Inicio da campaña de erradicación da unlla de gato

A retirada da unlla de gato (Carpobrotus spp) destas dúas últimas fins de semana (25 de novembro e 2 de decembro) en Pedra do Sal (Baldaio) foi unha estupenda experiencia piloto para futuras actuacións, dende logo a planta é difícil de manipular e de transportar, o que complicou máis o transporte ao contedor que puxo o Concello de Carballo.






Aproximadamente, puidemos retirar uns 300 metros cadrados de Carpobrotus, enchemos o contedor, e fixemos un montón de varios metros de diámetro e de máis dun metro de altura, e seguro que en total foron máis dunha tonelada de residuos, os que arrincamos.



Adxúntovos o enlace da noticia que saíu no telexornal aquí .
Apertas
Segue lendo...

Xornada de observación de aves migratorias

Este domingo de San Martiño (11 de novembro) e de cara ao público en xeral, situámonos no transitado paseo da ría do Burgo, esta vez un pouco máis tarde do habitual día das aves a primeiros de outubro por mor do cambio de local. De tódolos xeitos, estamos en pleno paso migratorio e inda que os ventos non axudaron, o sol luciu espléndido para que todos visen as aves máis grandes alimentarse e loitando polos seus lugares preferentes (garzas reais, corvos mariños grandes, garcetas comúns, gaivotas patiamarelas, choronas e escuras,...). Tamén as pequenas limícolas facían das súas, coma os pilros comúns, biluricos claros, biluricos comúns e as píllaras cincentas, todas con numerosos individuos alimentándose durante a marea baixa.
Tamén amenizaban a xornada os 4 cisnes comúns xa afeitos á liberdade que lles proporciona a fértil desembocadura do Mero, xa asilvestrados hai anos. E por último, os aventureiros solitarios, cun único exemplar por especie, vimos:

- Bilurico común (Tringa totanus)
- Gaivotón (Larus marinus) –adulto.
- Bilurico escuro (Tringa erythropus)
- Mazarico rubio (Limosa lapponica)
- Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus)
- Píllara dourada (Pluvialis apricaria)

Coincidimos na cita cun grupo de ornitólogos que quedaran para o mesmo día a través de http://www.elornitologo.com/, entre eles o noso compañeiro Antonio Sandoval, cun blog de xa varios anos sobre a ría que podedes consultar aquí. Nesta páxina podemos comprobar que a única novidade é a presenza da píllara dourada, con respecto a estes días.

Tamén aproveitamos para achegar información sobre as aves aos transeúntes, darnos a coñecer e comeza-la entrega do Calendario 2008, este ano dedicado ás especies de plantas con flor endémicas de Galicia (e só de Galicia). Pensamos tivo bastante boa acollida e espertou bastante interese. Cada socio terá un gratuíto, pero o resto de calendarios pódense conseguir por 1 €... ata que se esgoten!



Pero ademais foi moi agradable comprobar como algúns facían o seu primeiro contacto co telescopio terrestre, coa beleza das aves de perto, coas novas pequenas especies chamadas limi... que?, e moitos sacudían a saudade das experiencias de campo nesta contorna urbana. Tamén tivemos reencontros e repetidas denuncias sobre a situación da ría, que a pesar de cheirar menos, segue a ter importantes eivas (escumas flotando, envases flotantes que se acumulan nas beiras, fondos colmatados e outros residuos). Sentimos non ter máis poder para modificar esta situación, pero estamos orgullosos de facilitar cada ano a máis xente un pequeno achegamento respectuoso e curioso á maltratada natureza.

Segue lendo...

Entrega do informe sobre a unlla de gato na Costa da Morte Norte

Coa fin de facer un seguimento das manchas desta especie invasora (Carpobrotus spp) posteriormente á súa eliminación, fíxose un mapa e un informe sobre as áreas cubertas, as comunidades afectadas e algunhas outras especies invasoras detectadas en dito espazo protexido (só entre Caión e Punta Nariga. Cunha superficie total afectada de máis de 12 mil metros cadrados, destacamos Barizo, con algo menos da metade do total e despois, por este orde: Razo, Punta Nariga e as Illas Sisargas, e apareceron moitas máis perto de construcións e estradas que en campos de cultivo ou zonas silvestres ou abandonadas afastadas daquelas. Non por iso afectan a zonas de menor valor, xa que os ecosistemas prioritarios das dunas e as comunidades de cantís atlánticos suman unha superfice superior ás zonas fondamente alteradas ligadas a terras removidas ou construcións.A eliminación da unlla de gato poderase levar a cabo entre este mes e todo o ano que vén.

