Estreamos nova web!

Click na imaxe para entrar na nova web.




O Grupo Naturalista Hábitat segue a medrar, e como parte imprescindibel desta mellora, presentámosvos a nova web que vimos de inagurar.


A partir de agora, e dunha forma mais visual e dinámica, podedes seguirnos nesta nova web.

Nela estarán todos os contidos incluidos neste blog, que cesará a súa actualización en prol desta nova vía de comunicación, onde seguiremos informando das vindeiras iniciativas que desenvolva o grupo.

Ademais atoparedes multitude de recursos e información de todos os proxectos que levamos a cabo.

Compre salientar que esta nova realidade non sería posible sen a colaboración altruista do compañeiro Juanda Presa, responsable do deseño e desenvolvemento desta ferramenta, así como de moitos outros membros de Hábitat, que participaron na súa posta en marcha. Grazas unha vez máis a todos polo voso apoio, colaboración, tempo e esforzos...con vós Hábitat faise cada día máis grande.

Agardamos que vos guste e que gocedes con esta nova etapa que estamos a comezar!
Segue lendo...

Encontros Naturalistas_abril 2016: presentación do libro "Las aves marinas de Estaca de Bares. Un diario personal"


O vindeiro xoves 21 de abril ás 20:30h terá lugar unha nova xornada dos nosos Encontros Naturalistas. Nesta ocasión, estará connosco de novo o compañeiro e socio do G.N.Hábitat Antonio Sandoval, quen virá a presentarnos o seu novo libro "Las aves marinas de Estaca de Bares. Un diario personal"

Antonio, grande figura da ornitoloxía galega e recoñecido divulgador ambiental, conta xa con varios libros ás súas costas coas aves como protagonistas principais. Nesta nova publicación o autor sumérxenos nun relato de vivencias ornitolóxicas, ao tempo que da conta dos resultados de miles de horas de estudo sobre as aves mariñas, levadas a cabo dende unha das mellores atalayas do Atlántico Norte para a observación do fermoso espectáculo das migracións das aves: o cabo de Estaca de Bares.

O libro poderá mercarse a través da Editorial Tundra ou no propio local do G.N.Hábitat, que é punto de venta de varios títulos desta editorial. Isto último contribuirá ao mantemento de Hábitat, xa que parte do importe dos libros é doado por Tundra á asociación.

A actividade é gratuíta e aberta ao público. Así todo, é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario elaborado:


As prazas son limitadas. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada, cubríndose o resto das prazas vacantes cos demais solicitantes. En calquera caso, seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación.

Data límite para a reserva de praza ata as 20:00h do martes 19 de abril de 2016. Rematado o prazo o G.N.Hábitat confirmará por correo electrónico a todos os admitidos finalmente na actividade á maior brevidade posible. As inscricións enviadas fóra do prazo indicado pasarán a formar unha "lista de espera", que será utilizada para cubrir as prazas que puidesen quedar vacantes. Novamente, o G.N.Hábitat confirmará a aqueles desta lista que fosen tamén admitidos.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. No caso de non poder acudir, infórmanos da túa situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Anímate e ven connosco!

Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en gnhabitat@yahoo.es
Segue lendo...

Encontros Naturalistas_abril 2016: presentación do libro "Los vencejos sueñan despiertos"


Neste mes de abril teremos dobre ración dos nosos Encontros Naturalistas centrados nas aves! Deste xeito, o vindeiro venres 22 de abril ás 19:30h estará tamén connosco David Álvarez, quen virá a presentarnos o seu novo libro "Los vencejos sueñan despiertos".

David, doutor en Bioloxía, ten participado como investigador en varios proxectos a nivel español e europeo a través de diferentes institucións. Destacan as súas contribucións na revista Quercus e o seu blog "Naturaleza Cantábrica", premiado en 2013 como o mellor blog de Medio Ambiente en España. Autor de multitude de artigos e de varios libros, falaranos da súa nova obra de divulgación científica, cargada de información e experiencias sobre a natureza, a través dos ollos dun naturalista de campo.

O libro poderá mercarse a través da Editorial Tundra ou no propio local do G.N.Hábitat, que é punto de venta de varios títulos desta editorial. Isto último contribuirá ao mantemento de Hábitat, xa que parte do importe dos libros é doado por Tundra á asociación.

