Finalizou a Escola de Naturalistas'09

Despois da charla do venres a cargo do noso experto, Santiago Vázquez Casás. o domingo día 8 de xuño, os asistentes puideron acompañar en Cecebre as habituais sesións dos aneladores do G.N. Hábitat, Manolo Carregal e Berto Monteagudo, que amablemente atenderon dúbidas e explicaron coa seguridade que dá a experiencia as dificultades da tarefa e tamén as novas tendencias no anelamento a nivel europeo.


Para os asistentes, o número de especies foi máis que suficiente, inda que os ornitólogos insistisen en que era unha modestísima representación da avifauna de Cecebre, puidemos ver especies residentes tan espectaculares coma este peto real (Dendrocopos major):


E tamén especies migradoras coma esta folosa amarela (Hippolais polyglotta):

Entre as residentes tamén anelaron carrizos, merlos, reiseñores bastardos, polos de paporrubio e chasca... as migradoras parciais papuxa das amoras, picafollas ibérico, liñaceiros e verderolos, e as migradoras africanas andoriñas comúns.
De camiño tamén adornaban o camiño 2 especies de orquídeas en flor e o iris amarelo (espadana) e na lagoa, un par de somorgullos cristados en plumaxe nupcial baixo a activa nube de cirrios e andoriñas comúns... e algunha que outra gaivota oportunista que andaba ao cangarexo americano.
Baixando no coche na dirección que leva o mesmo río Mero, chegamos ao paseo do Burgo para completa-lo día coa observación de aves acuáticas: os cisnes mudos, que se emanciparon da súa vida en catividade, estaban alimentándose en augas abertas con marea baixa. Tamén vimos unha activa garza real; uns repousados mazaricos chiaores e biluricos patirrubios. Como ave terrestre, destacar a lavandeira amarela, típica do litoral galego estival. Por desgraza o tempo non acompañou para pararnos máis neste espazo e fomos "clausurar" a xornada cun café quente, que falta nos facía a algúns, e a mutua camaradería que penso todos agradecimos, animais humanos que somos, co sano propósito de organizar outra saída exploratoria en grupo á natureza a fins de xuño. Segue lendo...