Asociacións de nova creación acaparan as axudas concedidas pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

Hai dous anos, á Federación Ecoloxista Galega, na que o GN Hábitat está integrado e que agrupa históricas e experimentadas asociacións ecoloxistas, saíulle unha irmá da que nada sabiamos hai un ano: a FEGAMA, que agrupa 30 asociacións comarcais novas –cinco delas “naturistas” de nome, prácticas moi respectables, pero que non pertencen estritamente ao ámbito ecoloxista nin naturalista. Xusto despois, o único requisito necesario para optar ás subvencións da Consellería de Medio Ambiente era estar inscrito nun rexistro de nova creación, para o que se abría un prazo e nas que nos inscribimos a maior parte das asociacións ecoloxistas e naturalistas activas. Feito isto, solicitamos subvención presentando un proxecto de actividades ou uns gastos de funcionamento.
En outubro tivemos a resposta da Xunta, que felizmente concedíanos a moitas asociacións unha parte considerable das axudas solicitadas (no noso caso foron uns nada desprezables 23.000 € por gastos e un proxecto de actividades traballado e xa con experiencia: o cartografado do Carpobrotus na Costa da Morte), pero para a nosa sorpresa, a acabada de crear FEGAMA e as súas asociacións obtiñan máis da metade do total: uns seiscentos mil euros amplos, mentres que a FEG e as súas asociacións só levabamos un 8 %, en parte debido a non solicitar algunhas axudas.




Porcentaxe por federacións ou asociacións independentes que concorreron ao concurso de subvencións por gastos, investimentos ou proxectos medioambientaisAsí as cousas, o “vello” movemento ecoloxista galego tería que alegrarse da chegada dun “novo” movemento ecoloxista totalmente descoñecido e, sabedores do esforzo que require a elaboración dun proxecto ambiental completo, tan competente como para acumular proxectos merecedores de sumas récord en axudas, coa mente aberta e rachando tópicos, que parte maioritariamente dende as comarcas do rural e que se presenta organizada, sen fisuras, cun único proxecto: mellora-lo medio ambiente galego.

Mágoa que décadas de esforzo non chegasen para conseguirmos estes obxectivos dende o vello movemento, mágoa que a experiencia nos abra os ollos e non confiemos nesta federación que nunca nos invitou a unirnos a eles, da que apenas coñecemos un rostro.Por todo isto, queremos recordar á sociedade que o reparto das axudas pola resolución do 3 de outubro da Consellería de Medio Ambiente publicada no DOG o 16 de outubro de 2008 foi cando menos arbitrario, algo que xa anticipaba a lei de subvencións 9/2007 feita a medida para novas asociacións e federacións.

Queremos tamén recordar aos cidadáns preocupados polos problemas medioambientais que confíen na experiencia dalgunha das múltiples asociacións ou persoas vinculadas ao ecoloxismo ou ao coñecemento da natureza dende hai décadas e desconfíen desta nova federación que está a ser tan beneficiada pola administración: a FEGAMA, que ademais, segundo informa a prensa (ver EL PAÍS-Galicia, 7 e 8 de novembro de 2008, entre outros), moita da súa experiencia non era en medio ambiente, senón no sindicato agrario UUAA, afín á UXT, son máis que sospeitosas. Pedimos pois á nosa administración un mellor criterio e máis seriedade e transparencia no reparto de subvencións con cartos públicos en materia medioambiental.

Segue lendo...

Presentamos a campaña Carpobrotus’08

O proxecto da tempada 2007:

Dende o G.N. Hábitat, inda sabedores de que hai outras ameazas dos ecosistemas costeiros se cadra máis graves, decidimos aborda-lo problema das plantas invasoras por axustarse a un obxectivo medioambiental asequible por medio do voluntariado. Asemade, cómpre lembrarmos que no litoral coruñés existen especies únicas (endémicas) como Linaria aguillonensis ou Omphalodes littoralis ssp gallaecica, entre outras, así coma unha decena de ecosistemas protexidos. Despois de estuda-las poboacións de unlla de gato nun amplo sector da Costa da Morte Norte, vimos que afectaba a moitos deses ecositemas, inda que de maneira incipiente, polo que estamos nun momento idóneo para actuar, evitando unha maior extensión que dificultase a conservación das comunidades autóctonas.

Tramo estudado: Faixa litoral dunha centena de metros de grosor dende Caión (Laracha) ata a Punta Nariga (Malpica), incluíndo gran parte do litoral bergantiñán.

Protección: o terreo estudado englóbase no ZEPVN-LIC Costa da Morte e ZEPVN-ZEPA da Costa da Morte Norte.

Unlla de gato (Carpobrotus edulis e C. acinaciformis)

Procedencia: Suráfrica.
Ecoloxía: Especies alóctonas con gran potencial invasor, debido a:
  1. Mecanismos de reprodución asexual ou vexetativo.
  2. Alta taxa de crecemento en condicións axeitadas.
  3. Capacidade de rebrote despois de seren cortadas.
  4. Tolerancia a factores ambientais adversos.
  5. Mecanismos de defensa contra os depredadores.
  6. Boa aptitude competitiva.
  7. Intervalo ecolóxico amplo.
Ameazas para a flora autóctona: Provoca a extinción de especies nativas ou o empobrecemento da biodiversidade dun lugar mediante a competición polo espazo, polinizadores, dispersores e recursos (nutrientes, auga e luz) coas especies autóctonas. Isto acaba desvalorizando as especies autóctonas e contribúe á perda de identidade cultural.

Comunidades vexetais autóctonas afectadas:

Na Costa da Morte existen uns 21 ecosistemas de protección prioritaria establecidos pola directiva europea Hábitats, dos cales unha decena resultaron afectados por Carpobrotus spp. no presente estudo. Para facilita-la súa clasificación, resumímolos en 4 grupos tendo en conta as semellantes condicións ecolóxicas:

1. Penedos costeiros: Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii e rochas dos cantís con vexetación litoral atlántica.

2. Dunas móbiles embrionarias e dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria (dunas brancas).

3. Mato con breixos húmidos atlánticos tépedos de Erica ciliaris e E. tetralix, con breixos secos europeos, con breixos secos atlánticas costeiros de E. vagans ou breixos oromediterráneos endémicos con toxo.

4. Solos esqueléticos de dunas costeiras fixas con vexetación herbácea -dunas grises-, con céspedes do Malcomietalia ou con vexetación esclerófila do Cisto-Lavanduletalia e parte superior dos cantís con vexetación das costas atlánticas.Todos eles están afectados nunha extensión semellante, inda que podemos destaca-los rochedos costeiros. Un quinto grupo de ecositemas afectado, sen protección algunha, é no que se cultiva a maior parte de pés de unlla de gato: os medios antrópicos. A pesar diso, só representa o 16 % (ver gráfico), o que vai en consonancia co relativo baixo nivel de ocupación humana da zona de estudo.

Relación cos medios humanizados:

Inda que poidamos considerar modificados a totalidade dos medios observados, referímonos aquí a medios intensa ou recentemente alterados pola acción humana (construcións, terras removidas, pistas, vertedoiros...). Estes medios nunca estaban lonxe das “manchas” de unlla de gato, constatándose ademais unha maior cobertura destas nas zonas de ocupación recente, coma os arredores da vila de Malpica (Barizo, Punta Nariga) e Razo. É tamén de destacar a gran extensión destas “manchas” arredor de infraestruturas ligadas ao mar coma pequenos portos e embarcadoiros (Razo, Malpica e Seiruga), faros (Illas Sisargas e Punta Nariga) e paseos (Razo e Malpica). De menor extensión, pero máis repartidas están as “manchas” ligadas a residencias de verán e vertedorios de lixo (Leira, Seiruga, Barizo...).


Ilustración 1. Gráfica das superficies afectadas.

Outras plantas invasoras frecuentes na Costa da Morte Norte:

- Canaveira (Arundo donax): Planta procedente da rexión Mediterránea, adaptada a terreos areosos e húmidos, é freceunte en ribeiras e desembocaduras de ríos e pode invadir algunhas dunas próximas.

- Botóns amarelos (Cotula coronopifolia): Pequena herba vivaz que coloniza zonas herbosas en humidais costeiros. Orixe: Suráfrica.

- Outras especies invasoras detectadas nas proximidades ou na zona de estudo: Herba da Pampa ou cortadeira (Cortaderia selloana): Frecuente como ornamental en obras públicas ou xardíns. Menos invasivas, herbáceas ornamentais procedentes de Suráfrica, abondan: Arctotheca calendula, Bidens aurea, Hellichrysum foetidum son tamén frecuentes na zona e todas orixinarias de Suráfrica.


Solucións:

- Busca alternativas para estabilizar terreos ou embelecer no teu xardín e colabora para que os teus veciños atopen tamén alternativas menos daniñas para as comunidades autóctonas.

- Esixe á administración que protexa amplas zonas sen urbanizar arredor e na propia ZEPVN da Costa da Morte, para agredir o menos posible os seus valores naturais e evita-la aparición de novos focos desta especie invasora ligada en orixe aos medios humanizados.

- Colabora voluntariamente coa nosa ou con outra entidade para a conservación do medio ambiente no seu estudo ou erradicación .

Proxecto actual (tempada 2008-09)


Ilustración 2. Mapa da franxa costeira estudada a tempada actual.

- Cartografado das poboacións do segundo tramo de estudo da Costa da Morte (ver ilustración de enriba).

- Erradicación daquelas poboacións que afecten aos ecosistemas máis valiosos, coordinándonos con Concellos e a Consellería de Medio Ambiente e DS.

- Seguimento das manchas estudadas, sobre todo daquelas con máis posibilidades de expansión e as que foron xa tratadas por se rebrotasen.

