestre.
5º/ Presentación da Chioglossa nº 3.
6º/ Estado actual das publicacións e páxina web.
7º/ Situación das actividades de 2011.
8º/ Situación dos proxectos de custodia do territorio.
9º/ Rogos e preguntas.

Xunto coa convocatoria de Xunta Xeral, remitiuse aos socios a seguinte documentación:

  • Borrador da Acta da Asemblea anterior
  • A Mobella nº18
  • Tríptico do Proxecto Moucho
  • Tríptico con información actualizada do Grupo para a campaña "Socio fai un Socio"
  • Tríptico da Fundación Fragas do Mandeo
Segue lendo...

O 3º número da Chioglossa publicarase en outubro

O terceiro número da revista Chioglossa, que publica o Grupo Naturalista Hábitat, está na fase final da súa edición e verá a luz en outubro de 2011.

Este novo volume contará con diversos artigos sobre aves, mamíferos, odonatos e carábidos de Galicia, Asturias, Euskadi e Navarra.

No portelo web da publicación, www.chioglossa.com, xa están dispoñibles aqueles artigos que remataron o proceso de revisión.

A revista Chioglossa é un medio de expresión científica aberto a naturalistas e investigadores, tanto profesionais como afeccionados serios, interesados na flora e fauna da Península Ibérica en xeral, e, particularmente, na que vive no noroeste ibérico. Nela publícanse traballos orixinais que fagan referencia a aspectos dos ámbitos da ecoloxía, bioxeografía e conservación. Segue lendo...

Encontros Naturalistas 25-8-2011. Ecoloxía e impacto humano no Mandeo


A sesión Encontros Naturalistas do mes de agosto correrá a cargo de Jorge Ramos Abuín, Licenciado en Bioloxía Animal pola Universidade de Santiago, relator en diferentes xornadas e congresos de entomoloxía. Ten publicado un libro de texto de bioloxía e numerosos artigos entomolóxicos. Da sua labor investigadora recente destacamos o proxecto Transgalaica, a súa intervención no descubrimento da larva de Cychrus spinicollis e a redescrición da larva de Eucarabus deyrollei.


Na charla, comentará os aspectos máis destacados da ecoloxía do río Mandeo, así como as ameazas ás que se ve sometido por parte do home. Terá lugar o xoves 25 de agosto ás 20.30 h. no local do Grupo Naturalista Hábitat (rúa Camariñas 8 baixo, A Coruña).



Para facilitar a organización, agradecemos que confirmedes a asistencia ao evento coa maior antelación posible enviando un correo electrónico co asunto ASISTENCIA a gnhabitat@yahoo.es.
Segue lendo...

Noite Europea dos Morcegos 2011 - 27 de agosto en Rábade (Lugo)

Un ano máis, a asociación conservacionista Drosera participa na NOITE EUROPEA DOS MORCEGOS 2011 organizando unha serie de actividades para favorecer o coñecemento e conservación dos morcegos.

As actividades previstas, que terán lugar na Casa das Ínsuas de Rábade o vindeiro sábado 27 de agosto, son as seguintes:

17:00 Apertura da exposición e comezo dos obradoiros (construcción de distintos tipos de refuxios para morcegos, origamis e máis!).
18:30 Proxección dun audiovisual sobre morcegos.
19:30 Charla sobre os morcegos en Galicia (novos avances no coñecemento e conservación, uso de refuxios e máis!).
21:15 Roteiro pola beira do Miño para observar e escoitar aos morcegos coa axuda de detectores de ultrasóns.
22:30 Peche da actividade

Esta xornada está organizada en colaboración coa Asociación Española para la Conservación y el Estudio de los Murciélagos - SECEMU.



Se queres profundizar no coñecemento dos morcegos, visita a web Morcegos de Galicia, un proxecto do Grupo Galego de Ecoloxía e Conservación de Quirópteros (GCECQ)  de Drosera para mellorar o coñecemento deste grupo de mamíferos, favorecer a súa conservación e dalos a coñecer á sociedade.  Segue lendo...

