A Escola de Naturalistas chega á súa recta final

O vindeiro día 5 de xuño ás 20:30 terá lugar no local a última charla da Escola de Naturalistas, a cargo do experimentado ornitólogo Santiago Vázquez Casás. Remataremos o ciclo cunha saída á Ría do Burgo (7 de xuño), onde o mesmo experto e máis xente do grupo cederá o seu material óptico e coñecementos para aprendermos a diferenciar as principais aves acuáticas e terrestres.
A charla e saída de mamíferos, impartida por Antón Vázquez Corral, deulle un repaso a toda a fauna mastozoolóxica presente en Galicia. Na saída aos Ancares, coa fin de observar mamíferos, un nutrido grupo puido ver algúns dos poucos rebezos (Rupicapra rupicapra) que quedan en Galicia e tamén puidemos ir abrindo boca cos réptiles e anfibios: numerosas lagartas das brañas (Lacerta vivipara), e lagarta dos muros (Podarcis muralis), nunha das escasas localidades en que estas especies aparecen en Galicia, tamén puidemos ver unha parella de lagarto das silvas (Lacerta schreiberi), varias lagartas da serra (Iberolacerta monticola) e anfibios como a ra vermella (Rana temporaria), da que se observaron posturas, larvas e adultos, o pintafontes común (Lissotriton boscai) ou o pintafontes palmado (Lissotriton helveticus).


Exemplar de Lacerta [Zootoca] vivipara nos Ancares.
Ricardo Ferreiro Sanjurjo, o noso experto en anfibios e réptiles, repasou a ameazada fauna herpética na charla do día 22 (día da biodiversidade) e a saída a Louro e Lariño do 24 foi moi rica en réptiles. Observamos uns cantos esgonzos ibéricos (Chalcides bedriagai), tamén esgonzos comúns (C. striatus), escánceres (Anguis fragilis), lagartas rabudas (Psammodromus algirus), cobras de escada (Rhinechis scalaris), cobra lagarteira meridional (Coronella girondica), lagarta de Bocage (Podarcis bocagei) e lagarto arnal (Lacerta lepida). Tamén vimos un par de lagarteiros que levaban nas poutas polo aire senllas presas reptilianas, un ofidio e unha lagarta, parecían.




Esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai) nas dunas grises de Louro.
Asemade vimos algún mamífero activo (lontra, rato caseiro e furaño común) e numerosas fozadas de porco bravo. Tamén nos paramos a ver e identificar multitude de insectos, sobre todo polinizadores (vistosos lepidópteros, himenópteros, hemípteros, coleópteros...) que completaban o contorno natural.


Un podalirio (Iphiclides podalirius) "libando" nas gramíneas Dactylis glomerata.
Como herpetólogos estaban Ricardo e Martiño Cabana, que fixeron a maior parte de capturas de réptiles, e Xabi e Santi puxeron a nota ornitolóxica, descubríndonos uns cullereiros (Platalea) e os lagarteiros xa citados, anticipando xa a próxima e charla.

No hay comentarios: