Presentamos a campaña Carpobrotus’08

O proxecto da tempada 2007:

Dende o G.N. Hábitat, inda sabedores de que hai outras ameazas dos ecosistemas costeiros se cadra máis graves, decidimos aborda-lo problema das plantas invasoras por axustarse a un obxectivo medioambiental asequible por medio do voluntariado. Asemade, cómpre lembrarmos que no litoral coruñés existen especies únicas (endémicas) como Linaria aguillonensis ou Omphalodes littoralis ssp gallaecica, entre outras, así coma unha decena de ecosistemas protexidos. Despois de estuda-las poboacións de unlla de gato nun amplo sector da Costa da Morte Norte, vimos que afectaba a moitos deses ecositemas, inda que de maneira incipiente, polo que estamos nun momento idóneo para actuar, evitando unha maior extensión que dificultase a conservación das comunidades autóctonas.

Tramo estudado: Faixa litoral dunha centena de metros de grosor dende Caión (Laracha) ata a Punta Nariga (Malpica), incluíndo gran parte do litoral bergantiñán.

Protección: o terreo estudado englóbase no ZEPVN-LIC Costa da Morte e ZEPVN-ZEPA da Costa da Morte Norte.

Unlla de gato (Carpobrotus edulis e C. acinaciformis)

Procedencia: Suráfrica.
Ecoloxía: Especies alóctonas con gran potencial invasor, debido a:
  1. Mecanismos de reprodución asexual ou vexetativo.
  2. Alta taxa de crecemento en condicións axeitadas.
  3. Capacidade de rebrote despois de seren cortadas.
  4. Tolerancia a factores ambientais adversos.
  5. Mecanismos de defensa contra os depredadores.
  6. Boa aptitude competitiva.
  7. Intervalo ecolóxico amplo.
Ameazas para a flora autóctona: Provoca a extinción de especies nativas ou o empobrecemento da biodiversidade dun lugar mediante a competición polo espazo, polinizadores, dispersores e recursos (nutrientes, auga e luz) coas especies autóctonas. Isto acaba desvalorizando as especies autóctonas e contribúe á perda de identidade cultural.

Comunidades vexetais autóctonas afectadas:

Na Costa da Morte existen uns 21 ecosistemas de protección prioritaria establecidos pola directiva europea Hábitats, dos cales unha decena resultaron afectados por Carpobrotus spp. no presente estudo. Para facilita-la súa clasificación, resumímolos en 4 grupos tendo en conta as semellantes condicións ecolóxicas:

1. Penedos costeiros: Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii e rochas dos cantís con vexetación litoral atlántica.

2. Dunas móbiles embrionarias e dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria (dunas brancas).

3. Mato con breixos húmidos atlánticos tépedos de Erica ciliaris e E. tetralix, con breixos secos europeos, con breixos secos atlánticas costeiros de E. vagans ou breixos oromediterráneos endémicos con toxo.

4. Solos esqueléticos de dunas costeiras fixas con vexetación herbácea -dunas grises-, con céspedes do Malcomietalia ou con vexetación esclerófila do Cisto-Lavanduletalia e parte superior dos cantís con vexetación das costas atlánticas.Todos eles están afectados nunha extensión semellante, inda que podemos destaca-los rochedos costeiros. Un quinto grupo de ecositemas afectado, sen protección algunha, é no que se cultiva a maior parte de pés de unlla de gato: os medios antrópicos. A pesar diso, só representa o 16 % (ver gráfico), o que vai en consonancia co relativo baixo nivel de ocupación humana da zona de estudo.

Relación cos medios humanizados:

Inda que poidamos considerar modificados a totalidade dos medios observados, referímonos aquí a medios intensa ou recentemente alterados pola acción humana (construcións, terras removidas, pistas, vertedoiros...). Estes medios nunca estaban lonxe das “manchas” de unlla de gato, constatándose ademais unha maior cobertura destas nas zonas de ocupación recente, coma os arredores da vila de Malpica (Barizo, Punta Nariga) e Razo. É tamén de destacar a gran extensión destas “manchas” arredor de infraestruturas ligadas ao mar coma pequenos portos e embarcadoiros (Razo, Malpica e Seiruga), faros (Illas Sisargas e Punta Nariga) e paseos (Razo e Malpica). De menor extensión, pero máis repartidas están as “manchas” ligadas a residencias de verán e vertedorios de lixo (Leira, Seiruga, Barizo...).


Ilustración 1. Gráfica das superficies afectadas.

Outras plantas invasoras frecuentes na Costa da Morte Norte:

- Canaveira (Arundo donax): Planta procedente da rexión Mediterránea, adaptada a terreos areosos e húmidos, é freceunte en ribeiras e desembocaduras de ríos e pode invadir algunhas dunas próximas.

- Botóns amarelos (Cotula coronopifolia): Pequena herba vivaz que coloniza zonas herbosas en humidais costeiros. Orixe: Suráfrica.

- Outras especies invasoras detectadas nas proximidades ou na zona de estudo: Herba da Pampa ou cortadeira (Cortaderia selloana): Frecuente como ornamental en obras públicas ou xardíns. Menos invasivas, herbáceas ornamentais procedentes de Suráfrica, abondan: Arctotheca calendula, Bidens aurea, Hellichrysum foetidum son tamén frecuentes na zona e todas orixinarias de Suráfrica.


Solucións:

- Busca alternativas para estabilizar terreos ou embelecer no teu xardín e colabora para que os teus veciños atopen tamén alternativas menos daniñas para as comunidades autóctonas.

- Esixe á administración que protexa amplas zonas sen urbanizar arredor e na propia ZEPVN da Costa da Morte, para agredir o menos posible os seus valores naturais e evita-la aparición de novos focos desta especie invasora ligada en orixe aos medios humanizados.

- Colabora voluntariamente coa nosa ou con outra entidade para a conservación do medio ambiente no seu estudo ou erradicación .

Proxecto actual (tempada 2008-09)


Ilustración 2. Mapa da franxa costeira estudada a tempada actual.

- Cartografado das poboacións do segundo tramo de estudo da Costa da Morte (ver ilustración de enriba).

- Erradicación daquelas poboacións que afecten aos ecosistemas máis valiosos, coordinándonos con Concellos e a Consellería de Medio Ambiente e DS.

- Seguimento das manchas estudadas, sobre todo daquelas con máis posibilidades de expansión e as que foron xa tratadas por se rebrotasen.

Se queres colaborar no estudo ou erradicación das poboacións de unlla de gato na Costa da Morte, non dubides en contactar con nós, pois da acción voluntaria depende boa parte da conservación do medio ambiente.
Segue lendo...