Aumenta a biblioteca do GN Hábitat

O Grupo Naturalista Hábitat ven de incrementar a súa biblioteca coa doazón por parte da Consejería de Medio Ambiente da Junta de Andalucía de tres obras editadas por dita entidade.

Odonatos
T. Herrera Grao, O. Gavira Romero & F. Blanco Garrido (2010).



Descargar obra completa en PDF





Habitantes del agua. Macrófitos
P. García Murillo, R. Fernández Zamudio & S. Cirujano Bracamonte (2010).



Descargar obra completa en PDF





Especies vegetales invasoras en Andalucía
E. D. Dana, M. Sanz, S. Vivas & E. Sobrino (2005).


Descargar obra completa en PDF










O Grupo Naturalista Hábitat quere expresar o seu máis sentido agradecemento á Consejería de Medio Ambiente da Junta de Andalucía pola doazón destas obras e pola súa pronta resposta.
Segue lendo...

Hábitat colabora nos actos do aniversario da Fundación Fragas do Mandeo

Fragas do Mandeo, o fondo de conservación da natureza de As Mariñas, ven de cumplir un ano dende a sinatura da escritura pública de constitución. Para celebrar o aniversario, organizáronse unha serie de actos nos que o Grupo Naturalista Hábitat participou activamente:

Acto de presentación
O venres 1 de xullo no Liceo de Betanzos fíxose unha presentación da fundación, a custodia do territorio e do traballo feito neste primeiro ano de vida. A charla estivo acompañada de dúas proxeccións fotográficas de especialistas en retratar a natureza:
  • Noroeste, imaxes de aves acuáticas de Álvaro Fernández Polo e Antonio Ramos Souto, da Asociación Ornitolóxica Calidris, que nos permitirá coñecer mellor a avifauna da ría de Betanzos e de Galicia.
  • Tesouros Mariñáns, fotografías da fauna e flora do río Mandeo, tomadas por Manuel Cañás.

Pasando á acción
O domingo 3 de xullo levouse a cabo a retirada de lixo e eliminación de especies alóctonas invasoras na praia da Alameda en Ponte do Porco (Miño).
As especies diana foron a uña de gato (Carpobrotus edulis) e os plumeiros (Cortaderia selloana). A mata de uña de gato (Carpobrotus edulis), que cubría unha extensión de 30 metros cadrados, foi totalmente arrincada de raíz. Tamén se arrincaron os 61 pes de plumeiros (Cortaderia selloana), pero neste caso non foi tan doado. Aparentemente aínda eran pequenos e o chan areoso debería facilitar o arranque, pero o certo foi que as extensas e fortes raíces obrigaron a traballar duro, e incluso o mango dalgunha pala rompeu. A calor do día non axudou, e traballar con manga corta supuxo que algúns acabaran cos brazos lacerados (as follas teñen un borde serrado e cortante).
Mentres uns arrincaban as invasoras, outros voluntarios recollían lixo. Na praia da Alameda está citado un escaravello ameazado, a Eurynebria complanata, cuxa poboación mundial está en franca regresión, polo que hai que tomar medidas precautorias. A recollida manual do lixo evita o uso de maquinaria pesada que pode afectar gravemente á poboación presente.
Esta actividade contou cos correspondentes permisos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Xunta de Galicia) e de Demarcación de Costas de Galicia (Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino), colaborando o Concello de Miño no transporte e eliminación dos residuos.

Sociedade solidaria
Tamén o domingo 3 de xullo instalouse un rastrillo solidario na praza do Campo (Betanzos), para recoller fondos destinados á custodia do territorio en As Mariñas.
Ademais de ofrecer información sobre os obxectivos de Fragas do Mandeo, nos case 20 metros de posto puxéronse á venda produtos de todo tipo: libros, cristalería, louza, obxectos de regalo, discos, complementos, etc. As gangas estimularon as ventas e os obxectos atoparon un novo destino, facendo realidade a segunda acción do principio das tres erres: «reduce, reutiliza, recicla». Os fondos recollidos serán destinados á adquisición de fincas de interese ambiental na bisbarra.