Se queres colaborar no estudo ou erradicación das poboacións de unlla de gato na Costa da Morte, non dubides en contactar con nós, pois da acción voluntaria depende boa parte da conservación do medio ambiente.
Segue lendo...

O nº 15 do boletín A Mobella está dispoñible!

O noso grupo editou este número en outono do 2007, que foi repartido aos socios e agora comezamos a distribuír na web. Cumprida a quincena de números, quixemos mellora-la organización da revista, que xira arredor de tres eixos, recollendo observacións (Caderno de Campo), pequenos estudos (Investigación) e artigos didácticos ou de recompilación de documentos (Divulgación). Isto acompañado doutras seccións máis xeneralistas, como son a Editorial, Actividades e Novas e Opinión.

En canto aos temas tratados, neste número decicámoslle unha especial atención aos coleópteros, sobre todo aos carábidos, e como de costume aos mamíferos, inda que o espazo que tradicionalmente se dedicaba a aves e hérpetos nesta ocasión non puido reservarse pola extensión dos documentos mencionados. Non están, sen embargo, ausentes en interesantes observacións de campo e acompañados doutros grupos pouco estudados coma as arañas.

(Para poder ver as imaxes ampliadas poñede o ratón sobre a imaxe e facede un "click")




Nestas imaxes podes comproba-la súa apariencia e algúns dos seus contidos para abrir boca. Se queres que cha enviemos para informarte e colaborar coa asociación por 1 € máis gastos de envío, só tes que poñerte en contacto con nós no correo electrónico gnhabitat@yahoo.es, telefonearnos (981·135014) ou escribirnos (non esquezas que cambiamos de local! -r/ Camariñas, nº 8. 15002. A Coruña). Tamén podes recollela no propio local tódolos mércores a partir das 20:30.

Agardamos que sexa do teu interese e vaia para que todos aprendamos a comprender e respectar máis o noso medio natural.
Segue lendo...

Maratón de observación de aves de Hábitat: 29-12-07

Os equipos participantes este ano foron 3, integrados por 3/4 membros cada un:

Equipo 1: Alfonso Campos, Jorge Ramos e Ramón Sineiro.
Equipo 2: Óscar Vázquez, Pablo Carballo, Alfredo Álvarez (e Roberto López pola mañá).
Equipo 3: Santiago Vázquez, Roberto Vidal, Carlos Guarddon e Javier.

O grao de compañeirismo e o aprendido durante esta xornada non deixou de sorprendernos.
A continuación téde-la lista de aves observadas (en negriña as só observadas por un equipo).


1º Mobella grande2º Mergullón cristado3º Mergullón pequeno
4º Mascato común5º Corvo mariño grande6º Corvo mariño cristado
7º Garza real8º Garzota común9º Cullereiro
10º Ganso bravo11º Ganso de cara negra12º Ganso do Canadá
13º Cisne mudo14º Lavanco15º Cerceta común
16º Pato frisado17º Pato asubiador18º Pato cullerete
19º Pato chupón20º Pato cristado común21º Pentumeiro común
22º Aguia peixeira23º Azor24º Bexato común
25º Tartaraña das xunqueiras26º Falcón común27º Esmerillón
28º Lagarteiro común29º Galiñola común30º Galiñola negra
31º Gabita32º Píllara grande33º Píldora dourada común
34º Píldora cincenta35º Avefría36º Virapedras
37º Pilro común38º Pilro gordo39º Bilurico patirrubio
40º Bilurico claro41º Bilurico pequeno42º Mazarico rabinegro
43º Mazarico rubio44º Mazarico real45º Mazarico chiador
46º Becacina común47º Gaivota chorona48º Gaivota cabecinegra
49º Gaivota escura50º Gaivota clara51º Gaivota arxéntea
52º Gaivotón53º Carrán patinegro54º Carolo
55º Pombo56º Rula turca57º Avelaiona común
58º Peto verde59º Andoriña dos penedos60º Pica común
61º Pica alpina62º Lavandeira real63º Lavandeira branca
64º Lavandeira moura65º Carrizo66º Azulenta común
67º Reiseñor bravo68º Papuxa das amoras69º Papuxa do mato
70º Picafollas común71º Carriza dos xuncos72º Picaxuncos común
73º Curroxo común74º Paporrubio75º Merlo común
76º Tordo malvís77º Tordo común78º Ferreiriño rabilongo
79º Ferreiriño común80º Ferreiriño azul81º Ferreiro abelleiro
82º Gabeador común83º Escribenta do souto84º Escribenta das canaveiras
85º Pimpín vulgar86º Xirín común87º Verderolo
88º Úbalo89º Xílgaro90º Liñaceiro común
91º Pardal común92º Estorniño pinto93º Estorniño negro
94º Pega marxa95º Pega común96º Choia biquivermella
97º Corvo pequeno98º Corvo grande


Aquí podedes ver un par de gráficos onde se reflicten as distribucións de especies por equipos:



Segue lendo...