Sección Entomolóxica e proxecto Eurynebria

Este primeiro semestre de 2009 inauguramos, baixo a coordinación do entomólogo Jorge Á. Ramos, unha sección que xa existía de facto, pero non tiña entidade oficial dentro da asociación. Constitúese para dar continuidade ás actividades de estudo de carábidos que xa se levaban a cabo, sen esquecer observacións ocasionais de campo de bolboretas, arañas, odonatos, etc.
Seguimos a estudar a bioloxía, distribución e fenoloxía dos carábidos, como xa publicaramos no proxecto Transgalaica (Serras Orientais Galegas) no noso boletín A Mobella 14, e un compendio de citas de carábidos novidosas n'A Mobella 15. Este ano 2009, comezamos o proxecto Eurynebria nas dunas da Costa da Morte, que nos levará a coñecer mellor a fenoloxía deste escaravello das praias (o nébrido Eurynebria complanata) en Galicia, da súa fauna acompañante e tamén a descrición da ecoloxía dunha das súas poboacións. Se queres aprender a estudar este animaliño, ponte en contacto con nós por teléfono ou e-mail (gnhabitat@yahoo.es), somos un equipo de catro naturalistas que facemos saídas mensuais na segunda metade de cada mes -Pablo Carballo, Ricardo Ferreiro, Pablo Torrella, Antón Vázquez... e quen se apunte.

Na fotografía podedes ver en detalle a cabeza dunha larva deste voraz predador de pulgas de praia.
Segue lendo...