Agradecementos
Temos que agradecer ao Concello de Miño e aos membros de Protección Civil a colaboración no transporte do lixo e dos residuos das plantas invasoras para o seu posterior tratamento; ao Concello de Betanzos por cedernos o salón azul e as mesas para o rastrillo; ás persoas e entidades que nos axudaron dunha ou outra maneira e que doaron os produtos en venta, entre eles a Biblioteca Central Rialeda, as asociacións Eira Vella, Lar de Unta e O Rabo do Galo, Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Ornitolóxico Calidris e ó fotógrafo Manuel Cañás.
Pero sobre todo, agradecer ós 23 voluntarios que traballaron activamente nos preparativos e nas dúas xornadas do evento.
Segue lendo...

Censo de Carpobrotus sp. desde Caión (A Laracha) a Praia de Alba (Arteixo)

A unlla de gato (Carpobrotus edulis e C. acinaciformis) é unha planta surafricana de gran potencial invasor, pola súa adaptabilidade a novos hábitats e capacidade de rebrote unha vez cortada, entre outras características. Supón unha ameaza para a flora autóctona xa que provoca a extinción de especies nativas ou o empobrecemento da biodiversidade por competencia.

Dende o Grupo Naturalista Hábitat, aínda sabedores de que hai outras ameazas dos ecosistemas costeiros se cadra máis graves, decidimos abordar o problema que supón esta planta invasora por axustarse a un obxectivo ambiental asequible por medio do voluntariado.

No 2008 e 2009 censamos as poboacións de unlla de gato do LIC Costa da Morte e do litoral do Concello de Arteixo, e mesmo eliminamos algunhas desas poboacións, coa colaboración de socios e voluntarios. Coma continuación deses traballos organizamos un novo censo de Carpobrotus sp. que cubrirá o tramo comprendido entre Caión (A Laracha) e a Praia de Alba (Arteixo), conectando así as zonas traballadas en anos anteriores.

O censo consiste en percorrer a pé tramos de costa, rexistrando as matas de unlla de gato existentes, e tomando para cada unha delas unha serie de datos sinxelos (posición xeográfica, tamaño da mata, zona onde crece, etc.).

Convidámosvos a participar nesta actividade que terá lugar o vindeiro domingo 26 de xuño pola mañá. Para facilitar a organización, prégase confirmación previa no correo gnhabitat@yahoo.es ou no teléfono 981135014. O material necesario para o desenvolvemento da actividade será aportado polo Grupo Naturalista Hábitat.

Gracias pola vosa colaboración!
Segue lendo...

Training Day. 25 de xuño: odonatos en Monforte (Lugo)

O vindeiro 25 de xuño, o grupo Naturalista Hábitat en colaboración coas asociacións Saramaganta, Drosera, Numenius e Asociación Galega de Custodia do Territorio, no marco das actividades realizadas dentro do Centro de Conservación e Estudo da Natureza “Casa das Ínsuas”, organizan un novo Training Day para o desfrute e mellora do noso coñecemento sobre a comunidade de odonatos do val de Lemos (Monforte e arredores).

Para a realización desta actividade contaremos cos amplos coñecementos do catedrático en ecoloxía Adolfo Cordero, profesor da EEF da Universidade de Vigo.

Este Training Day realizarase o 25 de xuño (sábado) ás 11:00 h na localidade de Ribasaltas, ó norte de Monforte de Lemos (ver MAPA).

Realizaremos unha visita ás principais zonas húmidas do val, prestando atención ás diferentes especies de odonatos presentes neste sector do val do río Cabe. Para abrir boca, a zona foi visitada brevemente este fin de semana por Martiño Cabana e Anxos Romeo, e puideron detectarse as seguintes especies nos puntos que visitaremos (21 especies):
Calopteryx virgo
Calopteryx xanthostoma
Lestes barbarus
Lestes dryas
Sympecma fusca
Ceriagrion tenellum
Coenagrion mercuriale
Coenagrion puella
Coenagrion scitulum
Enallagma cyathigerum
Ischnura graellsii
Pyrrhosoma nymphula
Platycnemis acutipennis
Aeshna mixta
Anax imperator
Gomphus pulchellus
Crocothemis erythraea
Libellula depressa
Libellula quadrimaculata
Orthetrum cancellatum
Sympetrum fonscolombei
Na zona de Monforte coinciden 3 das especies máis ameazadas de Galicia que poderían ser observadas: Macromia splendens, Oxygastra curtisii e Gomphus graslinii.

