Construtiva saída ao alto Mandeo

En terras de Aranga, rodeados de explotacións hidroeléctricas, extensas plantacións de eucaliptos, piñeiros, soutos e algunha aldeíña tradicional, esta despoboada rexión conserva aínda algunhas extensas manchas de fraga autóctona arredor do encaixonado Mandeo. Para coñecer a zona, unha delegación do GN Hábitat, guiados por un experto da asociación betanceira Rabo do Galo (Fernando) e acompañados dun herpetólogo (Rafa), fomos atentos observadores da fauna local por unha ruta de 5 km na "minicentral" de Goimil, con abundantes insectos (chicharra verde, varios odonatos, varios carábidos, etc.), abundantes páridos que evidenciaban o bo estado da fraga, estaban acompañados non soamente da abundante lagartixa galega (Podarcis bocagei), senón tamén das localmente escasas lagartixas da serra (Iberolacerta monticola).
Máis adiante, na Fraga das Barbudas, xuntámonos a unha delegación pontevedresa da SGHN, que aproveitaron para caracterizar a rica fauna de lepidópteros (decenas de especies observadas) e compartimos outras observacións de campo, coma unha interesante latrina de xeneta, que nos revelou a presenza do escornabois (Lucanus cervus) e do gran cerambícido Prionus coriarius, así como unha boa observación da cobra lagarteira setentrional e un morcego que saiu da súa fenda en pleno mediodía (supoñemos que se preguntaría por esa visita inesperada).
Non só a investigación de campo puxo a primeira pedra da conservación, senón un firme propósito das tres asociacións para unírmonos nun proxecto común para protexer de xeito efectivo hectáreas destes marabillosos exemplos de bosque atlántico caducifolio. Sabemos que o camiño require constancia e bo facer, pero pensamos contamos cos expertos e os medios axeitados. Agardamos poder ofrecer máis novas deste espazo do alto Mandeo nos meses vindeiros.

No hay comentarios: