Saída de outono ao Courel

Un pouco pola boa acollida da proposta, un pouco polas limitadas prazas dos aloxamentos, un grupiño restrinxido de Hábitat fomos coñecer a fauna e flora da lagoa da Lucenza. O certo é que, dada a meteoroloxía, centrámonos máis na xeoloxía da zona, nas coloridas paisaxes outonais e algúns cogomelos. En fin, que houbo que aguanta-lo temporal.
Xa na aldea da Seara despois da treboada nocturna, viñéronnos saudar innumerables perlas (plecópteros), acabadas de eclosionar no río Selmo. Logo dunha agradable ruta con pouca chuvia, chegamos á lagoa de Lucenza, no fondo dun anfiteatro glaciar con dúas saídas: a principal dá a unha vertente que leva ao curso alto do río Selmo, e a secundaria, do lado do pico Formigueiros, daría ao seu afluente, o río Seara. Este anfiteatro está excavado en lousas con vetas de cuarcita e minas, que transportaba tamén outras pedras arrincadas das paredes do glaciar (diabasa e lousas con andalucita).
Aquí están algúns dos que por alí nos refuxiamos do temporal baixo os salgueiros:

Tamén se refuxiaban na lagoa algúns tritóns verdes (Triturus marmoratus), que preferían a fría auga ao xélido aire; e xa en terra, os resistentes eran soamente algún licósido, seguramente Pardosa sp, unha escolopendra baixo unha pedra, uns ubicuos coleópteros antícidos negros (Scydmaenidae) e pouco máis.
Os pimpíns parecían abrigarse en nutridos grupos e só se deixaban ver as aves máis abondosas ou aparentes (paporrubios, azulentas, pegas marxas, bexatos,...).
Os cogomelos que nos aparecían no camiño xa un pouco fartos da humidade, inda locían vivas cores e un bo tamaño, destacaban a Amanita muscaria e algúns boletos do grupo edulis,
acompañadas dunha ampla gama de choupíns (Macrolepiota e Lepiota spp), uns máis comestibles cós outros, e moita variedade de gastromicetes, etc. etc.
A flora da Lucenza pasaba de bidueiros con pradairos e cancereixos, a rebolos nas ladeiras máis asolladas, e chamou a nosa atención unha única faia illada, uns quilómetros máis meridional cós xa de por si, meridionais faiais do Courel.

Unha vez chegamos á lagoa, as uces e os salgueiros dominaban o lugar, acompañadas dalgún acivro femia que denotaba a súa presenza co vermello dos seus froitos. Por último, sobrepasada a Campa da Lucenza, asomámonos á devesa, dando a impresión de asomarnos á fonte preñada de tanta diversidade, coa típica e tan inspiradora coloración outonal:

faias desfolladas con escuros teixos, amarelos bidulos, rebolos entre verde e amarelo, pardos castiñeiros con toques de amarelo, algunhas laranxas cerdeiras e pradairos, desmantelados cancereixos con restos de folla e froitos...
Quixemos acompañar esta flora o día seguinte coas carrascas de camiño a Mercurín, con aquelas dolomías tan brancas e cheas de fieitos (entre eles o calcícola fieito dourado Asplenium ceterach), pero a chuvia non nos deu respiro e mirando ao souto despedímonos na distancia desa aldea emprazada nun lugar único.
Belén estivo sempre atenta aos detalles da organización e todos procuramos poñer unha nota de naturalismo e bo humor: María, Óscar, Inés, Santi V. e Loli P. (os 6 da foto de enriba), o que escribe, Pablo C. Despois fixeron o propio Santi, Ruth, Rubén, Roberto L., Antía, Lorena, Ricardo, Loli e Roberto V. En total, 16 persoas que fixemos da actividade do GN Hábitat un enriquecedor intercambio de vivencias naturalistas.

No hay comentarios: