Encontros Naturalistas 30 de decembro: "¿Tuvieron las cebras una sola raya?" Carlos Nores


Dentro da actividade ENCONTROS NATURALISTAS que ten lugar a última semana de cada mes, contamos nesta ocasión coa participación do Dr. Carlos Nores, Profesor da Universidade de Oviedo, Subdirector da fundación Oso Pardo e do INDUROT (Instituto de Recursos Naturales y Ordenación del Territorio) e especialista na bioloxía, distribución e conservación de mamíferos, que virá a falarnos do cebro, un animal criptozoolóxico no noroeste ibérico.

Dado o interese do tema e a relevancia do poñente participante é imprescindible que confirmedes a asistencia ao evento coa maior antelación posible enviando un correo electónico co asunto ASISTENCIA a esta mesma dirección electrónica.

A charla terá lugar no local do Grupo Naturalista Hábitat, Rúa Camariñas, 8-baixo (xunto á praza de Monte Alto) A Coruña, o xoves 30 de decembro ás 20:30h

GN Hábitat
981135014
gnhabitat@yahoo.es
Estudando para Conservar dende 1979
Segue lendo...

II “Maratón” de avistamento de aves no Concello da Coruña


Data: Domingo 26 de nadal Rúa Camariñas, 8 – baixo

O obxectivo desta actividade é achegar o avistamento e identificación de aves ao público xeral.

Organizaranse os equipos participantes o día 23 (sempre cun membro do G.N. Hábitat) e o día 26 as 8:00h partirase do local do Grupo Naturalista Hábitat. A xornada rematará as 13:30h cando os equipos voltarán ao local co seu listado de especies identificadas.
O equipo gañador será o que atope un maior número de especies ( ver regras*)

Prazas limitadas. Inscricións, dúbidas e comentarios: gnhabitat@yahoo.es ou no teléfono 981135014.
Data límite de inscrición: Xoves 23 de decembro.

Regras:

- A zona da actividade restrínxese ao Concello da Coruña
- A puntuación de cada especie depende do número de equipos que a identifiquen (3 puntos se só a identifica un equipo, 2 puntos se a ven dous equipos, e 1 punto cando a identifican más de dous equipos)
- As especies domésticas, exóticas, ou escapes non contabilizan.
- A hora de entrega do listado de especies remata as 13:30h no local do G.N. Hábitat, a hora de comezo é as 8:00h no mesmo punto.
- O equipo que faga menos km. no coche terá 10 puntos adicionais no cómputo final


Segue lendo...

Retirada de Carpobrotus spp. na Praia de Alba. Concello de Arteixo

Coma continuación dos traballos inciados en 2008 para a eliminación de flora alóctona, no que eliminamos algunhas poboacións de Carpobrotus no LIC Costa da Morte, e coa colaboración do Concello de Arteixo, convidamosvos a participar na eliminación de varias poboacións de Carpobrotus o vindeiro domingo 28 de novembro as 10:30 na praia de Alba.

A xornada de traballo rematará ao mediodía.
Prégase confirmación previa, vía email: gnhabitat@yahoo.es, ou ao teléfono 981135014, debido a previsión do material a empregar, guantes, baldes, etc... e que aporta o Grupo Naturalista Hábitat

Gracias pola vosa colaboración!
Segue lendo...

Encontros naturalistas novembro: Mesa redonda, a custodia do territorio




Dentro da actividade ENCONTROS NATURALISTAS contamos nesta ocasión coa participación de Fernando Bandín, da Fundación Fragas do Mandeo; Martiño Cabana e Roberto Hermida, da Asociación Galega de Custodia do Territorio e Oscar Rivas, da Asociación Nummenius.

Nunha breve presentación, cadaún deles daranos a súa visión do presente e futuro inmediato da custodia do territorio en Galicia, abordando cuestións como a función do BANTEGAL en relación á custodia, os proxectos actuais da AGCT, ou o nacemento da Fundación Fragas do Mandeo. Nunha segunda parte abrirase a rolda de participación dos asistentes.

A charla será o venres, 26 de novembro ás 20:30 no local do Grupo Naturalista Hábitat. A entrada é libre e gratuíta.
Segue lendo...