A actividade é gratuíta e aberta ao público. Así todo, é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario elaborado:


As prazas son limitadas. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada, cubríndose o resto das prazas vacantes cos demais solicitantes. En calquera caso, seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación.

Data límite para a reserva de praza ata as 20:00h do mércores 20 de abril de 2016. Rematado o prazo o G.N.Hábitat confirmará por correo electrónico a todos os admitidos finalmente na actividade á maior brevidade posible. As inscricións enviadas fóra do prazo indicado pasarán a formar unha "lista de espera", que será utilizada para cubrir as prazas que puidesen quedar vacantes. Novamente, o G.N.Hábitat confirmará a aqueles desta lista que fosen tamén admitidos.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. No caso de non poder acudir, infórmanos da túa situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Anímate e ven connosco!

Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en gnhabitat@yahoo.es
Segue lendo...

Xornada 23 abril: De Asturias a Coruxo: endemismos, fragas e moitos eucaliptos


O vindeiro sábado 23 de abril celebrarase a xornada De Asturias a Coruxo: endemismos, fragas e moitos eucaliptos, organizada polo Grupo Naturalista Hábitat e o Colectivo Matogueira. Terá lugar no Local da Comunidade de Montes de Coruxo (subida a S. Sebastián, 23. Fragoselo, Vigo - ver mapa).

O obxectivo é facer fincapé na crecente eucaliptización de Galicia, os problemas que iso conleva, e suxerir alternativas a este monocultivo, a través de 4 charlas matinais e 3 á tarde. Como peche, terá lugar a presentación do libro "Los vencejos sueñan despiertos" de David Álvarez (Ed. Tundra Ediciones). Consulta o programa completo.

Ademais haberá un xantar de confraternización en Fragoselo, con opción de menú vexetariano, e unha excursión botánica polos montes de Coruxo na mañá do domingo 24.

Para inscribirse é preciso enviar un e-mail cos datos de contacto a colectivomatogueira@hotmail.com ou por teléfono en 651 967 075 (Rubén), indicando tamén se se desexa participar no xantar e na excursión botánica.
Segue lendo...

Escola de Naturalistas na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo


Comprácenos anunciarvos o comezo do prazo de inscrición para a primeira promoción da Escola de Naturalistas na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (rbMCeTM).

Escola de naturalistas é unha actividade única no ámbito de formación ambiental en Galicia, dirixida ao aprendizaxe e identificación dos elementos que compoñen a biodiversidade galega. Nesta nova iniciativa, pretendese poñer en valor e amosar a riqueza biolóxica da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo ao público interesado en aumentar os seus coñecementos da zona.

A actividade transcorrerá dende abril ata novembro de 2016, en 8 bloques (ornitoloxía, mastozooloxía, botánica, entomoloxía, herpetoloxía, odonatoloxía, anelamento científico e fotografía da natureza), que comprenden diferentes disciplinas que serán impartidas por expertos na materia.

Para información máis detallada sobre esta actividade, consulta as bases da Escola de Naturalistas na Reserva de Biosfera: 

Prazas limitadas.
Cota de matrícula: 60 euros*
Diploma acreditativo de participación ao finalizar o curso.

Se estas interesado nesta nova actividade, remítenos a túa solicitude antes das 23:59 horas do venres 15 de abril de 2016 (data de peche de inscricións), enchendo e enviando debidamente o formulario de inscrición dispoñible na seguinte ligazón:


Descarga o cartaz da I promoción da Escola de Naturalistas na rbMceTM:
Cartaz Escola na rbMCeTM (formato pdf)
Cartaz Escola na rbMCeTM (formato jpg)

(*) Estanse a tramitar becas por parte da Reserva da Biosfera para os matriculados. Dependente de resolución de axudas públicas.
Segue lendo...

2ª xornada co Voluntariado ABANCA: Traballando pola mellora do patrimonio natural


O vindeiro sábado 2 de abril, ao mesmo tempo cos compañeiros da Coruña, o Voluntariado ABANCA de Pontevedra desenvolverá a que será a segunda xornada da iniciativa "Traballando pola mellora do patrimonio natural", centrada tamén na plantación de especies botánicas autóctonas: castiñeiros, carballos, érbedos e bidueiros, entre outras.

