Charla sobre a toupa de auga

No local do G.N. Hábitat, o mércores 30 de decembro, ás 20:30, teremos unha charla do profesor Carlos Nores (Universidade de Oviedo), experto en mamíferos terrestres, sobre a toupa de auga (Galemys pyrenaicus), en castelán coñecido como "desmán ibérico", especie ameazada (chegou a estar considerada en perigo de extinción), inda que pouco coñecida e bastante común na nosa terra, sempre que haxa ríos conservados.

Rógase confirmar asistencia antes da charla por calquera dos contactos indicados no cartel embaixo.
Segue lendo...

Maratón ornitolóxica 26 de decembro

Esta fin de semana celebramos un día de reconto de aves por equipos, anótate a algún equipo chamando ao 981-135014. Segue lendo...

Este venres, programa SARGA

Dentro da actividade ENCONTROS NATURALISTAS* que levamos a cabo o último venres de cada mes, contaremos nesta ocasión cun dos maiores coñecedores da distribución da herpetofauna galega: Martiño Cabana, coordinador do Programa SARGA -Seguemento de Anfibios e Réptiles en Galicia- que nos comentará a importancia e os primeiros resultados deste novedoso proxecto. Ademáis presentaranos información de primeira man sobre novos datos de distribución de anfibios e réptiles en Galicia.

Lugar e hora: local do Grupo Hábitat: Rúa Camariñas, 8 - baixo (A Coruña) . Venres 27 de novembro. 20:30h

Pregamos divulguedes esta información a todos os posibles interesados e confirmedes a vosa asistencia respostando a este correo para poder adecuar o local ao número de asistentes, solicitámosvos tamén un esforzo por ter a maior puntualide
*O encontro anterior non se publicitou por un problema de última hora, que obrigou a cambiala por unha charla da nosa Sección Entomolóxica, o venres 30 de outubro. Segue lendo...

Saída de outono ao Courel

Un pouco pola boa acollida da proposta, un pouco polas limitadas prazas dos aloxamentos, un grupiño restrinxido de Hábitat fomos coñecer a fauna e flora da lagoa da Lucenza. O certo é que, dada a meteoroloxía, centrámonos máis na xeoloxía da zona, nas coloridas paisaxes outonais e algúns cogomelos. En fin, que houbo que aguanta-lo temporal.
Xa na aldea da Seara despois da treboada nocturna, viñéronnos saudar innumerables perlas (plecópteros), acabadas de eclosionar no río Selmo. Logo dunha agradable ruta con pouca chuvia, chegamos á lagoa de Lucenza, no fondo dun anfiteatro glaciar con dúas saídas: a principal dá a unha vertente que leva ao curso alto do río Selmo, e a secundaria, do lado do pico Formigueiros, daría ao seu afluente, o río Seara. Este anfiteatro está excavado en lousas con vetas de cuarcita e minas, que transportaba tamén outras pedras arrincadas das paredes do glaciar (diabasa e lousas con andalucita).
Aquí están algúns dos que por alí nos refuxiamos do temporal baixo os salgueiros:

Tamén se refuxiaban na lagoa algúns tritóns verdes (Triturus marmoratus), que preferían a fría auga ao xélido aire; e xa en terra, os resistentes eran soamente algún licósido, seguramente Pardosa sp, unha escolopendra baixo unha pedra, uns ubicuos coleópteros antícidos negros (Scydmaenidae) e pouco máis.
Os pimpíns parecían abrigarse en nutridos grupos e só se deixaban ver as aves máis abondosas ou aparentes (paporrubios, azulentas, pegas marxas, bexatos,...).
Os cogomelos que nos aparecían no camiño xa un pouco fartos da humidade, inda locían vivas cores e un bo tamaño, destacaban a Amanita muscaria e algúns boletos do grupo edulis,
acompañadas dunha ampla gama de choupíns (Macrolepiota e Lepiota spp), uns máis comestibles cós outros, e moita variedade de gastromicetes, etc. etc.
A flora da Lucenza pasaba de bidueiros con pradairos e cancereixos, a rebolos nas ladeiras máis asolladas, e chamou a nosa atención unha única faia illada, uns quilómetros máis meridional cós xa de por si, meridionais faiais do Courel.

Unha vez chegamos á lagoa, as uces e os salgueiros dominaban o lugar, acompañadas dalgún acivro femia que denotaba a súa presenza co vermello dos seus froitos. Por último, sobrepasada a Campa da Lucenza, asomámonos á devesa, dando a impresión de asomarnos á fonte preñada de tanta diversidade, coa típica e tan inspiradora coloración outonal:

faias desfolladas con escuros teixos, amarelos bidulos, rebolos entre verde e amarelo, pardos castiñeiros con toques de amarelo, algunhas laranxas cerdeiras e pradairos, desmantelados cancereixos con restos de folla e froitos...
Quixemos acompañar esta flora o día seguinte coas carrascas de camiño a Mercurín, con aquelas dolomías tan brancas e cheas de fieitos (entre eles o calcícola fieito dourado Asplenium ceterach), pero a chuvia non nos deu respiro e mirando ao souto despedímonos na distancia desa aldea emprazada nun lugar único.
Belén estivo sempre atenta aos detalles da organización e todos procuramos poñer unha nota de naturalismo e bo humor: María, Óscar, Inés, Santi V. e Loli P. (os 6 da foto de enriba), o que escribe, Pablo C. Despois fixeron o propio Santi, Ruth, Rubén, Roberto L., Antía, Lorena, Ricardo, Loli e Roberto V. En total, 16 persoas que fixemos da actividade do GN Hábitat un enriquecedor intercambio de vivencias naturalistas.

Segue lendo...

Noite nova este venres, día 23 de outubro.

En colaboración co Concello da Coruña o Grupo Hábitat organiza este venres un percorrido nocturno para mozos de observación de fauna nocturna no entrorno da Torre de Hércules.
A inscrición é gratuita, para mozos entre 14 e 30 anos, guiada por expertos do GN Hábitat farase unha actividade de mostraxe de bolboretas nocturnas, observación en contornas húmidas na busca de anfibios activos, detección de morcegos, etc. Por favor, acode á cita con roupa e calzado preparado para a chuvia e lanternas con pilas de reposto.
Animádevos a participar inscribíndovos neste enlace

Saúdos Segue lendo...

Próximo encontro naturalista: Metodoloxía de estudo de aves mariñas

O vindeiro venres 25 de setembro, ás 20:00 da tarde, terá lugar unha charla preparatoria para o día das aves (1 de outubro), titulada:
Metodoloxía de estudo de aves mariñas
por Cosme D. Romay e Atocha Ramos
Os relatores son experimentados ornitólogos, que participaron en numerosas campañas de estudo de aves, sobre todo colaborando coa SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía).
Cosme D. Romay é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Formouse tamén no Instituto Holandés de Oceanografía–NIOZ, así como no Museo de Historia Natural Luis Iglesias e Consello Superior de Investigacións Científicas. Presentou os resultados da súa investigación en Congresos científicos así como en diversos artigos en publicacións científicas especializadas.
Atocha Ramos é Licenciada en Bioloxía pola Universidade da Coruña. Traballou coas aves mariñas afectadas polo verquido do petroleiro Prestige, facendo estudos externos, internos (necropsias) , e análise da dieta. Obtivo unha beca da Sociedade Española de Ornitoloxía que lle permitiu participar nun estudo sobre Arao común baseado na análise de cadáveres abeirados atopados en ICAAs (2004-2005)
A entrada á charla será libre e gratuita, pregamos que se confirme a asistencia respostando a este correo para poder adecuar o local ao número de asistentes.
Se che gusta o mar e a natureza e queres aprender a distingui-las numerosas aves que estes días pasan a certa distancia polas nosas costas ou paran a alimentarse nas nosas praias, pásate polo local do GN Hábitat e poderás coñecer cómo colaborar activamente para o seu estudo. Os voluntarios son fundamentais para entende-lo comportamento migratorio das aves e permiti-la súa conservación. Nunca sobra unha man que axude, e menos en Galicia.
Segue lendo...

