Este venres, programa SARGA

Dentro da actividade ENCONTROS NATURALISTAS* que levamos a cabo o último venres de cada mes, contaremos nesta ocasión cun dos maiores coñecedores da distribución da herpetofauna galega: Martiño Cabana, coordinador do Programa SARGA -Seguemento de Anfibios e Réptiles en Galicia- que nos comentará a importancia e os primeiros resultados deste novedoso proxecto. Ademáis presentaranos información de primeira man sobre novos datos de distribución de anfibios e réptiles en Galicia.

Lugar e hora: local do Grupo Hábitat: Rúa Camariñas, 8 - baixo (A Coruña) . Venres 27 de novembro. 20:30h

Pregamos divulguedes esta información a todos os posibles interesados e confirmedes a vosa asistencia respostando a este correo para poder adecuar o local ao número de asistentes, solicitámosvos tamén un esforzo por ter a maior puntualide
*O encontro anterior non se publicitou por un problema de última hora, que obrigou a cambiala por unha charla da nosa Sección Entomolóxica, o venres 30 de outubro. Segue lendo...

Saída de outono ao Courel

Un pouco pola boa acollida da proposta, un pouco polas limitadas prazas dos aloxamentos, un grupiño restrinxido de Hábitat fomos coñecer a fauna e flora da lagoa da Lucenza. O certo é que, dada a meteoroloxía, centrámonos máis na xeoloxía da zona, nas coloridas paisaxes outonais e algúns cogomelos. En fin, que houbo que aguanta-lo temporal.
Xa na aldea da Seara despois da treboada nocturna, viñéronnos saudar innumerables perlas (plecópteros), acabadas de eclosionar no río Selmo. Logo dunha agradable ruta con pouca chuvia, chegamos á lagoa de Lucenza, no fondo dun anfiteatro glaciar con dúas saídas: a principal dá a unha vertente que leva ao curso alto do río Selmo, e a secundaria, do lado do pico Formigueiros, daría ao seu afluente, o río Seara. Este anfiteatro está excavado en lousas con vetas de cuarcita e minas, que transportaba tamén outras pedras arrincadas das paredes do glaciar (diabasa e lousas con andalucita).
Aquí están algúns dos que por alí nos refuxiamos do temporal baixo os salgueiros:

Tamén se refuxiaban na lagoa algúns tritóns verdes (Triturus marmoratus), que preferían a fría auga ao xélido aire; e xa en terra, os resistentes eran soamente algún licósido, seguramente Pardosa sp, unha escolopendra baixo unha pedra, uns ubicuos coleópteros antícidos negros (Scydmaenidae) e pouco máis.
Os pimpíns parecían abrigarse en nutridos grupos e só se deixaban ver as aves máis abondosas ou aparentes (paporrubios, azulentas, pegas marxas, bexatos,...).
Os cogomelos que nos aparecían no camiño xa un pouco fartos da humidade, inda locían vivas cores e un bo tamaño, destacaban a Amanita muscaria e algúns boletos do grupo edulis,
acompañadas dunha ampla gama de choupíns (Macrolepiota e Lepiota spp), uns máis comestibles cós outros, e moita variedade de gastromicetes, etc. etc.
A flora da Lucenza pasaba de bidueiros con pradairos e cancereixos, a rebolos nas ladeiras máis asolladas, e chamou a nosa atención unha única faia illada, uns quilómetros máis meridional cós xa de por si, meridionais faiais do Courel.

Unha vez chegamos á lagoa, as uces e os salgueiros dominaban o lugar, acompañadas dalgún acivro femia que denotaba a súa presenza co vermello dos seus froitos. Por último, sobrepasada a Campa da Lucenza, asomámonos á devesa, dando a impresión de asomarnos á fonte preñada de tanta diversidade, coa típica e tan inspiradora coloración outonal:

faias desfolladas con escuros teixos, amarelos bidulos, rebolos entre verde e amarelo, pardos castiñeiros con toques de amarelo, algunhas laranxas cerdeiras e pradairos, desmantelados cancereixos con restos de folla e froitos...
Quixemos acompañar esta flora o día seguinte coas carrascas de camiño a Mercurín, con aquelas dolomías tan brancas e cheas de fieitos (entre eles o calcícola fieito dourado Asplenium ceterach), pero a chuvia non nos deu respiro e mirando ao souto despedímonos na distancia desa aldea emprazada nun lugar único.
Belén estivo sempre atenta aos detalles da organización e todos procuramos poñer unha nota de naturalismo e bo humor: María, Óscar, Inés, Santi V. e Loli P. (os 6 da foto de enriba), o que escribe, Pablo C. Despois fixeron o propio Santi, Ruth, Rubén, Roberto L., Antía, Lorena, Ricardo, Loli e Roberto V. En total, 16 persoas que fixemos da actividade do GN Hábitat un enriquecedor intercambio de vivencias naturalistas.

Segue lendo...