Segue lendo...

¡¡¡¡¡¡Mudamos de local!!!!!

Entre bastantes tarefas, forzados polas circunstancias, cambiamos de local en outubro á rúa Camariñas, nº 8, Baixo. 15002. A Coruña (zona do mercado de Montealto, baixando polo lado esquerdo e collendo a primeira rúa que descende cara ás praias). Podes chamar ou acudir ás nosas reunións como sempre os venres sobre as 21:00.O novo emprazamento consta de dous despachos, unha sala e un aseo. Os despachos inda non están equipados, pero a propia sala é xa máis ampla que o vello local. A inauguración será a finais de decembro, unhas semanas antes da primeira asemblea.
Segue lendo...

Ameazada unha planta en perigo e dificultada a migración de aves limícolas pola mala xestión das augas da lagoa de Baldaio.


Este foi o aspecto da lagoa incluso coa marea baixa polo menos as fins de semana deste verán. Supoñemos que todo seguirá igual nos próximos meses. En marzo dragábase a lagoa e xa en maio as comportas estaban a punto despois da obra que executou Costas en virtude dunha concesión de Costas e a Consellería á asociación de mariscadoras, sen escoitar a ecoloxistas nin atender a criterio ambiental ningún. Logo dunha reparación, comezaron a funcionar e foi en xuño cando vimos que o nivel da lagoa se mantiña ao nivel que vedes, presuntamente por razóns de vixilancia, as fins de semana. Despois de moitas xestións nas administracións e conversas con representantes das asociacións que figuran máis abaixo, o Grupo Naturalista Hábitat enviou aos medios a seguinte nota de prensa conxunta que saíu publicada o 3 de setembro:







A lagoa costeira de Baldaio (Carballo) é a que presenta a comunicación co mar máis fluída de Galicia, polo que está completamente sometida ás oscilacións das mareas. Isto determina unha fauna case propia dun esteiro máis que dunha lagoa, pero coa diferenza de ofrecer unha superficie intermareal inmensa concentrada arredor da lagoa, que é toda a chaira lamacenta que descobre a marea baixa. Este ecosistema, ademais de estar protexido pola Directiva Hábitats, é vital para a alimentación de aves limícolas protexidas coma a píldora cincenta (Pluvialis squatarola), o pilro gordo (Calidris canutus) e o mazarico rubio (Limosa lapponica), entre decenas de especies. Citamos estes tres exemplos porque xa sufriran claras consecuencias durante a explotación de áridos nas lagoas na década dos setenta. Despois desta desfeita gañouse a lagoa para os mariscadores e tomouse conciencia da ameaza que sufrían os seus valiosos ecosistemas, polo que se declarou lugar de interese comunitario en 1999 e zona de especial protección para aves no ano 2003 dentro da Rede Natura 2000. Naquel momento a explotación de baixa intensidade era compatible coa conservación, é dicir, tratábase dunha explotación sostible. Hai que destacar ademais que a Directiva Hábitats (92/43/CEE) protexe os catro ecosistemas afectados polo anegamento, entre eles os pasteiros salinos onde vive a planta Limonium dodartii, especie endémica do litoral occidental europeo considerada en perigo crítico de extinción.



Durante o mes de xuño a Demarcación de Costas rematou a instalación dunhas comportas para a “rexeneración ambiental” da lagoa e cedíallas á confraría de mariscadores para a súa xestión. A confraría, como é lóxico, aplicou criterios unicamente de explotación (vixilancia da extracción, produción de bivalvos co mar a un nivel case constante). A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, pola súa banda, convocaba concurso para un proxecto de explotación sostible no Lugar de Interese Comunitario mentres todo isto sucedía co seu consentimento.

O pasado mes de xullo o Grupo Naturalista Hábitat en contacto coa administración solicitou a apertura cautelar das comportas, a cal recoñeceulle que era unha proposta correcta, pero entraba en conflito coa cesión da xestión das comportas do espazo protexido aos mariscadores.

O Grupo Naturalista Hábitat, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedad Española de Ornitología (SEO/BirdLife) presentaron os correspondentes escritos para recibir unha explicación oficial. Agora mesmo a situación está ben clara: a demarcación e a consellería incumpren as normativas europeas.