Construtiva saída ao alto Mandeo

En terras de Aranga, rodeados de explotacións hidroeléctricas, extensas plantacións de eucaliptos, piñeiros, soutos e algunha aldeíña tradicional, esta despoboada rexión conserva aínda algunhas extensas manchas de fraga autóctona arredor do encaixonado Mandeo. Para coñecer a zona, unha delegación do GN Hábitat, guiados por un experto da asociación betanceira Rabo do Galo (Fernando) e acompañados dun herpetólogo (Rafa), fomos atentos observadores da fauna local por unha ruta de 5 km na "minicentral" de Goimil, con abundantes insectos (chicharra verde, varios odonatos, varios carábidos, etc.), abundantes páridos que evidenciaban o bo estado da fraga, estaban acompañados non soamente da abundante lagartixa galega (Podarcis bocagei), senón tamén das localmente escasas lagartixas da serra (Iberolacerta monticola).
Máis adiante, na Fraga das Barbudas, xuntámonos a unha delegación pontevedresa da SGHN, que aproveitaron para caracterizar a rica fauna de lepidópteros (decenas de especies observadas) e compartimos outras observacións de campo, coma unha interesante latrina de xeneta, que nos revelou a presenza do escornabois (Lucanus cervus) e do gran cerambícido Prionus coriarius, así como unha boa observación da cobra lagarteira setentrional e un morcego que saiu da súa fenda en pleno mediodía (supoñemos que se preguntaría por esa visita inesperada).
Non só a investigación de campo puxo a primeira pedra da conservación, senón un firme propósito das tres asociacións para unírmonos nun proxecto común para protexer de xeito efectivo hectáreas destes marabillosos exemplos de bosque atlántico caducifolio. Sabemos que o camiño require constancia e bo facer, pero pensamos contamos cos expertos e os medios axeitados. Agardamos poder ofrecer máis novas deste espazo do alto Mandeo nos meses vindeiros. Segue lendo...

Charla sobre o Oso pardo na Península Ibérica: Situación e Conservación

Este venres 31 de xullo ás 20:30, o profesor da Universidade de Oviedo, experto en bioloxía animal, con ampla experiencia en mamíferos ibéricos. Dende a década dos 90 está adscrito ademais ao Instituto de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio, e ten publicados máis de 60 traballos e máis de 40 comunciacións a congresos, traballos dos cales destacan varios estudos sobre a distribución histórica, abundancia e conservación do oso pardo ibérico:


Distribución actual da especie.


Esta ilustración representa a distribución do oso pardo a mediados do s. XIX, segundo o autor (1)

  1. Nores, C., Naves, J. (1993). Distribución histórica del oso pardo en la península Ibérica. Pp. 13-33. En:Naves, J., Palomero, G. (Eds.). El oso pardo (Ursus arctos) en EspañaICONA, Madrid.
  2. Nores, C., Palomero, G. (2000). Actividades cinegéticas y conservación del oso pardo en la cordillera cantábrica. Pp. 157-173. En: Layna, J. F., Heredia, B., Palomero, G., Doadrio, I. (Eds.). La conservación del oso pardo en Europa: un reto de cara al siglo XXI. Fundación Biodiversidad, Madrid.
Dado que o aforo é limitado, roguemos confirmedes a vosa asistencia á charla cun día de antelación no e-mail do grupo (gnhabitat@yahoo.es) co asunto "ASISTENCIA". Graciñas.
Segue lendo...

Saída do grupo á "lagoa" de Alcaián

Este domingo 19 organizamos unha saída a Alcaián (Coristanco), estaremos toda a mañá, quedando a comer alí, algúns dos que imos, temos que marchar despois de xantar, pero outros pensan quedar todo o día, non hai problema con tal de sabelo antes para organizarnos cos coches.
Hai que levar a comida, e é recomendable levar tamén botas de auga, porque a zona é húmida e con bastantes charcos e terreo irregular, outra opción e ir con calzado que se poida mollar e en pantalón curto, cada un como queira, pero levar roupa de reposto para volver tampouco é mala idea.
Quedaremos ás 9 da mañá no local de Hábitat, pero se alguén quere saír doutro sitio, con tal de chamanos ao teléfono do grupo (981135014) ata o día antes, xa nos poñemos de acordo.
Este humidal tantas veces proposto, pero aínda non protexido, presenta fauna e flora de interese, entre o cal destacamos a tartaraña cincenta, diversos anfibios, insectos acuáticos de interese e flora ameazada, coma a vulnerable planta acuática carnívora Utricularia minor, e xa no monte, o cardo rastreiro endémico de Bergantiños, e considerada en perigo de extinción, Centaurea ultreiae.
Utricularia minor Centaurea ultreiae
Segue lendo...