A xornada contará coa colaboración da Comunidade de Montes de Coruxo e o Colectivo Matogueira.
Segue lendo...

1ª xornada co Voluntariado ABANCA: Traballando pola mellora do patrimonio natural


O vindeiro sábado 2 de abril comezamos o ciclo de xornadas dirixidas á posta en valor, implicación e conservación do medio natural, recollidas na inciativa "Traballando pola mellora do patrimonio natural"

Nesta primeira actividade, o Voluntariado ABANCA da Coruña levará a cabo unha xornada centrada na plantación de especies botánicas autóctonas, con especial fincapé nas froiteiras (maceiras, cerdeiras e pereiras) e sebes, como elementos de riqueza paisaxística e de enriquecimento da biodiversidade agraria.

A xornada contará coa colaboración do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Calfensa medioambiente e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo
Segue lendo...

Traballando pola mellora do patrimonio natural: ABANCA Obra Social - G.N.Hábitat


ABANCA Obra Social, coa participación do G.N.Hábitat, porá en marcha proximamente un ciclo de xornadas dirixidas á posta en valor, implicación e conservación do medio natural galego. Baixo o título “Traballando pola mellora do patrimonio natural” desenvolveranse diferentes actividades nas catro provincias galegas, que serán levadas a cabo polo Voluntariado ABANCA en prol do medio ambiente, baixo a xestión do G.N. Hábitat e da man de diferentes entidades colaboradoras.

A iniciativa, eminentemente práctica, comezará no mes de abril de 2016, sendo froito da aposta de ABANCA pola participación activa na conservación e protección da natureza, a través da coñecida como Responsabilidade Social Corporativa, área prioritaria desta entidade.

O compromiso co medio ambiente enténdese como un deber que nos afecta a todos, en tanto que é toda a sociedade a beneficiaria duns valores naturais que compre legar ás xeracións vindeiras no mellor estado posible. Este compromiso supón ademais unha relación de simbiose, xa que nela todos os axentes implicados chegan a saír beneficiados: o espazo no que se traballa, facilitando a súa perdurabilidade, e os implicados na súa conservación, gozando da satisfacción e beneficios persoais (físicos, e mesmo anímicos) que reporta o contacto coa natureza. Nesta liña, a Responsabilidade Social Corporativa está a supoñer hoxe día unha magnífica ferramenta, grazas a cal as empresas contribúen de xeito activo e voluntario á mellora non soamente económica, senón tamén social e ambiental da sociedade da que forman parte.

Proximamente iremos anunciando as diferentes actividades que se porán en marcha. Agardamos que sexan do voso interese.
Segue lendo...

Proxección do documental "Nas ás da noite"


O vindeiro domingo 20 de marzo ás 11:00h os socios e simpatizantes do G.N.Hábitat estamos convidados a participar dun pase exclusivo para ver o documental de recente estrea "Nas ás da noite". Unha estupenda ocasión para facer un encontro entre compañeiros da asociación.

«Nas ás da noite» é un documental para planetarios sobre as migracións das aves. Desenvólvese en varias escenas que percorren a historia do noso coñecemento destas viaxes, os mecanismos que empregan as aves para guiarse ou a íntima relación dalgunhas delas co firmamento nocturno. A produción combina espectaculares animacións dixitais e secuencias en vídeo a toda cúpula gravadas en diversos espazos naturais de Europa, desde os fiordes noruegueses ou os pantanos de Diepholz, en Alemania, ata os principais humedáis da Península Ibérica.

O documental, producido polos Museos Científicos Coruñeses, o Planetario de Pamplona e o Parc Astronòmic Montsec Ager de Lleida
, conta con numerosas participacións e colaboracións, entre elas a de Antonio Sandoval, socio e compañeiro de Hábitat experto en aves.

Cuestións de interese:

- A actividade é gratuíta e está dirixida aos socios e simpatizantes do G.N.Hábitat. Lémbrase que "Simpatizante do G.N.Hábitat" é aquela persoa que non sendo socia da entidade xa ten asistido a algunha das nosas actividades e/ou figura incluida na nosa lista de difusión.

- É imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario elaborado:


- As prazas son limitadas: aforo de 79 butacas. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada, cubríndose o resto das prazas vacantes cos demais solicitantes (simpatizantes da entidade). En calquera caso, seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cumplimentar o formulario non asegura praza na xornada.