LEMBRAR, coma sempre:

Os Training Days son gratuítos pero non se cubre ningún gasto. É obrigatorio solicitar reserva de prazas debido a que hai prazas limitadas. Enviádeme un correo co voso nome e un teléfono móbil (necesario por seguridade e para quedar no punto de encontro).

Os desprazamentos levaranse a cabo en vehículos propios. Como a orixe de cada persoa é dun lugar diferente de Galicia é imposible o aluguer dun autobús. Indicádeme o lugar de orixe, se dispoñedes de vehículo propio e se este ten prazas libres para agrupar ós participantes no menor número posible de coches. Recordade que debemos minimizar o gasto de combustibles fósiles e a emisión de CO2 á atmosfera.

Para a comida recomendamos levar bocata ou similar para non gastar moito tempo. Non pararemos en ningún lugar para facer compra polo que a comida debe traerse de casa. Non vos esquezades da bebida. Recordade que Enciña da Lastra está situada nunha zona mediterránea de moita calor polo que pode ser necesario moita cantidade de auga, gafas de sol e protección solar.

Para calquera dúbida, podedes poñervos en contacto con nós en calquera momento.
Segue lendo...

Xornada técnica: Estratexias de Conservación e Posta en Valor de Espazos Naturais nas Mariñas–Betanzos

O Grupo Naturalista Hábitat é o coordinador das Xornadas Técnicas para a elaboración dunha Estratexia Medioambiental nos Grupos de Desenvolvemento Rural “EuroEume”, “As Mariñas-Betanzos” e “Comarca de Ordes”.

O GN Hábitat encargouse, en cooperación coa xerencia dos GDR, da elaboración dos obxectivos específicos das xornadas, da selección das áreas de coñecemento e da proposta do panel de expertos que desenvolveron os informes para cada unha destas áreas.

Froito disto, Hábitat colabora agora na coordinación da xornada técnica "Estratexias de Conservación e Posta en Valor de Espazos Naturais no Territorio Mariñas –Betanzos", que terá lugar o vindeiro venres 17 de xuño na sede do CEIDA (Castelo de Santa Cruz, Liáns, Oleiros). Alí terá lugar a exposición pública dos resultados acadados en ditas xornadas. Para máis información, consulta o tríptico informativo e o cartel.

O GN Hábitat convida a tódolos seus socios a dita presentación e agradece a máxima difusión deste acto. A asistencia será gratuita, sendo necesario cubrir o impreso incluido no tríptico e remitilo ao correo info@marinasbetanzos.org ou por fax ó 981 673 574.
Segue lendo...

Encontros Naturalistas 27 de maio: O CLIMA DA TERRA


A sesión Encontros Naturalistas do mes de maio contará coa intervención de Armand Hernández, doutor en Xeoloxía, que nos achegará ao clima da Terra. Na charla, farase un repaso da historia climática do planeta e exporanse os principais modelos predictivos do clima futuro.

A charla será o venres 27 de maio ás 20.30 h no local do Grupo Naturalista Hábitat (rúa Camariñas 8 baixo, A Coruña).

Para facilitar a organización, agradecemos que confirmedes a asistencia ao evento coa maior antelación posible enviando un correo electónico co asunto ASISTENCIA a gnhabitat@yahoo.es.

Segue lendo...

Encontros Naturalistas 8 de abril: o programa SACRE en Galicia


Coincidindo co inicio dunha nova tempada do programa SACRE (Seguimento de Aves Comúns Reprodutoras de España) que desenvolve SEO/Birdlife, a comezos de abril celebraranse xornadas formativas nas catro provincias galegas.

O Grupo Naturalista Hábitat colabora coa organización e acollerá unha charla formativa dentro da actividade ENCONTROS NATURALISTAS o vindeiro 8 de abril de 2011 ás 20.30 h no local do grupo.