Finalizou a Escola de Naturalistas'09

Despois da charla do venres a cargo do noso experto, Santiago Vázquez Casás. o domingo día 8 de xuño, os asistentes puideron acompañar en Cecebre as habituais sesións dos aneladores do G.N. Hábitat, Manolo Carregal e Berto Monteagudo, que amablemente atenderon dúbidas e explicaron coa seguridade que dá a experiencia as dificultades da tarefa e tamén as novas tendencias no anelamento a nivel europeo.


Para os asistentes, o número de especies foi máis que suficiente, inda que os ornitólogos insistisen en que era unha modestísima representación da avifauna de Cecebre, puidemos ver especies residentes tan espectaculares coma este peto real (Dendrocopos major):


E tamén especies migradoras coma esta folosa amarela (Hippolais polyglotta):

Entre as residentes tamén anelaron carrizos, merlos, reiseñores bastardos, polos de paporrubio e chasca... as migradoras parciais papuxa das amoras, picafollas ibérico, liñaceiros e verderolos, e as migradoras africanas andoriñas comúns.
De camiño tamén adornaban o camiño 2 especies de orquídeas en flor e o iris amarelo (espadana) e na lagoa, un par de somorgullos cristados en plumaxe nupcial baixo a activa nube de cirrios e andoriñas comúns... e algunha que outra gaivota oportunista que andaba ao cangarexo americano.
Baixando no coche na dirección que leva o mesmo río Mero, chegamos ao paseo do Burgo para completa-lo día coa observación de aves acuáticas: os cisnes mudos, que se emanciparon da súa vida en catividade, estaban alimentándose en augas abertas con marea baixa. Tamén vimos unha activa garza real; uns repousados mazaricos chiaores e biluricos patirrubios. Como ave terrestre, destacar a lavandeira amarela, típica do litoral galego estival. Por desgraza o tempo non acompañou para pararnos máis neste espazo e fomos "clausurar" a xornada cun café quente, que falta nos facía a algúns, e a mutua camaradería que penso todos agradecimos, animais humanos que somos, co sano propósito de organizar outra saída exploratoria en grupo á natureza a fins de xuño. Segue lendo...

A Escola de Naturalistas chega á súa recta final

O vindeiro día 5 de xuño ás 20:30 terá lugar no local a última charla da Escola de Naturalistas, a cargo do experimentado ornitólogo Santiago Vázquez Casás. Remataremos o ciclo cunha saída á Ría do Burgo (7 de xuño), onde o mesmo experto e máis xente do grupo cederá o seu material óptico e coñecementos para aprendermos a diferenciar as principais aves acuáticas e terrestres.
A charla e saída de mamíferos, impartida por Antón Vázquez Corral, deulle un repaso a toda a fauna mastozoolóxica presente en Galicia. Na saída aos Ancares, coa fin de observar mamíferos, un nutrido grupo puido ver algúns dos poucos rebezos (Rupicapra rupicapra) que quedan en Galicia e tamén puidemos ir abrindo boca cos réptiles e anfibios: numerosas lagartas das brañas (Lacerta vivipara), e lagarta dos muros (Podarcis muralis), nunha das escasas localidades en que estas especies aparecen en Galicia, tamén puidemos ver unha parella de lagarto das silvas (Lacerta schreiberi), varias lagartas da serra (Iberolacerta monticola) e anfibios como a ra vermella (Rana temporaria), da que se observaron posturas, larvas e adultos, o pintafontes común (Lissotriton boscai) ou o pintafontes palmado (Lissotriton helveticus).