- Data límite para a reserva de praza ata as 13:00h do xoves día 17 de marzo de 2016. Rematado o prazo o G.N.Hábitat confirmará por correo electrónico a todos os admitidos finalmente na actividade, á maior brevidade posible.

- As inscricións enviadas fóra de prazo pasarán a formar unha "lista de espera", que será utilizada para cubrir as prazas que puidesen quedar vacantes. Novamente, o G.N.Hábitat confirmará a queles desta lista que fosen tamén admitidos.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. No caso de non poder acudir, infórmanos da túa situación, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en gnhabitat@yahoo.es

Máis información:

- Trailer do documental «Nas ás da noite»
- Web dos Museos Científicos Coruñeses.
Segue lendo...

Encontros Naturalistas_marzo 2016: O futuro dos nosos peixes e o escenario actual da pesca no Atlántico


O vindeiro xoves 17 de marzo ás 20:30h, no local social do G.N.Hábitat, terá lugar unha nova xornada dos nosos Encontros Naturalistas. Baixo o título "O futuro dos nosos peixes e o escenario actual da pesca no Atlántico", Lucía Martínez, responsable da área de pesca da organización Ecologistas en Acción, virá a falarnos de diferentes cuestións de actualidade:

- A Política Pesqueira Comunitaria e a súas implicacións para o sector pesqueiro.
- TACs e cuotas: o reparto das posilibidades de pesca no Atlántico.
- ¿Qué podemos facer como consumidores? Iniciativas de consumo sostible de produtos do mar.

A xornada é gratuíta e aberta ao público. Así todo, é imprescindible reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario elaborado:


As prazas son limitadas. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada, cubríndose o resto das prazas vacantes co resto de solicitantes. En calquera caso, seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación (aforo do local).

Data límite para a reserva de praza ata as 13:00h do mércores día 16 de marzo de 2016. As solicitudes enviadas fóra de prazo pasarán a unha "lista de espera". Rematado o prazo de inscrición previa, o G.N.Hábitat confirmará por correo electrónico a todos os admitidos finalmente na actividade. O feito de cumplimentar este formulario non asegura praza na xornada.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. No caso de non poder acudir, infórmanos da túa situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Anímate e ven connosco!

Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en gnhabitat@yahoo.es
Segue lendo...

Xornada de contacto coa natureza: domingo 13 de marzo de 10 a 14h.


O vindeiro domingo 13 de marzo, de 10 a 14h, levaremos a cabo unha "Xornada de contacto coa natureza", coa posta en marcha de diferentes iniciativas dirixidas á mellora da biodiversidade agraria no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Ao longo da mañá, coa meteoroloxía moi probablemente da nosa parte, centraremos os esforzos na:

- Plantación de especies botánicas autóctonas.
- Xestión de microhábitats beneficiosos para a fauna.
- Posta en valor da riqueza deste espazo e dos traballados de investigación desenvolvidos nel.

A xornada é de balde e está aberta ao público, sendo imprescindible a reserva de praza a través do formulario de inscrición elaborado:


As prazas son limitadas: máximo 20 participantes. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada, cubríndose o resto das prazas vacantes co resto de solicitantes. En calquera caso, seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación.

A data límite para a reserva de praza é ata as 15:00h do venres día 11 de marzo de 2016. Unha vez pechado o prazo de inscrición, confirmarase por correo electrónico a todos os admitidos finalmente na actividade, indicando nel a hora e lugar de encontro, e demais cuestións de interese. O feito de cumplimentar o formulario non asegura praza na xornada.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. No caso de non poder acudir, infórmanos da túa situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en gnhabitat@yahoo.es

Anímate e participa!
Segue lendo...

Hábitat amplía a súa presenza nas redes sociais. Novos perfís en Twitter e Instagram

Dende o Grupo Naturalista Hábitat estamos a facer un gran esforzo para afianzar a nosa presenza en internet, e por iso comprácenos anunciar que xa dispoñemos de contas nas redes sociais Twitter e Instagram. Así mesmo, estamos a traballar nunha nova web que esperamos facer pública nos vindeiros meses.

Xunto co presente blog, a nosa páxina de Facebook e a nosa canle de Youtube, pretendemos que cada día sexa máis fácil estar ao tanto das actividades que imos desenvolvendo dende o G.N. Hábitat, e desta maneira reforzar o noso compromiso principal coa divulgación e conservación da natureza.

Vémonos nas redes!

Segue lendo...

EXPEDICIÓN GALICIA, un desafortunado xeito de achegarse á natureza galega

O Grupo Naturalista Hábitat, xunto cos colectivos ADEGA e GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes), solicitamos á compañía da radio-televisión pública de Galicia (CRTVG) a retirada do programa da TVG de recente estrea “Expedición Galicia” (ligazón). Instamos tamén á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DXCN) a que vixíe o cumprimento da lexislación ambiental nas actividades desenvolvidas neste programa, e a que tramite con rapidez e dilixencia as denuncias das agresións ambientais que poden verse tanto no “trailer” do programa como no seu primeiro capítulo.

A TVG vén de presentar un novo programa que baixo o título de “Expedición Galicia” presenta a unhas persoas percorrendo diferentes lugares do territorio galego e no que, entre outras actividades, levan a cabo prácticas de supervivencia. No “trailer” deste espazo, que pode visualizarse na sección de videos da súa páxina na rede social Facebook (ligazón), podemos ver como vadean un río cun 4x4, comen crúa unha ra dos regos (Rana iberica) incluída no Catalogo Galego de Especies Ameazadas, ou esfarelan un formigueiro para coller material seco co que facer un lume.

Tralo visionado do primeiro capítulo emitido o día 23 de febreiro, poden verse claramente diferentes agresións ambientais sancionables atendendo á lexislación vixente, como son a destrución dun niño de formigas, prender lume nun lugar non habilitado para a súa realización con seguridade ou a acampada e vivaqueo fora de áreas habilitadas para tal feito. Todas estas accións non poden ser emitidas nun programa que pretende achegar a natureza galega a través dos nosos medios de comunicación públicos.

Se ben, como se comenta no Facebook do programa, algunhas das accións están ficcionadas, preguntámonos se é preciso divulgar e fomentar este tipo de prácticas entre a cidadanía galega. Recordamos que os escasos cinco minutos dedicados ao medio ambiente en Galicia que se facían no programa “Natureza”, hai anos xa que desapareceron.

Na opinión dos colectivos asinantes a CRTVG debería retirar este programa e, en aplicación da súa vocación de servizo público e fomento da nosa cultura, promover outros formatos con actuacións máis educativas, na liña do que xa estamos a desenvolver Galicia entidades ambientalistas ou as propias administracións. Propostas e materiais hai abondo: divulgación e conservación da natureza, voluntariado ambiental, custodia do territorio, etc.

Pedimos tamén á DXCN que solicite os permisos oportunos ao persoal de produción que realiza este programa e que actúe de oficio contra aquelas agresións ao medio que aparecen expostas nel. Galicia ten valores naturais abondo que amosar ao mundo nos medios públicos sen necesidade de recorrer a copias de programas doutras latitudes, nas que rexen outras normas de conservación e de respecto pola natureza ben diferentes.

Grupo Naturalista Hábitat
ADEGA
GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes)

Contactos:
G.N. Hábitat (981135014)
ADEGA (981570099)
GEAS ( 669235209, 656532582)
Segue lendo...

Acto de entrega de premios do III Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre"



O vindeiro venres 4 de marzo ás 20:30h terá lugar o Acto de entrega de premios do III Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre": o encoro que nunca dorme. Iniciativa desenvolvida polo G.N.Hábitat da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa).

O evento, de carácter público, celebrerase na sala de exposicións de Emalcsa -Casa da Auga- (rúa Manuel Murguía s/n, planta baixa. Ver mapa), e o aforo virá limitado polo espazo dispoñible nas instalacións.

No acto, ao que acudirán representantes do Concello da Coruña, Emalcsa, Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e G.N.Hábitat, farase entrega dos agasallos e diplomas correspondentes, previstos nas bases reguladoras do certame, a todos os gañadores recoñecidos nesta convocatoria (consulta os gañadores).

Se non o tedes feito xa, animámosvos a visitar as instalacións de Emalcsa, onde poderedes gozar xa da exposición pública das 170 obras de nenos e maiores achegadas nesta convocatoria. Un fermoso homenaxe á natureza a través do debuxo...non vola perdades!


