Próximo encontro naturalista: Metodoloxía de estudo de aves mariñas

O vindeiro venres 25 de setembro, ás 20:00 da tarde, terá lugar unha charla preparatoria para o día das aves (1 de outubro), titulada:
Metodoloxía de estudo de aves mariñas
por Cosme D. Romay e Atocha Ramos
Os relatores son experimentados ornitólogos, que participaron en numerosas campañas de estudo de aves, sobre todo colaborando coa SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía).
Cosme D. Romay é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Formouse tamén no Instituto Holandés de Oceanografía–NIOZ, así como no Museo de Historia Natural Luis Iglesias e Consello Superior de Investigacións Científicas. Presentou os resultados da súa investigación en Congresos científicos así como en diversos artigos en publicacións científicas especializadas.
Atocha Ramos é Licenciada en Bioloxía pola Universidade da Coruña. Traballou coas aves mariñas afectadas polo verquido do petroleiro Prestige, facendo estudos externos, internos (necropsias) , e análise da dieta. Obtivo unha beca da Sociedade Española de Ornitoloxía que lle permitiu participar nun estudo sobre Arao común baseado na análise de cadáveres abeirados atopados en ICAAs (2004-2005)
A entrada á charla será libre e gratuita, pregamos que se confirme a asistencia respostando a este correo para poder adecuar o local ao número de asistentes.
Se che gusta o mar e a natureza e queres aprender a distingui-las numerosas aves que estes días pasan a certa distancia polas nosas costas ou paran a alimentarse nas nosas praias, pásate polo local do GN Hábitat e poderás coñecer cómo colaborar activamente para o seu estudo. Os voluntarios son fundamentais para entende-lo comportamento migratorio das aves e permiti-la súa conservación. Nunca sobra unha man que axude, e menos en Galicia.
Segue lendo...

Construtiva saída ao alto Mandeo

En terras de Aranga, rodeados de explotacións hidroeléctricas, extensas plantacións de eucaliptos, piñeiros, soutos e algunha aldeíña tradicional, esta despoboada rexión conserva aínda algunhas extensas manchas de fraga autóctona arredor do encaixonado Mandeo. Para coñecer a zona, unha delegación do GN Hábitat, guiados por un experto da asociación betanceira Rabo do Galo (Fernando) e acompañados dun herpetólogo (Rafa), fomos atentos observadores da fauna local por unha ruta de 5 km na "minicentral" de Goimil, con abundantes insectos (chicharra verde, varios odonatos, varios carábidos, etc.), abundantes páridos que evidenciaban o bo estado da fraga, estaban acompañados non soamente da abundante lagartixa galega (Podarcis bocagei), senón tamén das localmente escasas lagartixas da serra (Iberolacerta monticola).
Máis adiante, na Fraga das Barbudas, xuntámonos a unha delegación pontevedresa da SGHN, que aproveitaron para caracterizar a rica fauna de lepidópteros (decenas de especies observadas) e compartimos outras observacións de campo, coma unha interesante latrina de xeneta, que nos revelou a presenza do escornabois (Lucanus cervus) e do gran cerambícido Prionus coriarius, así como unha boa observación da cobra lagarteira setentrional e un morcego que saiu da súa fenda en pleno mediodía (supoñemos que se preguntaría por esa visita inesperada).
Non só a investigación de campo puxo a primeira pedra da conservación, senón un firme propósito das tres asociacións para unírmonos nun proxecto común para protexer de xeito efectivo hectáreas destes marabillosos exemplos de bosque atlántico caducifolio. Sabemos que o camiño require constancia e bo facer, pero pensamos contamos cos expertos e os medios axeitados. Agardamos poder ofrecer máis novas deste espazo do alto Mandeo nos meses vindeiros. Segue lendo...