Exemplar de Lacerta [Zootoca] vivipara nos Ancares.
Ricardo Ferreiro Sanjurjo, o noso experto en anfibios e réptiles, repasou a ameazada fauna herpética na charla do día 22 (día da biodiversidade) e a saída a Louro e Lariño do 24 foi moi rica en réptiles. Observamos uns cantos esgonzos ibéricos (Chalcides bedriagai), tamén esgonzos comúns (C. striatus), escánceres (Anguis fragilis), lagartas rabudas (Psammodromus algirus), cobras de escada (Rhinechis scalaris), cobra lagarteira meridional (Coronella girondica), lagarta de Bocage (Podarcis bocagei) e lagarto arnal (Lacerta lepida). Tamén vimos un par de lagarteiros que levaban nas poutas polo aire senllas presas reptilianas, un ofidio e unha lagarta, parecían.




Esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai) nas dunas grises de Louro.
Asemade vimos algún mamífero activo (lontra, rato caseiro e furaño común) e numerosas fozadas de porco bravo. Tamén nos paramos a ver e identificar multitude de insectos, sobre todo polinizadores (vistosos lepidópteros, himenópteros, hemípteros, coleópteros...) que completaban o contorno natural.


Un podalirio (Iphiclides podalirius) "libando" nas gramíneas Dactylis glomerata.
Como herpetólogos estaban Ricardo e Martiño Cabana, que fixeron a maior parte de capturas de réptiles, e Xabi e Santi puxeron a nota ornitolóxica, descubríndonos uns cullereiros (Platalea) e os lagarteiros xa citados, anticipando xa a próxima e charla.
Segue lendo...

Escola de Naturalistas 2009


Moi boas a todos xa está en marcha a Escola de Naturalistas 2009 (coma continuación da xa organizada en 2008) destinada a persoas interesadas na natureza e no medio ambiente, que dende un punto de vista divulgativo tratará de achegarnos ao medio en xornadas divididas en tres partes: unha dedicada aos Mamíferos, outra aos Anfibios e Réptiles, e outra ás Aves.

Cada parte consta dunha charla e dunha saída de campo:

Charlas: 8 maio Mamíferos 22 maio: Anfibios e Réptiles. 6 xuño: Aves
Saídas ao campo: 10 de maio Ancares, 24 de maio: Monte Louro, 7 xuño: Ría do Burgo

O transporte e o material didáctico está incluido. O prezo son 5 € a non socios (en total polas 3 xornadas) e gratis para os socios.
Prazas limitadas. Non esquezades as botas de campo, o impermeable, a cámara e unha libretiña de notas e...

Apuntádevos!

Segue lendo...

Sección Entomolóxica e proxecto Eurynebria

Este primeiro semestre de 2009 inauguramos, baixo a coordinación do entomólogo Jorge Á. Ramos, unha sección que xa existía de facto, pero non tiña entidade oficial dentro da asociación. Constitúese para dar continuidade ás actividades de estudo de carábidos que xa se levaban a cabo, sen esquecer observacións ocasionais de campo de bolboretas, arañas, odonatos, etc.
Seguimos a estudar a bioloxía, distribución e fenoloxía dos carábidos, como xa publicaramos no proxecto Transgalaica (Serras Orientais Galegas) no noso boletín A Mobella 14, e un compendio de citas de carábidos novidosas n'A Mobella 15. Este ano 2009, comezamos o proxecto Eurynebria nas dunas da Costa da Morte, que nos levará a coñecer mellor a fenoloxía deste escaravello das praias (o nébrido Eurynebria complanata) en Galicia, da súa fauna acompañante e tamén a descrición da ecoloxía dunha das súas poboacións. Se queres aprender a estudar este animaliño, ponte en contacto con nós por teléfono ou e-mail (gnhabitat@yahoo.es), somos un equipo de catro naturalistas que facemos saídas mensuais na segunda metade de cada mes -Pablo Carballo, Ricardo Ferreiro, Pablo Torrella, Antón Vázquez... e quen se apunte.

Na fotografía podedes ver en detalle a cabeza dunha larva deste voraz predador de pulgas de praia.
Segue lendo...