Segue lendo...

Aberta a inscrición para Escola de Naturalistas 2016



Comprácenos comunicarvos que xa temos aberto o prazo de inscrición na IV promoción da nosa Escola de Naturalistas!

Escola de Naturalistas é unha actividade organizada polo G.N.Hábitat dende fai anos, única no ámbito da formación ambiental en Galicia, dirixida ao aprendizaxe e identificación dos elementos que compoñen a biodiversidade Galega. Nela, ao longo dos diferentes bloques temáticos do curso impartidos por diversos expertos, afóndase de xeito teórico e práctico nas diferentes técnicas e áreas do naturalismo (botánica, ornitoloxía, mastozooloxía, entomoloxía, anelamento científico de aves, e moitas outras), consolidando así un programa que abrangue, en gran medida, os diferentes aspectos necesarios para un completo aprendizaxe no eido ambiental.

Se estás interesado en participar, remítenos a túa solicitude antes das 00:00 horas do domingo 14 de febreiro de 2016 (data de peche de inscricións), enchendo e enviando debidamente o formulario de inscrición dispoñible na seguinte ligazón:


Se che gusta a natureza e tes ganas de aprender un pouco máis sobre ela, esta é a túa oportunidade!

Prazas limitadas. Cota de inscrición, 60 euros para socios do G.N.Hábitat e 95 euros para non socios. Diploma acreditativo de participación ao finalizar o curso.

Para información máis detallada sobre esta actividade, consulta o blog de Escola de Naturalistas

Descarga o cartaz da IV promoción de Escola de Naturalistas:

- Cartaz Escola 2016 (formato pdf)
- Cartaz Escola 2016 (formato jpg)

Segue lendo...

CORUÑAVES 2016 "VII Maratón Ornitolóxica no Concello da Coruña". 14 de febreiro


O vindeiro domingo 14 de febreiro, ven connosco e namórate da aves!!

Coruñaves consiste nunha actividade lúdica na que se procura, ao longo dunha mañá, ver e identificar por equipos o maior número posible de especies de aves dentro do municipio da Coruña. O obxectivo fundamental é achegar a ornitoloxía ao público en xeral, fornecendo o coñecemento das aves, aprendendo a respectalas e a gozar da súa presenza, nunha actividade de divulgación ambiental.

Esta actividade está aberta a todo o público (nenos e maiores) e a participación é gratuita. Non son necesarios coñecementos en ornitoloxía para poder participar.

O prazo de inscrición estará aberto ata as 14 horas do venres 12 de febreiro.

Toda a información sobre a actividade, así como o formulario de inscrición, poderédelos atopar nas Bases Reguladoras, que deberán ser consultadas por todos os interesados en participar:

- Descarga as bases reguladoras da actividade.
- Descarga o cartaz de Coruñaves 2016.
- Consulta os resultados do Coruñaves 2015...67 especies de aves observadas en 4 horas de actividade!

Anímate e acompáñanos nunha xornada de campo!!

O G.N.HÁBITAT QUERE COMUNICAR QUE TODAS AS PRAZAS DISPOÑIBLES PARA PARTICIPAR NO EVENTO "CORUÑAVES 2016" FORON CUBERTAS ÁS 19:56h DO MÉRCORES 10 DE FEBREIRO DE 2016. AQUELAS PERSOAS QUE FORMALICEN A SÚA INSCRICIÓN A PARTIR DESE MOMENTO E ATA A DATA LÍMITE FIXADA, PASARÁN A FORMAR PARTE DUNHA "LISTA DE ESPERA", E SERÁN AVISADAS POR ORDEN DE INSCRICIÓN SEMPRE QUE NOS SEXA COMUNICADA ALGUNHA BAIXA. DE NON POÑERNOS EN CONTACTO, DEBERASE ENTENDER QUE NON TEMOS PRAZA DISPOÑIBLE PARA A SÚA PARTICIPACIÓN.

Segue lendo...

Manifesto STOP EUCALIPTO... AVANTE CARBALLO!