Agora mesmo a situación está ben clara: a demarcación e a consellería incumpren as normativas europeas. A conservación da lagoa costeira de Baldaio pasa polo mantemento da dinámica de mareas. O delega-la xestión do espazo protexido aos que se benefician da súa modificación é, ademais de insostible, ilegal.

Actualmente as prontas contestacións oficiais remiten a un non tan pronto plan de sostibilidade da lagoa (en fase de concurso). Da calidade deste plan depende a conservación do espazo. A explotación dos recursos da lagoa debe producirse, pero con limitacións, pois a conservación dos seus valiosos ecosistemas depende delas. De momento confiamos en que as administracións competentes executarán un plan de sostibilidade no presente ano, o que suavizaría, pero non xustificaría, o erro cometido coa concesión das comportas. De tódolos xeitos, estamos xa preparando os informes necesarios para a conservación de avifauna e flora ameazada no espazo.


Por desgraza hai máis ameazas sobre o espazo, xa que non se habitualmente transitan vehículos e cabalos polas dunas, fanse actividades acuáticas que molestan ás aves,... Todas estas actividades están prohibidas, polo que che pedimos a túa colaboración para que avises ti mesmo/a ao SEPRONA ou a nós para tramitármo-la correspondente denuncia.
Segue lendo...

Alfonso Campos estrea o blog !!!

Pois ben aquí temos a nosa primeira entrada. Estas fotos foron feitas por Alfonso Campos no Parque Natural de Redes (Asturias) o día 28 de Xaneiro deste 2007. Segundo nos comenta esta pita do monte é a única da que se ten constancia no Parque.










Segue lendo...

¿Quen somos?

O Grupo Naturalista Hábitat é unha das asociacións conservacionistas máis sobranceiras de Galicia, dende a súa fundación na Coruña en 1979 por un grupo de naturalistas entusiastas, vén realizando diversos estudos sobre o medio natural galego, xunta numerosas campañas de divulgación da natureza, contribuíndo a xerar en Galicia unha corrente de preocupación polo medio ambiente, ata entón case inexistente.
Dende os seus inicios, Hábitat sempre foi fiel a unha consigna básica: traballar pola protección dos espacios naturais e das especies ameazadas en Galicia, dende un enfoque naturalista baixo criterios científicos.
Froito deste traballo incesante, Hábitat ten contribuído de maneira clave na protección de numerosos espacios naturais agora xa emblemáticos, coma o humidal de Baldaio, os humidais da Costa da Morte, o encoro de Abegondo-Cecebre, as Fragas do Eume, a ría de Ortigueira ou a Costa de Dexo, entre outros.
Paralelamente a este traballo conservacionista, Hábitat organiza decote numerosas excursións, cursos e xornadas de divulgación da natureza, dirixidos ó público en xeral, baixo a premisa de que difícilmente se pode protexer o que non se coñece.
No Grupo Naturalista Hábitat, somos conscientes de que aínda queda moito traballo por facer para garanti-la protección eficaz do patrimonio natural galego. Para conseguilo, é preciso xuntar tódolos apoios posibles.O Grupo Naturalista Hábitat, é unha asociación sen ánimo de lucro e politicamente independente e forma parte da C.E.M.MA. (Coordinadora para a defensa dos Mamíferos Mariños).
Segue lendo...

Luis Mi dállela benvida ó Grupo Naturalista Habitat !!!

Como socio do Grupo Naturalista Habitat doullela benvida ó blog do grupo. De agora en diante este será o punto de encontro dos socios e socias que desexen compartir información,comentarios, fotografías,etc. No intento de non perder o tren das novas tecnoloxías e coa finalidade de dar maior dinamismo e interactividade ó grupo comeza aquí unha nova andaina do grupo naturalista na web.Espero a vosa colaboración !!!. Un saúdo.
Segue lendo...

FAITE SOCI@!

No Grupo Naturalista Hábitat, somos conscientes de que aínda queda moito traballo por facer para garantir a protección eficaz do patrimonio natural galego, e para conseguilo, é preciso xuntar tódolos apoios posibles.

Ti podes participar en actividades puntuais que sexan do teu interese, ou mesmo dun xeito máis regular, facéndote socio. Para iso, só tes que cubrir esta ficha e facela chegar ao G. N. Hábitat por correo postal ou electrónico.

Os socios reciben gratuitamente nos seus domicilios un exemplar da revista de divulgación A Mobella, da revista científica Chioglossa e do calendario, e son incluidos na lista de difusión de actividades do grupo.


Segue lendo...