Encontros Naturalistas: "As Aves da ría do Burgo" Antonio Sandoval




Dentro da actividade Encontros Naturalistas, este mes contamos coa colaboración do experto ornitólogo Antonio Sandoval Rey, que nos falará sobre as Aves da Ría do Burgo e o seu entorno.
A charla terá lugar no nos local na Rúa Camariñas nº8 baixo (xunto á praza de Monte Alto) o vindeiro Xoves 28 de Outubro as 20:30h.
A entrada será libre e gratuíta. Confirmade a vosa asistencia en gnhabitat@yahoo.es, ou chamando ao teléfono 981135014.
Segue lendo...

Encontros Naturalistas Xullo "Eucarabus deyrollei Gory 1839: un pequeño entre los grandes."



Dentro da actividade ENCONTROS NATURALISTAS contamos nesta ocasión coa participación de Jorge Ramos Abuín, Licenciado en Bioloxía Animal pola Universidade de Santiago, poñente en diferentes Xornadas e Congresos Ibéricos de Entomología, ademáis do Congreso Internacional de Coleopteroloxía celebrado en Barcelona en 1989. Ten publicado un libro de texto de Bioloxía e numerosos artículos entomolóxicos. Da sua laboura investigadora, recente destacamos o proxecto Transgalaica, a sua intervención no descubrimento da larva de Cychrus spinicollis e a redescripción da larva de Eucarabus deyrollei.

Nesta charla que terá lugar o Venres 30 de Xullo ás 20:30h no noso local ( Rúa Camariñas nº8 baixo, na Coruña) comentarase a posta a punto dunha técnica de cría dunha especie común dos nosos bosques, aportando información sobre a súa bioloxía e desenrolo larvario, ata agora moi descoñecidos.
Segue lendo...

Encontros Naturalistas: Aproximación a bioloxía dos Odonatos en Galicia



Dentro da actividade ENCONTROS NATURALISTAS contamos nesta ocasión coa participación de Adolfo Cordero Rivera, Licenciado en Bioloxía (1987) e doutor (1991) pola Universidade de Santiago, cunha tese sobre ecoloxía, xenética e comportamento de odonatos (Ischnura graellsii). Actualmente catedrático de Ecoloxía na Universidade de Vigo, mantendo varias liñas de investigación sobre organismos ligados ás augas epicontinentais, odonatos, anfibios e réptiles, en aspectos de ecoloxía evolutiva e da conservación. Tamén ten traballado sobre ecoloxía de pragas, en particular sobre o gurgullo do eucalipto e algunha praga do millo. É autor de máis de un centenar de publicacións, ten editado 4 libros, e dirixido 6 teses doutorais.

A charla terá lugar no local do Grupo Naturalista Hábitat, Rúa Camariñas, 8-baixo (xunto á praza de Monte Alto) A Coruña, o venres 25 de xuño ás 21:00h.

A entrada será libre e gratuíta. Confirmade a vosa asistencia en gnhabitat@yahoo.es, ou chamando ao teléfono 981135014 Segue lendo...

Training Day Enciña da Lastra

O pasado sábado, 22 de maio, puidemos desfrutar dunha magnífica xornada de campo na zona de Valdeorras, dentro dos Training Days, impulsados dende Saramaganta, coa colaboura de Hábitat, Drosera e Numenius.

Photobucket

Xuntanza inicial na que Rafael Estévez comenta os aspectos máis importantes do entorno elexido, mentres un ourol canta no val e varios abellarucos e dúas águias cobreiras nos sobrevoan.

Acompañounos un excelente clima, igual algo quente de máis, e os coñecementos e grande capacidade didáctica de Rafael Estévez e José Gándara, que durante toda a actividade se encargaron non só de identificar as ducias de diferentes especies de bolboretas que se puideron observar, senon de aportar información sobre a súa bioloxía, ecoloxía e conservación. Ademáis, con gran paciencia, axudaban a identificar os individuos que lles presentabamos a través dos visores das cámaras, que traballaron a reo ese día, comentando técnicas e trucos para conseguir boas fotografias.

Photobucket

Segue lendo...

Encontros de Naturalistas Maio: O Teixugo


Dentro das charlas organizadas polo G.N. Hábitat os derradeiros venres de mes,contaremos o vindeiro venres 28 de Maio as 20:30 con Xosé Pardavila que nos falará sobre "O Teixugo, apuntes sobre a sía ecoloxía en Galicia".

Como sempre terá lugar no noso local na Rúa Camariñas nº8 baixo C.P.15002 na Coruña
Para máis información contactade con nos no 981135014 ou no email gnhabitat@yahoo.es

Un saúdo Segue lendo...

O Mandeo nas noticias

Se pinchades aquí podedes ver unha das noticias acerca das motos acuáticas no Mandeo, impresionante o argumento dun que defende o beneficio das motos para a auga...
Belén


Segue lendo...

Video-Denuncia sobre o impacto das Motos acuaticas na Ría de Betanzos

Video Denuncia de Motos acuaticas na Ría de Betanzos
Poñedelle sonido ao video non ten desperdicio.


Impacto da motonáutica
no espazo natural protexido
LIC Betanzos – Mandeo
xaneiro e abril de 2010

17 de abril de 2010-05-03
As seguintes imaxes foron gravadas por un
veciño de Souto na marisma de Betanzos,
en plena época de cría e de migración
primaveral das aves.
O impacto ecolóxico foi moi grave.

24 de xaneiro de 2010
As carreiras de motos acuáticas no xuncal
fanas en calquera época do ano,
especialmente nas fins de semana e
con marea chea.

Afectan tanto ás aves invernantes como ás
que crían no xuncal.
As marismas de Betanzos son un espazo natural
protexido incluído na Rede Natura.
As repetidas denuncias de veciños i ecoloxistas
non son escoitadas polas autoridades competentes.

A velocidade máxima de navegación permitida
no interior da ría é de 3 nudos.


Non máis motos na ría


Asociación Cultural O Rabo do Galo
Sociedade Galega de Historia Natural
Grupo Naturalista Hábitat
Grupo de Anelamento Hércules

video

Segue lendo...

Training days en Ourense.

Ola,

Fai anos inventáronse os “Training days” en Inglaterra, eran unhas xornadas de campo para herpetólogos. Pero fóronse adaptando á aprendizaxe. Agora, da man de varias asociacións naturalistas galegas (Saramaganta, GN Hábitat, Numenius e Drosera) chegan aquí eses “Días de aprendizaxe”. Este pasado fin de semana, 24 e 25 de abril, tivo lugar a primeira saída, no sur de Ourense, principalmente no val do río Támega, adicada a anfibios e réptiles, dos que vimos 26 especies!!! , hai 32, non está nada mal. Realmente foi espectacular. Fomos 20 naturalistas, polo que non paramos de ver ademais, aves, insectos, arácnidos, plantas, e calqueira vestixio de vida.

O éxito destes día debémosllo principalmente aos tres expertos que buscaron incansablemente os hérpetos: Martiño, Anxos, Ricardo e Rafa.
O compañeiro Damián ensinounos como ver tarántulas, ademais de identificar bolboretas e outros insectos.
E de moito interese foi tamén a mariscada a base de navallas que nos preparou o ornitólogo Emilio Sabarís.



As especies de hérpetos vistas foron: píntega común, pintafontes común, pintafontes verde, sapiño comadrón, sapo de esporóns, sapo corriqueiro, sapo común, estroza, ra verde, ra patilonga, escáncer cego, lagartixa de Bocage, lagartixa dos penedos, lagartixa cinsenta, lagartixa rabuda, esgonzo común, esgonzo ibérico, lución, lagarto das silvas, lagarto arnal, cobra de colar, cobra lagarteira común, cobregón, serpe riscada, víbora de Seoane e víbora fuciñuda (unha das estrelas da finde). Fallaron as dúas especies de salamanquesas porque pola noite estaba fresco (11ºC).


Os próximos "Training days" serán noutros lugares de Galicia e terán como protagonistas as bolboretas, as orquídeas, as libélulas e os morcegos.
(Fotos de César A. Laó e Belén L. Arenal)

Belén


Zerinthia rumina


Víbora fuciñuda xuvenil


Víbora fuciñuda xuvenil


Víbora fuciñuda adulta


Veleno víbora sinalado


Pintafontes verde


Tarántula


Sapiño comadrón


Sapo corriqueiro


Píntega


Sapo de esporóns


Navallas de Emilio


Empusa


Empusa


Lagarto das silvas xuvenil


Lagarto das silvas


Lagarto das silvas


Lagarto arnal xuvenil


Lagarto arnal atropelado


Lagartixa cinsenta



Lagartixa de Bocage


Estroza


Nos

Os expertos


Esgonzo común


Serpe riscada


Escáncer cego


Carabus galicianus

Lagarto arnal adulto



Lagartixa rabuda


Esgonzo ibérico


Buthus


Emilio coas navallas


Cosme persuadindo a unha tarántula



Cobra lagarteira común





Segue lendo...