É o momento de pararlle os pés ao eucalipto


Nas últimas décadas rexistrouse unha gran expansión do eucalipto en Galiza, a comunidade con maior superficie de eucaliptais do estado. No primeiro Inventario Forestal Nacional (IFN I) de 1972/73, o eucalipto estaba presente nun total de 131.181 ha. Para o segundo (IFN III), realizado en Galiza nos anos 1997 e 1998, o eucalipto estendérase xa por 396.344 ha, o 28% da superficie arborada galega. En vista dos datos provisionais dispoñibles, a finais de 2015 a superficie de eucaliptais en Galiza podería achegarse ás 500.000 ha. Parte desta área é ocupada por eucaliptos fóra de plantación, isto é, asilvestrados ou ventureiros, que medran moitas veces despois de incendios como acontece con outras especies pirófilas.

As plantacións de eucaliptos en Galiza supoñen máis da metade (52%) das existentes no estado e, só por especie, na Península Ibérica localízase o 53% da superficie mundial de Eucalyptus globulus, máis que en toda Australia. Asemade, nos últimos tempos unha nova especie de eucalipto, o Eucalyptus nitens, veu engadirse ás plantacións, chegando a espazos antes vetados para o E. globulus, dada a súa maior resistencia ao frío.

O aumento imparábel do eucalipto relaciónase co abandono agrario e co declive do medio rural galego, caldo de cultivo para o negocio pasteiro. A falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, fai que o destino de montes e terras agrarias sexa o monocultivo, nomeadamente de eucalipto, substituíndo ás frondosas autóctonas. Isto acontece perante a pasividade, cando non complicidade da Xunta, permisiva co incumprimento das normas e que coa reforma do Plano Forestal de 1993 pretende fortalecer as plantacións de E. globulus, consolidar o E. nitens, promover a biomasa e estender os cultivos enerxéticos.

Conscientes da gravidade do problema, e da necesidade de pararlle os pés ao eucalipto para garantir a biodiversidade e a persistencia dun mundo rural vivo, as organización asinantes reclamamos as seguintes CINCO ACCIÓNS:

1. O cumprimento da actual lexislación (Lei de Montes, Lei de Costas, Lei de Conservación da Natureza, etc.) que aínda limita a plantación de eucaliptos en parcelas con masas de frondosas autóctonas, terreos agrícolas, ríos, costas, hábitats de interese… Trátase dunhas mínimas limitacións, a todas luces insuficientes, para asegurar a correcta conservación dos valores naturais da nosa terra, que en moitos casos tampouco están a cumprirse.

2. A prohibición de novas plantacións e a repoboacións con especies do xénero Eucalyptus nos espazos pertencentes á Rede Galega de Espazos Protexidos (RGEP), así como naquelas áreas con presenza de hábitats e especies incluídas na Directiva 92/43CEE.

3. A eliminación de eucaliptos ventureiros ou asilvestrados fóra de plantación, en virtude do artigo 52.2 da Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e do Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, a teor da Disposición adicional segunda.

4. A consideración do Eucalyptus nitens como unha especie exótica e invasora, perigosa para o mantemento da biodiversidade e a funcionalidade dos nosos ecosistemas, en virtude da sentenza 00274/2014 da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional. Xa que logo, prohibir o seu cultivo en todo o territorio galego e poñer en marcha un plano de control e erradicación naquelas áreas nas que xa estea presente.

5. A urxente aprobación de medidas para protexer os nosos bosques autóctonos a través de axudas directas, a promoción de alternativas ao eucalipto e o impulso aos aproveitamentos multifuncionais e sustentábeis. Consideramos que a certificación forestal baixo o selo FSC non debe atinxir ás plantacións de eucalipto, porque nelas non se promove unha xestión forestal ambientalmente acaída, socialmente beneficiosa e economicamente viábel dos bosques.

Galiza, Nadal de 2015

Asinan: ADEGA, AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio), Amigos da Terra, APDR, CEMMA, Colectivo Ecoloxista do Salnés, FEG (Federación Ecoloxista Galega: grupos ADEGA, ADENCO, AEMS-Ríos con Vida, APDR, Asemblea do Suído, CES, Coto do Frade, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verboxido, Verdegaia e Xevale), Grupo Naturalista Hábitat, Verdegaia, As. Rabo do Galo

Descarga:

- Manifesto STOP EUCALIPTO...AVANTE CARBALLO!