O relator será Alexandre Justo Álvarez, licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente traballa como técnico de avifauna no "Parque Natural de los Alcornocales" na provincia de Cádiz, é vogal da SGO e coordina o programa SACRE en Galicia. Falará dos obxectivos deste programa de seguimento de aves, da metodoloxía de traballo e dos resultados de cobertura acadados ata o momento.

A xornada está aberta a todas as persoas interesadas nas aves e nela falarase sobre os obxectivos do programa, os fundamentos da metodoloxía de traballo, a cobertura de mostraxe actual e as dúbidas e
problemas do traballo de campo.

O programa SACRE consiste en efectuar censos anuais nos mesmos puntos en primavera e inverno. Comezou a funcionar no 1996 co obxectivo de coñecer a tendencia a longo prazo da poboación das especies máis comúns, aquelas que non son obxecto de censos ou seguimentos específicos. Os resultados que se vaian obtendo serán máis fiables canto maior sexa o número de participantes e o número de anos de traballo continuado.
Segue lendo...

Encontros Naturalistas 25 de marzo ás 20.30 h: anuario e moucho


Dentro da actividade ENCONTROS NATURALISTAS que ten lugar a última semana de cada mes, contamos nesta ocasión cunha doble sesión.

Ás 20.30 h, José Manuel Martínez Mariño, Tesoureiro da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), fará a presentación do recén publicado "Anuario histórico das aves de Galicia". Este volume editado pola SGO recolle as citas anteriores aos anuarios xa publicados así como aquelas que quedaran sen publicar.

Ás 21 h, Santiago Vázquez Casás, Vogal do Grupo Naturalista Hábitat, falará do moucho (Athene noctua) e o seu estatus en Galicia, co motivo da "Semana do Moucho" organizada por SGO e Hábitat para conmemorar a declaración desta singular especie como Ave do Ano en Galicia e España.

Para facilitar a organización, agradecemos que confirmedes a asistencia ao evento coa maior antelación posible enviando un correo electónico co asunto ASISTENCIA a gnhabitat@yahoo.es.
Segue lendo...

Proxecto Moucho

Co motivo da súa elección como Ave do Ano en Galicia 2011, e Ave del Año en España 2011, o Grupo Naturalista Hábitat está a recompilar datos sobre esta especie, para afondar no seu coñecemento e obter información actualizada do seu estado.


Descarga o PDF informativo facendo clic na imaxe, e a ficha de recollida de datos aquí.
Segue lendo...

Clave de carábidos e presentacións sobre entomoloxía

Aquí poderás acceder a unha clave de identificación de carábidos, unha guía de uso da clave, e varias presentacións sobre a historia da entomoloxía e as coleccións entomolóxicas.

Como usar unha clave para identificar carábidos
Presentación




Clave de carábidos






Vida e contorno
Presentación sobre as orixes da entomoloxía en Europa e España, e sobre José María de la Fuente (entomólogo).





Desentrañando a biodiversidade
Presentación sobre coleccións entomolóxicas europeas




Desentrañando a biodiversidade (2)
Segue lendo...

Vídeos sobre branquiópodos (Branchiopoda)

Vídeos sobre diferentes especies de branquiópodos e crustáceos entomostráceos propios de aguas temporais (Streptocephalus torvicornis femia, Cheirocephalus diaphanus). Para acceder ao arquivo, preme aquí. Segue lendo...

Videos de cárabos (Caraboidea)

Móstranse vídeos de Eucarabus deyrollei, Ctenocarabus galicianus no Eume e en Ancares, Rhabdotocarabus melancholicus, Daniela tibialis no Eume, Chlaenius spoliatus e Chlaeniellus vestitus. Para acceder ao arquivo, preme aquí. Segue lendo...

Forro polar G.N. Hábitat


Forros Polares do Grupo Naturalista Hábitat:


Se queredes vestir o forro polar que loce o noso presidente na foto, os tedes dispoñibles no noso local na Rúa Camariñas nº 8 baixo, A Coruña ou encargadeos por email "gnhabitat@yahoo.es"

Prezo: 15€ socios / 20€ non socios
Tallas: L / XL / XXL Segue lendo...