Segue lendo...

5 febreiro: Presentación da campaña "STOP EUCALIPTO, AVANTE CARBALLO!"


Este venres 5 de febreiro, 21 organizacións ecoloxistas e naturalistas galegas unímonos para lanzar a campaña "STOP EUCALIPTO, AVANTE CARBALLO!".

Pretende chamar a atención sobre a preocupante extensión das plantacións de eucaliptos en Galiza e a necesidade de conservar os nosos hábitats autóctonos. Reclamamos medidas moi concretas para limitar as afeccións do cultivo desta especie e preservar os bosques autóctonos.

Será ás 12 h na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto 9-11) de Pontevedra. A elección desta cidade como sede para a presentación non é casual: a recente prórroga da concesión de ENCE en Lourizán non só é unha mala noticia para a ría de Pontevedra, senón que ameaza seriamente á biodiversidade de todo o país pola extensión do seu modelo de negocio baseado no monocultivo do eucalipto.

É o momento de pararlle os pés ao eucalipto!
Segue lendo...

Exposición pública das obras do III Certame de Debuxo da Natureza


Prezados compañeiros, comprácenos anunciar que hoxe mesmo comezaremos a montaxe da exposición pública de todas as obras presentadas no III Certame de Debuxo da Natureza Vida silvestre do encoro de Cecebre "O encoro que nunca dorme", organizado polo G.N.Hábitat en colaboración con Emalcsa. A partir de mañá sábado día 30 de xaneiro xa poderedes ir a visitala, e gozar das 170 ilustracións de nenos e adultos de todas as idades, que un ano máis, sorprendéndonos coas súas dotes artísticas, veñen de demostrar como o debuxo supón unha estupenda ferramenta para promover a implicación cidadá no contacto coa natureza.

A exposición estará ubicada na planta baixa da Casa da Auga (rúa Manuel Murguía s/n, A Coruña), e poderá ser visitada libremente ata o vindeiro día 15 de marzo de 2016, sendo o horario o mesmo que o de apertura das instalacións, previsto de luns a venres de 07:30 a 23 h; sábados de 9:30 a 22 h; e domingos e festivos de 9:30 a 21 h.

Continuamos traballando na xestión do acto de entrega de premios. Próximamente publicaremos máis información ao respecto.

Animádevos a visitala!!

Máis información:

- Gañadores do III Certame de Debuxo: ligazón
- Vídeo promocional do III Certame de Debuxo, elaborado por "Edítalos": ligazón
- Calendario 2016 do G.N.Hábitat, froito das obras gañadoras no III Certame de Debuxo (dispoñible para libre descarga en pdf): ligazón
Segue lendo...

Comunicado de Hábitat en relación á prórroga de ENCE

O Grupo Naturalista Hábitat, como moitas outras organizacións de Galicia, súmase á indignación en relación á prórroga de 60 anos para a permanencia de ENCE (Empresa Nacional de Celulosas de España) na ría de Pontevedra, resolta o día 25 de xaneiro.

A día de hoxe o movemento ecoloxista e naturalista galego está a realizar movementos para deixar claro, de xeito unánime, que non quere que ENCE hipoteque o futuro da ría por 60 anos máis, nin tampouco posibilite que máis dunha sexta parte de Galicia sexa a día de hoxe un estéril eucaliptal en plena expansión (“o deserto verde”). A protección do medio natural, o mantemento e mellora do bosque autóctono e a posta en marcha de accións dirixidas á conservación da nosa biodiversidade vense, por desgraza, seriamente comprometidas con estas decisións.

Nós seguiremos traballando sempre en prol dunha Galiza verde, pero de verde carballo, e rica, pero en recursos ecosistémicos.

Engadimos algunhas ligazóns de colectivos involucrados na defensa da ría:

- Asociación pola defensa da ría
- ENCE fóra de ría para sempre

E algunha documentación de interese:

- Primeira intención da Xunta en relación a ENCE, en 2011: ver ligazón
- A conflitividade das plantacións de eucalipto en España e Portugal (Greenpeace): ver ligazón
- Nova en La Voz de Galicia sobre a prórroga: ver ligazón
- Resolución da prórroga: ver ligazón
- Nova en Praza.gal coa cronoloxía de ENCE: ver ligazón

Segue lendo...